Amosando publicacións coa etiqueta Guía por un Día. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Guía por un Día. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de xuño de 2026

As mil vidas do mosteiro: un podcast sobre a historia do noso querido Claustro do Poleiro

 Alá vai un súper podcast realizado polo alumnado de oratoria de 3ºESO, dentro do proxecto Guía por Un Día. Pensamos que pode axudar a ilustrar as visitas guiadas que retomaremos no curso que vén.

Dun xeito moi ameno e entretido aprederedes un montón sobre a historia do noso Claustro do Poleiro, para ir preparando o seu 300 aniversario o curso que vén.


venres, 22 de maio de 2026

Inesquecible concerto de Álvaro Sieira.

Aquí vos queda o testemuño audiovisual do concerto de onte. Unha fermosura de obras, sensacións, atmosferas e toda a sensibilidade do mundo que Álvaro nos trasladou dende as teclas do piano.

O acto comezou cunha breve presentación do programa a cargo do alumnado de oratoria de 3ºESO para comprender un pouco mellor o que iamos escoitar. Aquí vos deixamos as notas ao programa que eles presentaron, e que foi esta marabilla:

PROGRAMA
Johannes Brahms
Seis piezas para piano, Op. 118
Intermezzo en la menor
Intermezzo en la mayor
Balada en sol menor
Intermezzo en fa menor
Romanza en fa mayor
Intermezzo en mi bemol menor

Isaac Albéniz
Suite Iberia
El Corpus Christi en Sevilla
Almería

Enrique Granados
Goyescas
Quejas, o la maja y el ruiseñor

Millóns de grazas, Álvaro! Na Semana das Letras, atopamos en ti un "bo e xeneroso" que nos deixou abraiados co seu bo facer.


















luns, 27 de abril de 2026

O Fogar das Musas, de verdade, na Semana do Libro: música barroca na biblio

 O pasado sábado, o noso IES foi O Fogar das Musas de verdade.

Un día de portas abertas para sinalar a Semana do Libro no que propios e alleos gozamos da beleza do Claustro do Poleiro, da nosa acolledora biblioteca, da poesía, da música...

A xornada comezou, portas adentro, cos músicos preparando e afinando na biblioteca... nin máis nin menos que un clavicémbalo, un órgano eléctrico e un teclado subiron as escaleiras de pedra. A continuación subiron tamén violas da gamba, frautas de pico, voces, violín e contrabaixo...

Mentres, no busto de Celso Emilio Ferreiro que sinala a nosa entrada principal, comezaba a reunirse un bo número de visitantes dispostos a percorrer o Poleiro da man da visita guiada que ofreceron os alumnos e alumnas de oratoria. Comezamos, como non podía ser menos, recitando conxuntamente a Celso Emilio baixo a bóveda que dá acceso ás dependencias do IES. A visita tivo nervios, anécdotas, risas e descubrimentos, e rematou na biblioteca para dar paso á música.

A nosa sorpresa foi maiúscula cando as cadeiras todas da biblioteca non chegaban para acoller ao público do concerto. Solucionouse da mellor maneira, aínda que os asentos a maiores non fixeran xogo cos que había. Non importou. Axiña, presentado o concerto polo alumnado de oratoria (que falou sobre os instrumentos, a formación que iamos escoitar e a obra que interpretarían), saíron os músicos a escena. Aquí, as notas ao programa.

O Ensemble de Música Antiga do Conservatorio de Música de Ourense non defraudou. Fantásticos instrumentistas, algúns moi novos, grandes voces e unha obra tráxica e ben fermosa, Venus e Adonis de John Blow... Emocionámonos e gozamos das harmonías do barroco, nunha viaxe no tempo ata os momentos da construción do noso edificio. A coordinadora da biblio tivo a sorte de ser a narradora do argumento, para axudar á súa comprensión.

Foi marabilloso reunir a tantas persoas para gozar da arte e da convivencia, partillar o patrimonio e dinamizar o centro e a vila.

Co 300 aniversario do Poleiro cada vez máis preto, agardámosvos en próximas convocatorias: paga moito a pena.

Deixamos testemuño audiovisual!













venres, 20 de febreiro de 2026

Mañá é... o día Internacional do Guía Turístico!

Andamos a voltas coas efemérides, e ben é certo que é un pouco de tolos facerlles caso a todas. Xa fai moito tempo que o levamos con certo relax, a pesares de que poden inspirarnos a facer actividades significativas.

