Amosando publicacións coa etiqueta Efemérides. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Efemérides. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de maio de 2026

Hoxe, Festa das Letras!

 


Feliz Semana das Letras! Feliz Día dos Museos: Presentamos Peza do Mes de maio!

 Hoxe, aínda co Raigame no corpo, iniciamos as actividades da Semana das Letras, que como sempre dicimos, son todas as semanas do ano.

Aproveitamos que hoxe é o Día dos Museos para anunciarvos que xa está na nosa vitrina do corredor a Peza do Mes de maio, un modelo de gravadora moi de moda nos 80 e 90 que moi ben puido utilizar a homenaxeada Begoña Caamaño na súa faceta periodística. Velaquí o material informativo.





mércores, 6 de maio de 2026

A ritmo de Swing na Bela Auria de Otero Pedrayo


Estivemos tan ocupadas estes días que non nos dera tempo de contarvos o que sucedeu o día 30 no Claustro Barroco de Celanova e adiantóusenos a prensa.

Tivemos a sorte de acoller un Seminario Intercentros con tan bonito título: A ritmo de Swing na Bela Auria de Otero Pedrayo. O seu tería sido facelo no Pazo de Trasalba, pero os espazos non se adaptaban a tanta xente... Así que Celanova, terra de poetas, acolleu o evento.

Para sinalar o ano Oteriano, os profes de 8 centros preparamos unha coreografía estilo Lindi Hop, chamada Shim Sham, moi popular arredor dos anos 20 e 30 do pasado século, cando a Xeración Nós fixo de Ourense a Atenas galega. Esta coreografía traballámola tamén co noso alumnado para xuntarnos arredor de 200 persoas entre bailaríns e músicos nunha mañá ben emocionante.

Tamén recitamos conxuntamente o xenial poema de Don Ramón "Ao Xamón", que tivo moi boa acollida, e do que estamos preparando o vídeo.

Deixámosvos co titular do evento e co produto final en vídeo, non sen antes agradecer a Pablo e Julia, os nosos profes de baile, ao CFR por apoiar estas actividades, e ao Concello de Celanova por prestarnos o espazo e axudarnos en todo.

Premede na imaxe para ver a noticia completa.




E, POR FIN, O VÍDEO!!!


xoves, 23 de abril de 2026

Feliz Día do Libro!!!!

 Nós celebrámolo instalando un panelciño onde iremos colgando os libros que nos cambiaron a vida... O difícil é elixir só un!!!! Mirade como van medrando os corazonciños...







Tamén fixemos o xa case tradicional "amigo invisible" bibliotecario entre o profesorado e o persoal non docente, á espera de que ás titorías se animen tamén. Hoxe sorteamos os destinatarios e na semana das letras faremos o agasallo. É unha boa manera de partillar, de celebrar e de relacionarnos.

E pola tarde, as participantes no grupo de traballo do PFPP da biblio realizamos a nosa sesión de formación en encadernación creativa, coa nosa profe Isidora Gil, e fixemos creacións así de bonitas:




luns, 13 de abril de 2026

Comezamos coas celebracións do Día do Libro: Música barroca na Biblio




Para que vaiades facendo oco na axenda, anunciámosvos que o día 25 de abril ás 12.00 teremos un plan marabilloso na biblio:

A Ensemble do Departamento de Música Antiga do Conservatorio de Música de Ourense virá a presentarnos a súa produción deste curso: Venus e Adonis, de John Blow. Non vos preocupedes: teremos narración do texto para que ninguén perda o argumento.

Poderedes escoitar en directo instrumentos pouco habituais aquí: clavicémbalo, consort de violas da gamba, consort de frautas de bico e, por suposto, o coro. 

O Ensemble de Música Antiga do CMUS Ourense é un grupo no que cativada, profesorado e outros invitados colaboran para obter unha sonoridade fermosísima, nunha interpretación que chama a atención pola mencionada variedade de instrumentos e de idades: de nove aniños en adiante!

Moi interesantes son tamén as notas ao texto que dende o propio Departamento de Música Antiga nos achegan: 

" Como xa sabemos, John Blow é o compositor da "masque" Venus & Adonis, unha obra que se estreou en Londres o 17 de abril de 1684, despois de ser presentada ao rei Charles II de Inglaterra.
En canto ao libretto, aínda que o mito de Venus e Adonis inspirou o -coñecido e co mesmo título-poema de Shakespeare, do mesmo xeito que o da Metamorfoses de Ovidio, o texto que Blow empregou inicialmente atribúese á escritora Aphra Behn. Non obstante, tamén se pensa que podería ter sido escrito por Anne Finch en colaboración coa poeta Anne Killigrew.
É entón, Venus & Adonis de John Blow, unha obra na cal as mulleres desempeñan un papel único e fundamental na elaboración do texto musicado.
"

Non deixedes de pasarvos por aquí: 50 minutos de boa música nun entorno inigualable como é a nosa biblioteca... E, si: durante a construción do noso Claustro do Poleiro, esta era a música que se interpretaba en toda Europa (o trending topic do momento!)

