Amosando publicacións coa etiqueta Divina Proporción. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Divina Proporción. Amosar todas as publicacións

mércores, 6 de marzo de 2024

Continuamos con... As Versións das Musas

 Hoxe deixámosvos o material de traballo para este proxecto da aula de debuxo artístico, relacionado coas diferentes visións que pode ter cada artista dun concepto. Botádelle unha ollada a este material informativo que partillamos a semana pasada porque é o complemento para que entendamos o bonito e creativo que vai ser este proceso.

Con todos e todas vos, en Versións das Musas, "Obras de arte con outra mirada"!




xoves, 29 de febreiro de 2024

As musas na aula: Copias, versións e interpretacións

 Deixámosvos este bonito documento de traballo para a aula. Como dixo Picasso, os grandes artistas copian, os xenios rouban... Que hai detrás desta frase lapidaria? 

Descubre a diferencia que hai entre estes tres conceptos, copia, versión e interpretación, e goza de exemplos artísticos de todos os tempos! Preme para ver o documento completo!




luns, 12 de decembro de 2022

Desenvolvemento sostible, soberanía alimentaria e mulleres STEM con Hackers Sen Fronteiras

 O pasado día 5 de decembro recibimos a Sergio Fernández, de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, que realizou tres charlas-obradoiro sobre soberanía alimentaria e desenvolvemento sostible. Esta actividade pertence ao programa no que participamos como un dos tres centros piloto de Galicia, Hackers Sen Fronteiras. O programa consiste en que a ONG envía especialistas a realizar charlas e obradoiros aos centros sobre diversos temas de sensibilización en torno á tecnoloxía para o desenvolvemento humano, así como asesoramento e materiais. Como a nosa vindeira campaña 2023 xirará en torno á comida, que mellor que comezar informándonos sobre este tema?

Así, durante as charlas o alumnado puido constatar como o modelo actual de produción e consumo non é sostible, e dá lugar a desigualdades, malgasto dos recursos, contaminación e un longo etcétera de consecuencias negativas.



O facilitador cedeunos os materiais empregados por se queremos nalgún momento repasalos: algúns vídeos moi axeitados e unha presentación con datos moi interesantes. Pica nas imaxes para acceder.




Tamén recibimos, o mesmo día, a Martina Páramo e Lucía Amaro, enxeñeiras de telecomunicacións e voluntarias da ONG, que partillaron na nosa biblio as súas experiencias como mulleres de ciencia. 

Mulleres novas e moi ben preparadas que poden ser referente e motivación para o noso alumnado, e que moi amablemente tamén nos cederon a presentación informativa que prepararon para o evento. Graciñas!!!








venres, 4 de febreiro de 2022

Avanzamos con "Música no Mosteiro"

 Mirade que marabilla: avanzan as creacións artísticas do alumnado de debuxo! Achegamos o padlet onde podedes ver o proceso tan rigoroso de traballo que están a seguir. Parabéns!!!!

Nos próximos días iremos subindo máis materiais e fases deste proxecto que nos ten ben entretidas!


Hecho con Padlet

mércores, 10 de novembro de 2021

Música no mosteiro: avanzamos co canto chan.

 Hoxe deixámosvos este material que utilizará todo o alumnado participante no proxecto, pero principalmente o alumnado de Linguaxe e práctica musical, e que nos sirve para documentarnos en aspectos históricos e técnicos do canto gregoriano ou canto chan. 

É un patrimonio moi importante porque, entre outras cousas, sentou as bases da escritura musical actual. Dicirvos que na biblio temos varios volumes e gravacións para profundizar máis no tema. Que aproveite!



xoves, 4 de novembro de 2021

Temos un novo proxecto entre mans: Música no Mosteiro

 E aí vos vai un fantástico material informativo para apoiar a primeira sesión, que iremos ampliando conforme o noso proxecto anual. Que vos preste!

 

Tamén estades invitados a visitar o álbum de fotos do que aconteceu onte no Coro Alto do Mosteiro de San Salvador de Celanova... Continuará!



domingo, 18 de abril de 2021

DIVULGANDO ARTE II: charlas virtuais sobre autores diversos

Esta semana en DIVULGANDO ARTE teremos o placer de escoitar a Andrea, presentando o seu traballo sobre Velázquez e a Ana, sobre o Impresionismo, o martes 20 e o xoves 22 respectivamente, ás 17.00.

De novo, non tes máis que, chegada a hora, copiar este enlace no teu navegador:

https://meet.jit.si/DIVULGANDOARTE

e gozar da arte explicada polas mellores!





xoves, 15 de abril de 2021

Hoxe, Día da Arte, cadeiras.

Como sabedes, producimos materiais variados. Hoxe, Día Internacional da Arte (cumpreanos de Leonardo da Vinci -fai 569 anos que naceu-), traémosvos esta presentación tan chula sobre cadeiras de diferentes deseños que o departamento de Plástica na persoa de Isidora Gil elaborou para o seu alumnado. As cadeiras tamén poden ser arte!

Que aproveite!

 

sábado, 10 de abril de 2021

DIVULGANDO ARTE: charlas virtuais sobre autores diversos

O Departamento de Xeografía e Historia, co profe Raúl Rodríguez Iglesias, argallou algo ben bonito: o seu alumnado de Historia da Arte de 2º de Bacharelato, que xa está na recta final do curso, exporá os seus traballos sobre diversos autores e todos poderemos asistir porque será virtualmente, vía Jitsi.

