Amosando publicacións coa etiqueta Territorio das Artes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Territorio das Artes. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de febreiro de 2023

Botando unha man!

 O noso alumnado de 2º de bacherelato está rematando os seus exames da segunda avaliación. Alá van estas mans, debuxadas do natural por algúns deles na materia de debuxo artístico, para que lles axuden a dar o último empurrón. 




martes, 27 de setembro de 2022

Atención, atención! Concerto na Biblio!!!

 Sobran máis palabras: compartimos o cartaz e invitámosvos a que vos acheguedes á nosa biblio para gozar da boa música!!! Graciñas a Juan Manuel Vázquez polo bo rato que imos pasar!



xoves, 21 de xullo de 2022

Música no Mosteiro presenta: o órgano do Mosteiro de San Salvador de Celanova

 Para estarmos entretidos durante estes meses estivais, deixámosvos un dos traballos do proxecto Música no Mosteiro que nos quedaban no tinteiro: o que realizamos sobre o noso fantástico órgano!

Como sabedes, moitísimos visitantes acuden á nosa vila con interese polo órgano, e da man da Fundación Curros e o Concello, coa colaboración da Parroquia, miles de escolares teñen visitado e escoitado o espectacular instrumento grazas aos concertos didácticos que son xa un referente na nosa comunidade e alén do Padornelo.

Este material elaborado polo grupo de 1º de Bacharelato da materia Linguaxe e Práctica Musical é un resumo das principais cuestións relativas ao órgano, instrumento cuxa complexidade non deixa indiferente a ninguén. Agardamos que grazas á nosa imaxe interactiva e aos nosos vídeos poidades coñecelo un pouco mellor. Seguiremos informando! Que aproveite!


luns, 27 de xuño de 2022

Compoñendo no mosteiro: As nosas composicións dixitais

 Que non se diga que no noso mosteiro non temos modernidade!!!

Velaquí os traballos do alumnado de Linguaxe e Práctica Musical, resumidos neste taboleiro para que escoitedes as súas composicións. Porque neste mosteiro se fai música dende sempre, e nós somos os herdeiros de tanta tradición! Viva Música no Mosteiro!

martes, 21 de xuño de 2022

Música no Mosteiro presenta: Bayle del Gran Duque

 E con todos vós, unha nova entrega de Música no Mosteiro, desta vez da man do alumnado de 4ºESO da optativa de Música interpretando o fantástico Bayle del Gran Duque acompañados pola súa profesora Mary Valugo ao órgano. Non decepciona!!!

Atopa aquí: Música no Mosteiro todos os materiais do proxecto, e aquí  todas as entradas sobre Música no Mosteiro desta bitácora. 


Bayle del Gran Duque de Biblio Poleiro

martes, 24 de maio de 2022

Versos ilustrados, de Delgado Gurriarán

Continuamos celebrando as Letras 2022 e non damos feito para amosarvos tanta produción como sae da nosa fábrica! 

Hoxe, o material de traballo cos compañeiros de Trives e Valdeorras, que aproveitaron as sesións de docencia con Isidora Gil da mellor maneira, acadando uns resultados formidables. 

As ilustracións elaboradas por estes equipos e os textos de Delgado Gurriarán convivirán harmoniosamente nestes libros autoproducidos.

Parabéns!!!

Pica na imaxe para ver a presentación completa!

luns, 23 de maio de 2022

Despedimos ao noso alumnado de Bacharelato e FPBásica

 Ata sempre! Voade e que vos vaia moi ben!

Amosámosvos as fantásticas orlas da factoría de Carlos Alonso



Sirva como homenaxe este fermoso traballo do alumnado de debuxo artístico inspirándose en diversos artistas para retratarse.

Pica na imaxe para ver o documento completo!



mércores, 27 de abril de 2022

Arrodeados de santidade: Os santos bieitos do coro baixo

 Música no Mosteiro continúa alegrándonos o curso con creacións senlleiras moi inspiradas. Desta vez son os santos e santas bieitos do coro baixo os inspiradores destes traballos marabillosos do alumnado de Debuxo Artístico de 2º Bacharelato.

