Amosando publicacións coa etiqueta Premios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premios. Amosar todas as publicacións

mércores, 27 de maio de 2026

Finalistas no certame O Vello dos Contos

 O alumnado de Oratoria de 4º ESO realizou un fermosísimo podcast que mereceu o seu pase á final do concurso O Vello dos Contos.

Estamos moi contentos porque é a nosa primeira participación neste tipo de certames. 

O máis importante foi a implicación do alumnado e o fermoso ambiente de traballo que se creou arredor da temática do podcast: Cando a poesía canta. 

Os poemas musicados desfilan ao longo dos case 5 minutos de gravación cun resultado verdadeiramente formidable.

Aquí volo deixamos, desexando ao alumnado e á profesora Mary Valugo, tamén do equipo de biblioteca, que gocen do seu paso á final, da gala de entrega de premios que será o día 8 de xuño e do resultado tan bonito que acadaron. Premede na imaxe!!!!



venres, 10 de abril de 2026

Recollendo o Premio de Traballo por Proxectos

 Hoxe viaxamos a Compostela para asistir ao acto de entrega de premios do XI Concurso de Traballos por Proxectos na modalidade de proxectos interdisciplinares, que convoca a Asesoría de Bibliotecas Escolares (a quen agradecemos a iniciativa e o recoñecemento). En xaneiro démosvos a boa nova, pero este ano organízouse por primeira vez  un acto de entrega "físico" do premio. 

Foi un acto sinxelo, ben feito, no que se visibilizou o esforzo de tantos centros que traballan con rigor, ilusión e excelencia: sabemos que hai moitos máis, pero non sempre se dan a coñecer as súas experiencias.

O noso Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro foi merecente deste recoñecemento. Queremos salientar que é un proxecto con unha participación moi alta de profesorado e alumnado. Posto en marcha polo Departamento de Historia, o equipo de Biblioteca colaborou na súa difusión e coordinou a participación de máis departamentos: é un proxecto de todos que, agardamos, continúe moito tempo con nós. 

Non esquecemos a inestimable axuda do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, co que agardamos seguir traballando. 

Por razóns organizativas, unicamente puideron acudir á entrega a directora e a coordinadora da biblioteca, que subiu a recoller o premio. Pero hai moito traballo e moitas máis persoas detrás: grazas a todas elas.





mércores, 28 de xaneiro de 2026

XI Concurso de Traballo por Proxectos 2025: Somos de premio!!!!

Celebramos que o noso proxecto "Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica" foi recoñecido con un dos premios do XI Concurso de Traballo por Proxectos da Consellería de Educación (edición 2025), convocados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares,  na modalidade de proxectos interdisciplinares coordinados dende a biblioteca.

Tamén con este motivo acudimos a recoller en setembro o premio FEAE ao Concello de A Coruña, e estamos encantadas con novo recoñecemento porque levamos varios anos traballando neste eido.

Os resultados veñen sendo moi satisfactorios: fantástica acollida por parte do alumnado e inestimable colaboración de todo o profesorado, a comunidade educativa e a propia vila de Celanova.
O propio Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova acompañounos en todo momento, polo que estamos moi agradecidas. 

Aquí atoparedes todos os centros premiados.  Quédanos a pena de ser o único centro da provincia con este recoñecemento. Ogallá en sucesivas convocatorias haxa máis participación: o que é seguro é que hai grandísimos traballos polos coles e institutos adiante.




mércores, 24 de setembro de 2025

Na prensa: La Voz de Galicia fala de memoria histórica

 La Voz de Galicia recolleu neste artigo o noso paso por A Coruña para recoller o Premio FEAEGA Rafael Rodríguez Martín.

Un bonito resumo do proxecto e do que aconteceu no fermoso acto de entrega, que lembraremos sempre con agarimo.

Premede na imaxe para ver o artigo completo!





venres, 19 de setembro de 2025

Recollendo o premio FEAEGa Rafael Rodríguez Martín en A Coruña

Onte pola tardiña acudimos ao Pazo de María Pita en A Coruña, sede do Concello, a recoller o premio FEAEGa Rafael Rodríguez Martín. Soubémolo o pasado mes de xuño, como vos explicamos nesta entrada do blog , pero a entrega oficial deixouse para o inicio de curso para que houber máis posibilidades de acudir cun grupo xeitoso de profes e alumnado.

