xoves, 9 de outubro de 2025

Visita a nosa Peza do Mes de outubro, xa instalada na súa vitrina!

 Ou moito mellor, vén á presentación da Peza do Mes, o noso Silabario facsímil de 1937: o alumnado de FPB explicarán estupendamente os detalles da peza e falarán dun tema importante: a alfabetización.

Sabiades que en pleno século XXI, nun país con educación pública de moi bo nivel, un 13% da poboación non sabe ler nin escribir? Si, de cada 100 persoas, 13 son analfabetas...

O dito, vémonos o día 14 no recreo no corredor da biblioteca... Non vos preocupedes que hai tempo tamén para comer o bocata: seremos breves.








mércores, 8 de outubro de 2025

Moitas, moitas novidades!

 Días de moito pedido, o arrecendo dos libros novos, moito Koha e moita pegatina... quen o probou, sábeo!

Pero moi contentas, enchendo os andeis e expositores de novidades e coa Hora de Ler e o Club xa vento en popa!





luns, 6 de outubro de 2025

Comeza outubro cunha nova edición da Peza do Mes!!! O noso silabario dos anos 30

 E desta volta presentámosvos este fermoso silabario dos anos 30 que habitualmente forma parte da nosa exposición da Sala Gótica, "A Escola de Antonte" e durante os vindeiros días viaxará á nosa vitrina para ser a protagonista do tema do mes, algo tan fermoso como APRENDER A LER.

Velaquí o material elaborado pola nosa colaboradora excepcional Isidora Gil: premede na imaxe para acceder ao documento completo.



martes, 30 de setembro de 2025

Un dos nosos favoritos en Bibliopoleiro... Andrea Camilleri

 Neste mes que remata cumpriuse un século do nacemento dun autor que nos encanta: Andrea Camilleri.

Recomendámosvos encarecidamente que o leades, e abofé que na Bibliopoleiro estamos ben surtidos: poderedes atopar ao comisario Montalbano, o seu principal personaxe, nunha saga de novelas fascinante.

Aquí vos deixamos un artigo estupendo sobre o aniversario de Camilleri:




mércores, 24 de setembro de 2025

Na prensa: La Voz de Galicia fala de memoria histórica

 La Voz de Galicia recolleu neste artigo o noso paso por A Coruña para recoller o Premio FEAEGA Rafael Rodríguez Martín.

Un bonito resumo do proxecto e do que aconteceu no fermoso acto de entrega, que lembraremos sempre con agarimo.

Premede na imaxe para ver o artigo completo!





venres, 19 de setembro de 2025

Recollendo o premio FEAEGa Rafael Rodríguez Martín en A Coruña

Onte pola tardiña acudimos ao Pazo de María Pita en A Coruña, sede do Concello, a recoller o premio FEAEGa Rafael Rodríguez Martín. Soubémolo o pasado mes de xuño, como vos explicamos nesta entrada do blog , pero a entrega oficial deixouse para o inicio de curso para que houber máis posibilidades de acudir cun grupo xeitoso de profes e alumnado.

O Fórum Europeo de Administradores da Educación (FEAE) é una organización non gobernamental sen ánimo de lucro que traballa no ámbito da educación. No estado español constituíuse na década dos oitenta.

O sentido máis importante do foro é participar crítica e activamente na mellora da educación e desta maneira contribuír a aumentar a súa equidade e a súa calidade.

Neste caso, os premios foron convocados pola delegación galega deste Fórum, e os nosos traballos no eido da memoriahistórica foron recoñecidos con este galardón.

O acto contou con intervencións ben interesantes por parte da presidenta da organización, Susana Vázquez, o Concelleiro de Educación de A Coruña, Juan Ignacio Borrego Vázquez, e nós mesmos explicando o noso proxecto. O alumnado asistente, una representación de bacharelato, participou tamén cunha actitude impecable e recitando un poema do noso Celso Emilio.

Grazas a FEAEGa por esta iniciativa, por visibilizar os traballos dos centros e por acollernos con tanto agarimo. Ogallá poidamos colaborar con vós e contribuír tamén a equidade e a calidade do ensino.

Aquí vos deixamos unhas imaxes. Tamén podedes atopalas nas redes sociais!


Pica na imaxe para acceder ao album completo!



xoves, 11 de setembro de 2025

BENVIDAS, BENVIDOS AO CURSO 2025/2026

 Agardamos que pasarades un verán fantástico e veñades coas pilas cargadas.

Pola nosa parte, temos ilusión de que o curso estea cheo de aprendizaxe, boas experiencias e moita cultura!

Inauguramos o blog con este recordatorio de como buscar na biblioteca, por se a alguén se lle esqueceu... 

Feliz curso!!!


Premer na imaxe para acceder ao documento completo.