O primeiro que fixemos foi realizar este traballo de campo do que obtivemos este espectacular álbum de fotos (pica na imaxe):


A continuación, da man deste formidable titorial que vos achegamos a continuación, entenderedes o proceso creativo, e así poderedes apreciar mellor os traballos finais, que quedaron fermosísismos. 

Que os gocedes!


Atopa aquí todas as entradas relativas a Música no Mosteiro deste blog.


mércores, 20 de abril de 2022

Sumando proxectos: Vendendo música

 Aquí vos queda este resumo dos fantásticos traballos do alumnado de Debuxo Artístico de 1º de Bacharelato: nunha primeira fase, debuxaron instrumentos, e a continuación, crearon mensaxes publicitarias para obter como produto final uns fantásticos cartaces publicitarios que serían a envexa de calquera promotor cultural. Non deixedes de botar unha ollada! O noso proxecto Música no Mosteiro (MnM) continúa sorprendéndonos!

Podes botar unha ollada a todas as entradas de Música no Mosteiro desta bitácora aquí!



xoves, 7 de abril de 2022

Novos traballos de Música no Mosteiro: Estampación

 Xa lle podedes botar un ollo aos traballos de 4ºESO nos que amosan deseños estampados fantásticos con catro técnicas diferentes!!!

Picade na imaxe e vede a exposición completa!



mércores, 30 de marzo de 2022

Antonio Luz localiza o seu último videoclip, "Soidade", na nosa biblio!

 Esta entrada ben podería pertencer ao apartado "Cousas riquiñas que pasan na nosa biblio". O músico Antonio Luz, natural de Nocelo da Pena (Sarreaus), ten un estilo con raíces na música tradicional galega e o flamenco, resultando unha mestura ben interesante. O caso é que elixiu a nosa biblio como unha das localizacións para o seu último videoclip, "Soidade".

Deixámosvos a recesión na TVG e o videoclip completo. Havos gustar!



luns, 28 de marzo de 2022

Música no Mosteiro: modernidades e falcatruadas

 Non todo en Música no Mosteiro vai ser tan serio e académico: témosvos que confesar que ás portas do entroido, xa fai unhas semanas, fixemos unha falcatruada.

Subimos ao noso coro alto disfrazados e, tras escoitar o órgano e recibir algunhas explicacións, acompañados dun pequeno grupo de turistas, perpetramos un atentado musical: interpretamos a banda sonora da serie de animación Bob Esponxa coas nosas frautas e acompañados do órgano. E quedou ben bonita: o público fartouse de aplaudir. Aquí vos deixamos o testemuño audiovisual.


martes, 22 de marzo de 2022

Música no Mosteiro: No Scriptorium medieval

Música no Mosteiro continúa amosando sorpresas agradables, hoxe da man do Departamento de Debuxo: Músicas Medievais é outro dos traballos nos que o alumnado inspirouse en instrumentos e mobiliario pero desta volta vistos dende un Scriptorium medieval.

A continuación, dúas formidables presentacións: a primeira, material de traballo, e a segunda, producións do alumnado. Non deixedes de botarlles unha ollada!












luns, 21 de marzo de 2022

O noso documental: O Canto Gregoriano dende Celanova

 Celebramos a nosa entrada número 701 presentándovos un dos resultados do noso proxecto Música no Mosteiro.

Achegámosvos este ameno documental de divulgación no que o alumnado de Linguaxe e Práctica Musical de 1º de Bacharelato nos conta as características principais do Canto Gregoriano ou Canto Chan, do que elaboraron colaborativamente o guión e que foi montado por Carlos Alonso na Aula de Audiovisuais do centro. 

As fantásticas imaxes son do noso mosteiro, e a banda sonora é unha interpretación propia do "Pange Lingua" (More hispano) , peza que se cantaba na procesión do día de Corpus Christi.


luns, 14 de marzo de 2022

Hoxe, Curvas Musicais

 O noso proxecto Música no Mosteiro continúa dando os seus froitos. Deixámosvos o traballo de 4ºESO Curvas Musicais, do que podedes contemplar todo o proceso na seguinte presentación. Pica na imaxe para acceder!




venres, 4 de marzo de 2022

Continuamos con Música no Mosteiro: Xeometrías Musicais

 Hoxe achegámosvos Xeometrías Musicais, o traballo de Debuxo Artístico de 2º Bacharelato. Unha fermosura que reinterpreta as decoracións dos sitiais do coro alto do noso mosteiro inspirándose en vitrais góticos e contemporáneos, en pinturas de vangarda ou mesmo en mosaicos romanos!