O Fórum Europeo de Administradores da Educación (FEAE) é una organización non gobernamental sen ánimo de lucro que traballa no ámbito da educación. No estado español constituíuse na década dos oitenta.

O sentido máis importante do foro é participar crítica e activamente na mellora da educación e desta maneira contribuír a aumentar a súa equidade e a súa calidade.

Neste caso, os premios foron convocados pola delegación galega deste Fórum, e os nosos traballos no eido da memoriahistórica foron recoñecidos con este galardón.

O acto contou con intervencións ben interesantes por parte da presidenta da organización, Susana Vázquez, o Concelleiro de Educación de A Coruña, Juan Ignacio Borrego Vázquez, e nós mesmos explicando o noso proxecto. O alumnado asistente, una representación de bacharelato, participou tamén cunha actitude impecable e recitando un poema do noso Celso Emilio.

Grazas a FEAEGa por esta iniciativa, por visibilizar os traballos dos centros e por acollernos con tanto agarimo. Ogallá poidamos colaborar con vós e contribuír tamén a equidade e a calidade do ensino.

Aquí vos deixamos unhas imaxes. Tamén podedes atopalas nas redes sociais!


Pica na imaxe para acceder ao album completo!



mércores, 11 de xuño de 2025

Somos de Premio!!! FEAE Galicia premia o Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica de Celanova

 A celebralo!!!! Os noso traballos de Memoria Histórica pilotados polo Departamento de Historia e asistidos polo Equipo de Biblioteca (coa formidable colaboración do Comité de Memoria Histórica de Celanova) foron premiados polo Fórum Europeo de Persoas Administradoras de Educación, cuxa división galega convoca o Premio Rafael Rodríguez Martín, este ano na súa V edición. 

Estes premios "... buscan identificar, recoñecer e promover a grupos de docentes comprometidos e comprometidas coa innovación educativa, a través do desenvolvemento de iniciativas didácticas que axuden a construír unha rede de propostas educativas que inspiren transformación e innovación e que sexan facilmente transferibles a outras contornas educativas."

Como reflicten na súa web "FEAE é unha asociación non gubernamental que traballa no ámbito da educación de varios países de Europa, fundamentalmente en aspectos relacionados coa administración e a xestión educativas. Un lugar de encontro, de reflexión e intercambio que ten como obxectivo principal a mellora da calidade da educación."

Así que aí fomos nós co noso Centro Virtual de Interpretación da Memoria Histórica de Celanova, que reúne intervencións neste eido nas que participaron moitos departamentos, moitos agrupamentos e que dalgunha maneira permeou fóra do centro. 

Este proxecto está, como sabedes, dentro da enorme campaña O Fogar das Musas, que busca documentar espazos e pertenzas para musealizar e dinamizar o noso edificio senlleiro que en 2027 cumplirá 300 anos. Aquí podes visitar o noso Museo Virtual, e aquí todas as entradas desta bitácora sobre a campaña.

 Moitísimas grazas a FEAE Galicia por valorar o noso proxecto, e por auspiciar estas iniciativas que potencian e animan á innovación educativa: dannos azos para continuar desenvolvendo o noso labor con renovadas enerxías!

Así o conta FEAE Galicia na súa web , tamén podedes premer na imaxe para acceder ao contido.



martes, 17 de decembro de 2024

O Premio Mouchiño na prensa

 Onte aparecía na prensa a nova do Premio Mouchiño que recollemos o domingo. Premede na imaxe para ver o artigo completo. Aínda nos dura o subidón!


Onte tamén, saltou a noticia: O premiado no Premio Mouchiño do Deporte Moncho Fernández, ao que tivemos o pracer de coñecer o domingo, será o entrenador do Girona de Marc Gasol. Parabéns, Moncho, e moitísima sorte! O teu bo facer de seguro se vai facer notar!



luns, 16 de decembro de 2024

PREMIO MOUCHIÑO!!!!!

 Onte foi un día moi especial. Xa volo podemos contar: A Asociación BxL, Basket por Libros de Celanova recoñeceu a laboura da nosa biblio e da biblio do cole de primaria da vila, o Curros, co premio Mouchiño da Cultura.