Aquí podedes ver recesións na prensa desta presentación.

E aquí un pequeno exemplo musical do que foi a estrea no Conservatorio de Ourense.




sábado, 21 de marzo de 2026

Día da Poesía: preparamos materiais para a nosa caseta da feira educativa.

 Non somos terra de poetas? Pois que mellor que engadir na nosa caseta da Feira Educativa Expourense unha actividade poética! 

E que será? Pois unha selección de poemas que invitaremos a recitar a propios e alleos, con acompañamento de piano, por suposto, que xa é marca da casa.

Velaquí a nosa selección, non están todos os que son, pero son todos os que están! (sen esquecernos de Lorca, un gran admirador da nosa fala e da nosa poesía, ao que recordamos no 90 aniversario da súa morte). 

Xa vos contaremos que tal nos foi co recital...




martes, 17 de marzo de 2026

Aprendemos xogando: enchemos Celanova de cor no Día do Cómic


 Esta idea rondábanos na cabeza dende o curso pasado, e durante este curso levámola a cabo durante o proxecto Guía por un Día: Por que non achegar o noso patrimonio á cativada a trevés duns coreables? Non son un cómic, pero parécenselle, por iso volos presentamos hoxe, Día do Cómic, a pesar de que xa levan un tempiño revoloteando pola biblio para agasallar ás visitas.

Polo momento, dispoñemos deles en formato folio, pero non descartamos outros formatos ben orixinais dos que xa vos contaremos (manteis coreables mentres agardamos pola comida?). 

Por suposto, levarémolos á Feira Educativa Expourense e xa volos deixamos aquí para que vos sintades libres de descargar e imprimir.

Paseamos pola arquitectura, a historia, a música, a literatura, e como non, a memoria histórica da vila e dos nosos espazos no Claustro do Poleiro.

Tamén os podedes atopar no taboleiro Padlet do Fogar das Musas e do Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica.

martes, 24 de febreiro de 2026

Miña casiña, meu lar!

Onte celebramos a Rosalía cun caldiño ben saboroso! E recitando o poema que contén a receita! O Departamento de Galego meteunos en danza e fixemos unha lembranza ben riquiña do gran día.

Deixámosvos testemuño audiovisual: o audio é terrorífico, pero veredes o bo ambiente que tivemos no recreo co reparto do Caldiño de Gloria. Seguiremos informando!


Día de Rosalía de Irmafernandez

luns, 23 de febreiro de 2026

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!

 Haberá moitas sorpresas ao longo do día... xa arrecende o Caldo de Gloria do que gozaremos no recreo... pero, como aperitivo, alá vai un recitado para abrir boca, a cargo do alumnado de 1º FPB e con música interpretada no piano da biblio.

Tentaremos dar cumprida conta ao longo da semana das actividades que vaiamos realizando. Feliz semana!




venres, 20 de febreiro de 2026

Mañá é... o día Internacional do Guía Turístico!

Andamos a voltas coas efemérides, e ben é certo que é un pouco de tolos facerlles caso a todas. Xa fai moito tempo que o levamos con certo relax, a pesares de que poden inspirarnos a facer actividades significativas.

O caso é que tiñamos na recámara este vídeo-resumo do proxecto Guía por un Día que comezamos no primeiro trimestre e alá vos vai, para que vexades o bo ambiente do que gozamos en cada unha das cinco sesións que organizamos. 

Agora temos que marchar, que xa comezan as celebracións do Entroido, que aquí as facemos na véspera da Piñata. Deixámosvos co vídeo!



presentamos de Biblio Poleiro


venres, 13 de febreiro de 2026

Día da Radio: continuamos co noso podcast de entrevistas

 Para sinalar este día, deixámosvos outra interesantísima entrevista da colección que está realizando o alumnado de Oratoria, neste caso a Silvia Rivero, a profe de historia. Unha entrevista ben bonita, tanto na súa realización como nas fermosas e sabias respostas que deu a entrevistada. Aquí hai madeira radiofónica!


Entrevista Silvia de Irmafernandez

mércores, 11 de febreiro de 2026

Celebramos o Día da Nena e a Muller na ciencia con novidades... E unha entrevista moi especial!!!

 Nada máis científico que unha nena zombi, por iso vos presentamos novidades na biblio: a colección de Mortiña, en galego, coa que pasaredes moi bos momentos: non pensedes que é só para a cativada, ten uns argumentos ben chulos e algúns experimentos sorprendentes... que non sempre saen ben! Vinde pola biblio, que xa están no expositor de novidades...