Imperdible!

Pica na imaxe para acceder á presentación. E pica aquí para ver todo o traballo do proxecto Música no Mosteiro.





martes, 22 de febreiro de 2022

Música no Mosteiro, xa no corredor

 Así de bonito está quedando o corredor da biblio, que quedou convertido nun xigante pentagrama-expositor para os produtos do proxecto Música no Mosteiro, dos departamentos de Debuxo e Música coordinado pola Biblioteca. 

Nel amosaremos os traballos do noso alumnado, uns expostos fisicamente e outros en códigos QR con acceso a contidos multimedia.

Seguiremos informando!





luns, 14 de febreiro de 2022

MÚSICA NO MOSTEIRO: TE DEUM DE CHARPENTIER

 O noso proxecto Música no Mosteiro vai vento en popa!

Hoxe achegámosvos un dos produtos audiovisuais que levamos argallando nas últimas semanas: a gravación do Preludio do Te Deum de Charpentier, máis coñecido como Hino de Eurovisión.

Nestes días nos que Eurovisión foi "trending topic", o tema do Barroco no que nos atopamos en 3ºESO deunos a idea de gravar a súa versión para frauta acompañados do órgano (barroco) do noso mosteiro para lucir o noso patrimonio como é debido. No padlet do proxecto tendes moitas fotos fantásticas do coro, do órgano e cantidade de información.

Os comezos nunca foron gloriosos, e aquí tendes unha versión do ensaio no que todavía non estaba a cousa a punto (o "making off")


Pero traballando con tesón e disciplina, logramos unha gravación fantástica a primeira toma da que estamos ben contentos!

venres, 4 de febreiro de 2022

Avanzamos con "Música no Mosteiro"

 Mirade que marabilla: avanzan as creacións artísticas do alumnado de debuxo! Achegamos o padlet onde podedes ver o proceso tan rigoroso de traballo que están a seguir. Parabéns!!!!

Nos próximos días iremos subindo máis materiais e fases deste proxecto que nos ten ben entretidas!


Hecho con Padlet

venres, 10 de decembro de 2021

Inauguración da exposición ENTRE_VISTAS

Estamos encantadas polo ben que saiu a presentación da exposición de fotopoemas ENTRE_VISTAS, na que Juan Vila aportou as imaxes e Xoan Carlos Domínguez Alberte a literatura. 

Acudiron ao acto veciños e veciñas, nais e pais, alumnos e alumnas, poetas, representantes do concello e algúns profes. Parécenos moi importante e significativo o feito de reunir a membros das comunidades educativas dos centros públicos da vila (cole e instituto) en colaboración estreita co concello para apoiar ao noso querido proxecto Basket X Libros, que como sabedes, levamos a cabo conxuntamente co CEIP Curros Enríquez. Bravo! 

O evento, no que interviñeron os artistas e o alcalde, e no que se leron unhas palabras de apoio do director do IES, contou tamén con poesía e música. A Casa dos Poetas foi o lugar elixido, como non podía ser doutra maneira, para inaugurar a exposición, e albergala durante os meses de decembro e xaneiro.

Xa quedan á vosa disposición na Librería Conde os fotopoemas impresos en forma de fermosas tarxetas para que fagades fantásticos agasallos de nadal, e unhas tazas preciosas que veredes nas imaxes.
Por certo, todas as imaxes que mostramos a continuación foron cedidas pola Fundación Curros Enríquez a través das súas redes sociais. Moitísimas grazas por apoiarnos!
 Lembrade que todos os beneficios da venda destes produtos serán para Basket X Libros. Longa vida a este proxecto!








A prensa xa avisara do evento con toda puntualidade!