Así que asistimos á gala de entrega de premios, no Auditorio Ilduara da nosa vila, moi ben preparada con todo o agarimo e bo facer, e atopámonos con veciñanza, cativada, autoridades e demais: é ben fermoso reunirnos arredor da cultura, do deporte, da poesía, da música...

O premio ao deporte foille concedido ao gran Moncho Fernández, que foi entrenador do Obradoiro, todo un referente no mundo do baloncesto.

Deixámosvos unhas imaxes e un vídeo. Teremos sempre o recordo deste día e o noso agradecemento: si que se pode ser profeta na propia terra. Grazas por todo!














mércores, 19 de xuño de 2024

En Santiago, de premio!!! Recollendo a mención do Innovagal

 É unha mención de honra, pero sábenos a gloria! Traballo de toda a comunidade educativa no que a biblioteca estivo (e está) especialmente implicada! Continuamos!!!

Preme aquí para ver o proxecto premiado!



luns, 29 de xaneiro de 2024

Somos de premio!!!! Outra vez!

 Andamos tan atarefadas que nin tempo tivemos para contarvos a boa nova de que recibimos a Mención de Honra do Premio Innovagal, que recoñece a centros cunha relevante labor didáctica, de investigación e innovación para poder difundir as súas prácticas. 

O noso proxecto interdisciplinar "Arredor do Mosteiro" combina variadas actividades sobre patrimonio, literarias, científicas ou temas transversais. Estamos encantadas de que se recoñeza o traballo que se realiza no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro e que de cando en vez aparezamos no mapa das boas prácticas.

Picade na imaxe para ver o proxecto presentado a concurso!


E o vídeo de candidatura!!!

martes, 22 de novembro de 2022

Música no Mosteiro, de premio!!!!

 Outra vez estamos encantadas de contarvos que un dos nosos proxectos que con tanto agarimo e esmero sacamos adiante volveu obter un recoñecemento externo: o premio de Traballo por Proxectos 2022 na nosa categoría, convocado pola Consellería de Educación. 

Música no Mosteiro foi o proxecto que traballamos durante o curso pasado e que continúa neste grazas a algún fantástico cabo solto que quedou no tinteiro. 

Claro está que non podemos ser alleos ao formidable patrimonio que nos envolve: é natural integralo  nas nosas propostas de traballo, poñelo en valor e que toda a comunidade educativa o coñeza e poida fachendear del. Neste caso, como sabedes, afondamos nos os tesouros musicais do mosteiro: coros, órganos, cantorais, dende a perspectiva musical e a plástica... e xa foi un premio darnos de conta en xuño da enorme produción e das fantásticas experiencias que vivimos neste proceso.

Deixamos aquí o taboleiro no que acumulamos todo ese traballo e aquí todas as entradas deste blog sobre Música no Mosteiro. Agardamos que vos guste! Feliz día de Santa Cecilia, patroa dos músicos!




martes, 21 de decembro de 2021

A nosa biblio, na tele!!!

Os medios volven facer eco do Premio Nacional de Boas Prácticas co que fomos recoñecidos. 

Aquí vos deixamos a noticia no Telexornal de onte, día 20 de decembro. Quedoulles unha montaxe ben bonita!!!

luns, 20 de decembro de 2021

Micro vídeo-resumo do noso proxecto gañador do Premio Nacional de Boas Prácticas.

 A Aula Verde do IES, da man de Carlos Alonso, elaborou este vídeo breve para difundir o noso traballo gañador.

Agardamos que vos guste o vídeo, e xa sabedes que tendes toda, toda a info aquí mesmo no blog. O proxecto , a campaña e algunhas das nosas artistadas.








luns, 13 de decembro de 2021

A prensa fala do noso premio de boas prácticas!

 Mirade que artigo tan chulo apareceu na prensa o sábado! Encántanos que falen ben do noso traballo e do noso centro!


Podedes picar na imaxe para acceder á versión dixital.



xoves, 9 de decembro de 2021

Premio Nacional de Buenas Prácticas 2021



Estamos de celebración porque (outra vez) SOMOS DE PREMIO!!!!!!!

