Amosando publicacións coa etiqueta O Exército de Dumbledore. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Exército de Dumbledore. Amosar todas as publicacións

martes, 27 de xuño de 2017

Percorremos Ribadavia e convivimos cos amigos do Club de Lectura do IES Aquis Queruqernis de Bande

O prometido é débeda: Alá vai o padlet con materiais para que vexades o chula que foi a nosa convivencia en Ribadavia. O apartado de "documentos gráficos" irá crecendo progresivamente a medida que nos compartan fotos e vídeos...

Made with Padlet

luns, 26 de xuño de 2017

E xa foi! Despedimos o curso convivindo en Ribadavia!

O pasado 22 de xuño despedimos o curso cunha actividade conxunta de convivencia de clubs de lectura cos amigos do IES Aquis Querquernis de Bande.

Ribadavia acolleunos moi ben, e pasamos un día estupendo entre historia, exotismos, lecturas e turismo activo... e moitas risas!

Á espera de recibir o material gráfico dos nosos reporteiros e reporteiras, e deixar preparado o noso taboleiro cos materiais, que xa vos compartiremos, so queda dicir: "Ata o ano que vén". Esperamos repetir.

Seguiremos informando!!!

venres, 16 de xuño de 2017

Teatro-Jazz en Compostela. Un día ben aproveitado!

E continuando con actividades pasadas que non deu tempo a mencionar, aquí nos vai esta tan chula en colaboración co departamento de música. Tivemos a sorte de que no Auditorio de Galicia nos seleccionaran para asistir ao espectáculo didáctico de Jazz teatralizado a cargo da compañía Gallaecia Gallaeciños, e convidaron ao noso club O Exército de Dumbledore a participar na actividade.

Da man de músicos e actores coñecemos as raíces e a evolución do Jazz dun xeito moi ameno e entretido, e, por que non, non deixa de estar inserto na nosa campaña de Exotismos: da fusión cultural poden xurdir grandes cousas.

O EDLG colaborou tamén e visitamos o Museo do Pobo Galego, desta vez dedicándonos especialmente aos oficios e ao traxe.

E para que o día fora completo, completo, o organista da Catedral de Santiago, Adrián Regueiro, explicou as características do órgano e tocou para nós unha selección de pezas marabillosamente interpretadas.

Non se pode ter máis por menos! Territorio das Artes!



luns, 20 de marzo de 2017

A Ollada de Manal

Interesantísima a charla con Manal que mantivemos o pasado luns na biblio...
Está claro que para loitar contra os prexuízos e mellorar a convivencia, a ferramenta máis poderosa é a educación.

Como? Que quen é Manal?

Bótalle unha ollada á presentación que aparece a continuación e comparte a nosa experiencia!




xoves, 15 de decembro de 2016

25N: Resultado final

Aquí vos deixamos un pequeno resumo das nosas actividades do día 25 de Novembro. Axudados polo Centro de Información á Muller da Mancomunidade Terras de Celanova resultou un acto moi emotivo e con moito significado. Aquí tendes o enlace do propio día do acto, onde atoparedes tamén a curta que proxectamos. Ademáis de vela, limos uns textos preciosos elaborados polo alumnado e o manifesto reivindicativo que nos preparou o CIM, e por suposto, descobremos o mural, que agora pendura dunha das nosas paredes. Todo un exemplo de traballo en equipo!


venres, 25 de novembro de 2016

25N: Non máis violencia

Para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, invitámosvos a que pasedes pola nosa mesa de mulleres protagonistas. Hai moito que ler, que ver, que escoitar...


Nun ratiño teremos un encontro para recordar as mulleres que marcaron a nosa vida, a un tempo importantes e anónimas. Nel veremos unha curta, leremos os nosos textos, destaparemos un mural... Contarémovolo no próximo post. De momento, deixámosvos coa curta "El orden de las cosas"







martes, 28 de xuño de 2016

E para festexar o fin de curso... La Ola

Hoxe o Exército de Dumbledore reuniuse para despedirse e ver La Ola, que foi un dos libros que leron durante o curso... Despóis irán todos de celebración, porque as vacacións hai que celebralas, e moito... Feliz verán e feliz lectura!!!




E para un verán De Cine, velaquí as 20 maletas coas mellores pelis para disfrutar das vacacións!

martes, 7 de xuño de 2016

Comedia a 12 cordas: Filosolfando na nosa Biblio!

De novo imos contar cunha produción de alto nivel na nosa biblio: Filosolfando. Luís Iglesia e Xabier Deive, que nos trouxeron en xaneiro de 2014 o seu espectáculo Sede de Mal, vistítannos para ofrecernos, en palabras da compañía, Boneca Lareta...

"un espectáculo que é a continuación natural, talvez a evolución necesaria, da anterior montaxe da produtora: Sede de Mal. Nesta ocasión, os dous intérpretes soben ao escenario para reflexionar sobre unha cuestión simple, sinxela, do máis mundana, un asunto que é tan vulgar que lle acontece a calquera, mesmo a un ninguén: A existencia! Esa é a cuestión e non o outra. 

A filosofía proclama iso de que un ser humano “pensa, logo existe.” Pero... de verdade facemos unha cousa antes ca outra? Deive e Iglesia comezan nese punto a interpretar a partitura da obra, escrita e dirixida polo actor, autor e director teatral Avelino González. 

Se en Sede de Mal Boneca Lareta nos propuña unha comedia a doce cordas sobre o lado escuro da vida, agora as cordas soan ao redor do lado menos sensato desa mesma vida de claroscuros"

Vémonos o xoves día 16 ás 12.30 na biblio...


Alá vai o aperitivo:

martes, 8 de marzo de 2016

Que ben o pasamos no teatro!!! O club de lectura vai de excursión.

Perdoade o retraso, pero é que andamos a cen! Mais agora vos vai o post detallado das nosas actividades do día 18 febreiro.

Mañá completiña: primeiro, visita ao conservatorio, onde Marisol Mendive nos acolleu e nos explicou o funcionamento do instrumento órgano que nos abraiou coa súa complexidade e coa súa sonoridade. Mesmo tivemos mini concerto, da propia profesora de órgano Marisol e das nosas profes de música tocando o órgano a catro mans e catro pés.





A continuación demos un paseíño ata o centro e chegamos ao Teatro Principal, onde as nosas entradas para Variedades xa estaban reservadas. Sentámonos no patio de butacas e... a disfrutar! Pequenos fragmentos teatrais foron poñendo ante os nosos ollos diversas situacións, moitas delas reivindicativas dos problemas aos que se enfronta a sociedade de hoxe. Dende un informativo surrealista ata a historia de por que as ras lle cantan a lúa, pasando por uns parados laborais viaxeiros do tempo na percura dun traballo digno. Outros centros educativos enchían o teatro, e penso que todos saímos contentos da experiencia.

Aproveitamos o desprazamento para recitar a Rosalía alá onde fomos... os nosos recitados aparecen no vídeo homenaxe que lle adicamos no seu día. Unha experiencia completiña, completiña.