Non tendes máis que copiar no voso navegador o enlace que aparece nos cartaces,

 https://meet.jit.si/DIVULGANDOARTE ,  

e pasalo en grande aprendendo mil cousas da man dos nosos expertos.

Esta próxima semana, Aitana exporá o martes ás 17 o seu traballo sobre Dalí e Lucas aportará os seus coñecementos sobre Van Gogh o xoves á mesma hora. 

Seguiremos informando nas vindeiras semanas de cada un dos eventos, pero tamén atoparedes fermosos cartaces informativos -deseñados por Isidora Gil- polos corredores.





mércores, 24 de marzo de 2021

Ilustrando contos: "O libro dos moradores"

 E velaquí os apuntamentos que Isidora Gil elaborou como material de docencia para un grupo de profes que quere este libro de relatos curtos de Darío Xoán Cabana. 

É unha preciosidade, está moi ben explicadiño, con exemplos e documentación, e con pistas e consellos para abordar semellante fazaña (ilustrar!). Podemos ver tamén os traballos que os profes están a elaborar, e que son ben xeitosos. A seguir así!

Felices vacacións!

luns, 22 de marzo de 2021

Feísmo

Presentamosvos este material sobre feísmo, mal xa endémico do noso entorno e que non leva trazas de mellorar. Eduquemos o ollo para loitar contra as actuacións que degradan a beleza das nosas aldeas, vilas e cidades!

mércores, 17 de marzo de 2021

Ilustrando contos

 Hoxe deixámosvos esta fermosa presentación na que pasiño a pasiño se nos van mostrando pistas para ilustrar un conto. É moi importante o feito de que a ilustración completa á historia, a aclara ou a adorna, así que finalmente non importa tanto a técnica... Non obstante, tamén nos da unhas pistas sobre diferentes materiais e técnicas, nos explica como documentarnos ou aporta ideas sobre a composición da ilustración.

Pero é mellor que a vexades pola vosa conta, que non ten desperdicio! Que aproveite! 


xoves, 4 de febreiro de 2021

Máis material do noso Seminario Permanente: O Románico

De novo a nosa experta en infografías Marta Varela agasállanos con esta fermosa presentación para que non vos perdades nada do Románico. As 4 claves definitivas!

luns, 29 de xuño de 2020

Non queda ninguén!

Fermosísimo proxecto no que o alumnado de debuxo baleirou grandes obras da historia da arte e deixounas sen personaxes. Lembrades o titorial tan chulo que achegamos o mes pasado? Podédelo ver aquí... Pois isto é resumo do que saiu de todo ese traballo. Impresionante!
Atentos e atentas a vindeiras publicacións, que hai máis!






venres, 5 de xuño de 2020

Hoxe é o Día do Medio Ambiente!

E para celebralo, aí vai un traballo ben chulo do alumnado de debuxo artístico: Herbas para comer e curar.

Que todos os días sexan o Día do Medio Ambiente!

Pica na imaxe para ver tódolos debuxos!


mércores, 27 de maio de 2020

A arte de quedar na casa.

Hoxe deixámosvos o titorial, se queredes, o "como se ten que facer", este proxecto tan chulo da materia de Debuxo Artístico I para o confinamento no que continuamos...

Está inspirado nun traballo de David Bokeh que baleirou as obras de arte de xente... porque todos quedaron na casa!

Aquí tendes logo o documento-titorial sobre o que está traballando o alumnado. Xa nos tarda ver os resultados e o "como se fixo"!

Picade na imaxe para velo, e, de propina, achegámosvos tamén o vídeo inspirador de David Bokeh. Que aproveite!


luns, 20 de abril de 2020

Comezamos a Semana do Libro... Ilustrando

Hoxe achegámosvos esta interesante presentación realizada para que o alumnado de 1ºBach de Debuxo Artístico traballe dende casa... Dan ganas de poñerse a debuxar! Porque a ilustración, como di unha das definicións que aparecen na presentación, sirve para que unha historia se entenda mellor.
Feliz Semana do Libro!



mércores, 15 de abril de 2020

Día Mundial da Arte

Hoxe, 15 de abril, é o Día Mundial da Arte. Hoxe partillamos estas obras de arte revisitadas que o Ministerio de Cultura ucraíno convertiu en propaganda referente ao control da pandemia que estamos a vivir. Coñecedes as obras de arte orixinais? É bo momento para investigar!




xoves, 2 de abril de 2020

Día da Literatura Infantil e Xuvenil

Coincidindo co natalicio de Hans Christian Andersen celebramos hoxe o día da Literatura Infantil e Xuvenil. Alá vai a nosa homenaxe: aquí vos deixamos as fermosas portadas que deseñamos para o noso Proxecto Gutenberg, no que, como sabedes, traducimos e ilustramos (e mesmo encadernamos!) contos clásicos, entre eles, estes. Se picades nas imaxes, podedes acceder aos textos. Que aproveite!










mércores, 1 de abril de 2020

Hoxe é o día das Artes Galegas

Hoxe é o día das Artes Galegas, e nesta edición o homenaxeado é  Domingo de Andrade, autor, entre outras cousas, das famosas escaleiras do Museo do Pobo Galego (Bonaval) ou a Casa da Parra.

Nós unímonos a esta homenaxe partillando este excelente traballo do alumnado de debuxo de 1ºBACH. Agardamos que vos guste!