Revalidamos o obtido fai 10 anos (pica aquí para ver o proxecto premiado en 2011): o Ministerio de Educación recoñeceu de novo o traballo da biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro a nivel nacional, demostrando que non perdemos as mañas.

O que máis nos gusta é que o nome da nosa vila e do noso centro (RURAL E PÚBLICO da Galicia profunda) resoe por todo o país como exemplo de boa praxis, e que se poña en valor o traballo do claustro, do equipo directivo, do equipo da biblio, do alumnado e da comunidade educativa en xeral, así como da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Pica na imaxe e bótalle unha ollada á memoria do proxecto premiado: Un mundo feliz?.







 

martes, 28 de setembro de 2021

Tres ourensáns premiados pola súa excelencia académica (un deles de Celanova)

 Pois como ben di o titular, tres ourensáns foron recoñecidos cos Premios Extraordinarios de Bacharelato do curso 20-21. Recibirán 1000 euros e un diploma acreditativo, e a súa xesta constará no seu expediente. Estamos encantadas de que un deles sexa Santiago González, máis coñecido por Santi, e dende aquí mandámoslle os nosos parabéns polo merecido galardón. Orgullo de alumnado! 

Pica na imaxe para ver a noticia completa e a entrevista a Santi.



domingo, 11 de xullo de 2021

Algo estaremos a facer ben...

 Estamos encantadas de redactar esta entradiña estival para felicitar ao noso alumnado en particular e a toda a comunidade educativa en xeral polos fantásticos resultados na ABAU, que nos levaron ata o segundo posto do podio dos centros ourensáns. A materia prima, alumnos e alumnas de Celanova e contorna, é de primeirísima calidade, por iso intentamos non desmerecer como centro. 


Por outra banda, temos outra excelente noticia: un dos nosos alumnos, Santiago González Gómez, foi un dos 20 Premios Extraordinarios de Bacharelato 2021. Parabéns!!!
 Picade na imaxe e botádelle unha ollada ao artigo completo.





mércores, 21 de abril de 2021

Vídeo de presentación das candidaturas ao Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global

 Como vos contamos fai uns días, asistimos á reunión virtual dos finalistas e premiados neste fantástico certame no que tivemos o gusto de participar, o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, e hoxe, a Coordinadora Galega de ONGD envionuos o xenial vídeo que elaborou presentando as candidaturas. Non podemos deixar de compartilo porque é fermoso vernos aí como finalistas coa nosa campaña Cómprame a Igualdade e porque é fermoso ver a cantidade e calidade de proxectos que os centros educativos aportaron. 

Non hai pandemia que poida con nós!

Nós participamos na Categoría B:


Partillamos tamén o vídeo da Categoría A:


venres, 9 de abril de 2021

Participamos na reunión virtual de recoñecidos do certame da Coordinadora Galega de ONGD

Onte pola tarde tivemos o inmenso placer de participar nunha reunión virtual á que fomos convocados os representantes dos centros gañadores e, no noso caso, finalistas, da primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global que convocou a Coordinadora Galega de ONGD.

Xa en xaneiro partillamos nesta bitácora a nosa ledicia polo recoñecemento, e hoxe tivemos a oportunidade de gozar deste encontro.

Foi moi interesante coñecer os outros proxectos: a organización elaborou uns fermosísimos vídeos-resumo de cada unha das iniciativas que nos deixaron abraiadas. Imaxinamos que o noso, Cómprame a Igualdade, tamén abraiaría, a lo menos un pouquiño. O importante é ver cantos centros, docentes, alumnado e comunidades educativas en xeral están implicados nunha mellora da educación e da sociedade. É fantástico.

Tivemos tempo tamén para charlar un pouquiño entre nós, e finalmente, escoitar a experiencia doutra invitada virtual, tamén mestra: a boliviana Lita Gonzales, integrante do grupo Cholitas Escaladoras, un grupo de mulleres aimaras alpinistas que coa súa actividade deportiva fan unha laboura fantástica de empoderamento da muller e promoción da súa cultura, e xa son un referente mundial. Podedes ver aquí un dos seus vídeos, pero as redes están repletas de vídeos e artigos que falan moito e ben delas.

O feito é que quedamos encantadas do encontro: noraboa a todos, grazas pola convocatoria e que continúe celebrándose por moito tempo.