Pero aproveitamos este día para amosarvos a primeira das entrevistas que está a facer o alumnado de oratoria: a vítima deste grupo foi a profesora Mercedes Seara, Merchi, de bioloxía e física e química. Ela quería ser exploradora, pero foille mudando a vida... Aquí vos deixamos a entrevista, a modo de podcast...


Benvidos de Irmafernandez

luns, 2 de febreiro de 2026

A maxia de Mª José Cid na nosa biblio

 O venres día 30 celebramos finalmente o concerto de piano de Mª José Cid, adiado por mor da alerta meteorolóxica do día 23. Un día moi acaído: o Día da Paz.

A maxia produciuse nas mans da concertista, e desfilaron pola biblio as notas de Bach, Rameau, Debussy ou Turina.

A temática do concerto era a Inspiración. A concertista, formidable comunicadora, falounos do contexto da creación artística, do paralelismo entre as artes (música, pintura, literatura...) e tamén nos interpelou acerca das cousas que nos inspiran. Ben importante para acadar motivación e loitar polas nosas metas!

É un auténtico privilexio poder gozar dunha actividade de tanta calidade: gran parte do alumnado non acudiría a ela porque de entrada non cae dentro dos seus gustos á hora de xestionar o tempo de ocio. Por iso consideramos importante ofrecela no contexto escolar, e invitámosvos a que saidades da vosa zona de confort que os medios de masas vos ofrecen e vos atrevades a vivir novas experiencias!




















venres, 24 de outubro de 2025

Feliz Día das Bibliotecas!!! A mellor receita contra a desinformación!

 Hoxe recibimos á Televisión de Galicia que está a facer un reportaxe sobre bibliotecas. Agardamos que saíra ben bonito (é un momentiño cativo o que saímos), pero sempre agradecemos que nos teñan en conta. Feliz Día das Bibliotecas!!!!

EDITAMOS! Aquí está o vídeo: a partir do minuto 40 




luns, 13 de outubro de 2025

DÍA DAS ESCRITORAS 2025

 Bo día!

Achegamos a escolma de textos que nos propón a Asesoría de Bibliotecas Escolares e as aportacións da Biblioteca Nacional para visibilizar este día. Tamén este plan para a finde que nos propón a Biblioteca Nós de Ourense.

Aquí no IES realizaremos varias actividades ao longo da semana. Hoxe, sen ir máis lonxe, o alumnado de oratoria traballará sobre uns textos de Emilia Pardo Bazán nos que describe a súa excursión a Celanova e fala das marabillas que aquí atopou, e tamén das partes que estaban en mal estado, instando ás autoridades a interesarse pola súa conservación e posta en valor. Por suposto, en Celanova temos unha rúa dedicada a ela. No proxecto en curso que están a realizar, Guía por un Día, incorporarán ás súas explicacións información sobre esta visitante ilustre.

https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/blog/historia/articulo/emilia-pardo-bazan-feminista-comprometida-y-prolifica-escritora/ 

Velaquí as nosas fontes: Por unha banda, no material da nosa Peza do Mes de decembro 2024, onde aparecen varios viaxeiros ilustres que nos visitaron.

Por outra, nesta estupenda entrada do blog de Manuel Blastres: https://manuelblastres.blogspot.com/2014/01/emilia-pardo-bazan-de-mi-tierra.html 

Que aproveite, feliz día!!!


A rúa Emilia Pardo Bazán, nesta foto antiga atopada en https://ovrense.blogspot.com/2016/04/rua-emilia-pardo-bazan-celanova.html . Recoñécela?




mércores, 21 de maio de 2025

ASÍ FOI A NOSA FOLIADA DAS LETRAS

 Deixámosvos o resumo en vídeo da nosa foliada, que agardamos sexa a primeira de moitas.

Parabéns aos premiados no concurso de coplas, Brais, Nataxa e Ariadna


luns, 19 de maio de 2025

domingo, 18 de maio de 2025

PRESENTAMOS... O NOSO MUSEO VIRTUAL (VERSIÓN ACTUALIZADA E MELLORADA!)

 Hoxe, Día dos Museos, querémosvos presentar a versión virtual do noso Museo, unha das actividades estrela da campaña en curso O Fogar das Musas. 

Estreamos un formato máis vistoso e no que podedes informarvos dos detalles de cada unha das nosas referencias. 

Pouco a pouco irá medrando a colección, pero xa hai moitas pezas subidas nas diferentes categorías: arqueoloxía audiovisual, arte, pezas históricas, e moito máis...


Aquí podedes ver todas as actividades da campaña, que como sabedes ten a meta en 2027, 300 aniversario da conclusión do noso fogar, o Claustro Novo ou Claustro do Poleiro.