O caso é que tiñamos na recámara este vídeo-resumo do proxecto Guía por un Día que comezamos no primeiro trimestre e alá vos vai, para que vexades o bo ambiente do que gozamos en cada unha das cinco sesións que organizamos. 

Agora temos que marchar, que xa comezan as celebracións do Entroido, que aquí as facemos na véspera da Piñata. Deixámosvos co vídeo!



presentamos de Biblio Poleiro


martes, 11 de novembro de 2025

Achados fabulosos: máis sobre a nosa campá

Mirade que sorte tivemos: na visita do xoves día 6, un dos asistentes comentounos que tiña constancia dunha imaxe dos anos 60 na que aparecía a campá colgada na súa espadana...

A nosa sorte continuou porque Hixinio, do Comité de Memoria Histórica que asistiu á visita, non se esqueceu da conversa e nos achegou, procedente do Arquivo de Galicia, unhas imaxes da colección fotográfica de Chamoso Lamas onde se pode apreciar a campá na súa ubicación orixinal. Deixámosvos neste enlace máis fotos do mosteiro da mesma colección.

Millóns de grazas, Hixinio!




luns, 10 de novembro de 2025

Unha visita á biblioteca... da man do alumnado de Oratoria de 3ºESO

 Como sabedes, o alumnado de oratoria está realizando a actividade "Guía por un Día", coa que estamos pasando moi bos momentos.

Quedou pendente na última entrada desta bitácora achegarvos este xenial material didáctico: con esta fermosa presentación, Fabio presentou a biblioteca, e os seus compañeiros e compañeiras prestáronlle a súa voz en cada locución gravada. Bravo, Fabio! Infinitas grazas, grupo!

Premede na imaxe para enlazar co material interactivo. É unha marabilla, que aproveite!



Neste vídeo, así en crú, en vivo e en directo, veredes o ben que se axeitou Fabio pilotando a presentación.



venres, 7 de novembro de 2025

As nosas visitas guiadas, un éxito!

 O mércores pola tarde e hoxe venres tivemos as dúas primeiras sesións de Guía por un Día, as nosas visitas guiadas da man do alumnado de oratoria de 3º, que está participando neste proxecto con moitísima ilusión.

O mércores encargáronse da visita Saray, Alba, Brais e Hugo. Algunhas familias, as nosas guías do Concello e persoal da Fundación Curros e reencontro con amigos... E ate dous cativos! Rematamos coa celebración do cumple de Brais. Menos mal que ata o final da visita o alumnado non soubo que entre o público había "guías de verdade"!!! Por certo, as guías profesionais déronnos o aprobado.





O venres a visita fixérona Darleky, Ariadna, Nathalia y Fabio. Neste caso a visita foi inclusiva, cunha explicación audiovisual da biblioteca a cargo de Fabio, a quen os seus compañeiros e compañeiras prestaron a súa voz nas locucións gravadas. Á visita asistiron familiares e amigos, e tamén os compañeiros do Comité de Memoria Histórica, que sempre nos respaldan nas nosas iniciativas.

ATENCIÓN, EDITAMOS: Aquí a presentación audiovisual inclusiva.










venres, 31 de outubro de 2025

Comezamos a semana que vén: Guía por un Día!

O Fogar das Musas continúa con esta nova actividade o alumnado de oratoria impulsada pola biblioteca: Guía por un Día é un ciclo de visitas guiadas ao noso centro, nas que, da man do alumnado de oratoria de terceiro (proximamente os de cuarto tamén) coñeceredes as particularidades do Claustro do Poleiro e as súas pezas máis senlleiras.

Animádevos a participar, hai, de momento catro datas pechadas, botádelle unha ollada ao cartaz!




E aquí, as nosas cuñas radiofónicas, que moveremos en redes!!!






xoves, 23 de outubro de 2025

En proceso: nova actividade da campaña "O Fogar das Musas"

 O alumnado de Oratoria emprenderá un proxecto novo... Que será? Estamos traballando na aula, percorrendo o centro, informándonos na biblio e servíndonos de traballos de cursos anteriores para lograr os nosos obxectivos... Que nos depara O Fogar das Musas neste curso? Continuamos traballando na preparación do noso aniversario?

Aquí vos deixamos unhas imaxes...