Como sabedes, entre os anos 1936 e 1943 o Claustro do Poleiro no que habitamos destinouse a prisión, e a nosa biblio foi a armería. De aí que titulemos esta escolma que realizamos para o Día da Paz, "Libros contra as balas"... Na imaxe podedes ver un dos nosos andeis que conservan a fenda na que se apoiaban as armas. Agora están ocultas polos libros, pero sempre convén non esquecer o pasado e aprender del. Pica na imaxe para saber máis sobre a historia do noso Claustro do Poleiro.
luns, 31 de xaneiro de 2022
Recursos de lectura para o Día da Paz 2022
domingo, 30 de xaneiro de 2022
Día da Paz 2022
Hoxe é o Día da Paz. Levamos uns días que se nos acumulan as efemérides, pero non podemos deixar de visibilizar as cuestións importantes.
Aquí podedes ver como preparamos o contexto e escolmamos materiais da biblio, e a continuación deixamos dous documentos audiovisuais con traballos do alumnado, feitos con ilusión e autenticidade.
O primeiro, recitado do poema "Cunetas", de Luís Pimentel, en plano secuencia a primeira toma polo alumnado de 1º de FPB. Pica na imaxe para ver e escoitar!
E tamén achegamos a gravación da música de Blowing In The Wind, coñecido tema de Bob Dylan pola súa temática en relación coa xustiza, a liberdade e a paz. Pica na imaxe para ver e escoitar!
EDITAMOS! Tamén podedes botar unha ollada á escolma que realizamos titulada "Libros contra as balas".
xoves, 27 de xaneiro de 2022
PREPARANDO O DÍA DA PAZ 2022
Calquera é bo día para insistir en que non hai un camiño para a paz, senón que a paz é o camiño (Gandhi).
Pero xa que nos achegamos ao 30 de xaneiro, Día da Paz, estamos preparando uns detalliños para visibilizar esta data tan importante.
Temos xa preparado na biblio un expositor de fondos no que tamén hai material propio que podedes ver, consultar e levar, como por exemplo a fermosa escolma "Poemas da guerra e da paz", procedente da nosa campaña "Guerra e Paz" do ano 2018.
Tamén está en proceso un panel no corredor de abaixo con textos da nosa campaña sobre a paz e os dereitos humanos do ano 2012...
E aquí deixamos tamén unha chea de entradas desta mesma bitácora onde abordamos o tema da paz: cine, recursos e informacións varias. Que aproveite!
luns, 30 de xaneiro de 2017
Educar para a paz.
venres, 20 de xaneiro de 2017
7 mil millóns de Outros... unha experiencia humana.
Dende a xenial páxina Cuaderno Intercultural chéganos este interesante artigo (ademáis de recursos, cine, ilustración e multitude de contidos interesantes).
Que cousas da vida son as que preocupan aos seres humanos? Como resolven os seus problemas? Como definen ou expresan sentimentos ou ideas abstractas? Como son as súas relacións familiares? 40 preguntas deste tipo, as mesmas para todos, foron feitas a 6000 persoas procedentes de 84 países... conclusións? Entra no artigo e compróbao... no fondo, non somos tan distintos.
venres, 29 de xaneiro de 2016
Cine para a paz: as nosas recomendacións.
mércores, 27 de xaneiro de 2016
Cine para a Paz
O Cine, como espello da vida, ás veces fantástico e ás veces real, recolle as miserias humanas, a guerra entre outras. Moitas películas reflicten directa ou indirectamente situacións de inxustiza, insolidariedade e violencia, e moitas as denuncian.
Como imos De Cine, aquí van, logo, unhas suxestións que recollemos de aquí e de acolá para
conmemorar o Día da Paz ante a pantalla.
Encántanos, para empezar, o gran traballo que están realizando dende a biblioteca do IES Santiago Basanta Silva, de Vilalba, que teñen un blog fantástico. onde recollen en diferentes entradas moi variados recursos para conmemorar esta data tan significativa. Atopamos xogos, cancións, citas célebres, que foron colgando durante a última quincena, pero o mellor de todo son as súas entradas sobre cine , curtas e outros audiovisuais de interese.
Excelente tamén o blog Bibliolucus, do IES Lucus Augusti, que elaborou esta selección de libros e pelis e este folleto que fai un repaso do que conmemoramos o día 30 e da súa historia no calendario. Mesmo teñen tamén un vídeo que fai referencia ás mulleres que obtiveron o Nobel da Paz. Ben interesante!
Inevitable incluír un clásico: a sección Videoteca da páxina do Seminario Galego de Educación para a Paz. Entre outras recomendacións, todas elas con guía didáctica, parécenos imprescindible Bowling for Columbine , pero poderedes atopar outras moi interesantes.
Outro clásico é a páxina Cine e Educación en Valores 2.0, que fai propostas por franxas de idade... A pesares de estar máis orientada a temas de saúde, moitas das películas son tan boas e teñen tantas lecturas que son abordables dende outras perspectivas. Recoméndamos, por exemplo, a xenial peli La Ola.
A Asociación de Orientadores de Castilla.-La Mancha tamén ten a súa páxina adicada ao cine. Parécenos moi oportuno que teñan un apartado adicado á linguaxe audiovisual . Coñecendo algúns dos seus recursos poderemos captar moito mellor os matices do que estamos a ver, así que damos por recomendada a visita a esta sección e por suposto á sección de películas.
En Educarueca, todo un referente no tema da educación en valores, atopamos esta sección de Cine para a Paz. Simplemente é un listado de películas clasificadas por temas: a guerra e as súas consecuencias, o militarismo, o pacifismo, etc. Algunhas teñen comentarios ou sinopse pero outras non, e o resultado é un pouco caótico. Pero o listado é tremendamente completo, e inclúe moitas pelis menos coñecidas para o "gran público", así que é unha boa maneira de ampliar miras.
Gústanos moito este artigo, Diez filmes para educar para la paz, que foi publicado na revista Making Of (nº 91-92) Especial Educación para la Paz.
En calquera caso, neste enlace tendes un montón de propostas, De Cine e de todo o demais, que nos achega o blog das Bibliotecas Escolares de Galicia... e a Red de Buenas Prácticas 2.0.













