martes, 29 de setembro de 2026

Presas e mestras: a represión sobre as mulleres na comarca de Celanova

 


Atención! Boas novas! Mañá será instalada nos nosos corredores a exposición "Presas e mestras: a represión sobre as mulleres na comarca de Celanova", comisariada por Rosa Cid Galante e da man do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova: millóns de grazas por esta oportunidade!

Achegamos texto explicativo aportado polo Comité:

Que é a exposición

"Presas e Mestras" é un proxecto de investigación e divulgación impulsado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, comisariado pola historiadora Rosa Cid Galante, con deseño gráfico e maquetación de Adriana Pérez e fotografía de Humberto Vergara. A mostra recupera e fai públicos os nomes e as historias de mulleres represaliadas na comarca durante a guerra e o franquismo, a través de dous fíos documentais complementarios: por unha banda, o dun cento largo de mestras sometidas a expedientes de depuración polo réxime franquista; por outra, o de máis dun centenar de presas que sufriron reclusión na cadea de mulleres de Celanova entre 1936 e 1938, así como no cárcere de partido durante os anos cincuenta. O obxectivo é dobre: reparar simbolicamente a memoria destas mulleres, ata agora practicamente descoñecidas, e poñer a disposición da cidadanía un relato histórico rigoroso, construído a partir de arquivos institucionais, fondos familiares e testemuñas orais.

Como se preparou e se difundiu

O proxecto contou cunha fase de difusión previa coidada, combinando a web e as redes sociais do Comité con accións de contido: adiantos textuais, gráficos e audiovisuais sobre a mostra. O marco de lanzamento foron as III Xornadas Memoria e Muller (27 e 28 de xuño), que renderon homenaxe a María Cabaco, fundadora e exvicepresidenta do Comité, e incluíron ponencias de referentes como Domingo Rodríguez Teijeiro, Lola Varela, Tamara López Fernández, Eliseo Fernández e Dionisio Pereira. A repercusión mediática foi notable, con cobertura en prensa dixital e radio de ámbito comarcal, provincial e autonómico, o que amosa a capacidade do proxecto para xerar interese máis alá do propio municipio.

A inauguración

A exposición abriu as súas portas o 28 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC), cun acto que contou co apadriñamento da historiadora Aurora Marco e coa presenza institucional do Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e do alcalde de Celanova, Antonio Puga. Non foi casual a data: coincidiu co 90 aniversario da votación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, dotando o acto dun forte valor simbólico. Despois pemaneceu dúas semanas en Ramirás, con visitas diarias; case tres semanas en Verea, onde o acto principal se celebrou o sábado 29 de agosto, e os últimos dez días de setembro en Gomesende. Cómpre destacar o apoio das alcaldesas e alcaldes destes concellos e a colaboración iniciada en todos os casos para actividades de recuperación da memoria histórica local.

Un proxecto sólido e replicable

Os créditos da exposición reflicten un traballo serio e ben sustentado: fondos documentais de familias da comarca e de institucións como o Arquivo Histórico Provincial de Ourense ou o Arquivo Xeral da Administración; colaboración xa formalizada cos concellos de Celanova, Ramirás, Verea e Gomesende; e un financiamento público claro, a través da subvención do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática (Secretaría de Estado de Memoria Democrática), expediente 0164-AV-2025, por importe de 4.850 €.

Na páxina web do Comité: www.memoriacelanova.fala.gal dedicamos un apartado (https://memoriacelanova.fala.gal/exposicion-presasmestras/) ás novas e documentos que vai xerando o percorrido da exposición.









venres, 25 de setembro de 2026

Hora de Ler!!!! Estreando cousas bonitas!

 A próxima semana veredes nas vosas aulas estes cartaces cheos de cores para que non se vos esqueza que estreamos un tempo de lectura diario que ogallá se convirta nun hábito que nos acompañe na nosa vida. Seguiremos informando!





xoves, 10 de setembro de 2026

Luís Conde, amor por Celanova

 Este curso non comeza como os demais no IES Celanova. Porque cando un piar importante da comunidade xa non está, todo cambalea. Fáltanos Luís Conde.

As imaxes non sempre mostran todo o seu significado. Aparentemente son uns simples lapis, pero a realidade é moito máis fermosa. Son uns lapis cargados de historia, de poesía, pero sobre todo de moito amor por Celanova. E esta foi a marabillosa idea de Luís colaborando coa biblio. Non pensabamos que podería ser a última. Con eles seguiremos escribindo a nosa historia, porque Celanova sempre será pedra, música e poesía pero tamén será a vila que non te esqueza nunca.






martes, 7 de xullo de 2026

Peza do Verán: Exposición de cámaras

 Aí queda na vitrina a exposición para o verán... Porque no verán sacamos aínda máis fotos que o resto do ano, e gravamos máis vídeos.

Así que directas da nosa sección Arqueoloxía Audiovisual do museo, aquí volas deixamos, aínda que as fotos non fan xustiza... Pasade a velas!

Aquí, toda a información!





luns, 6 de xullo de 2026

Expurgo e renovación da sección de Historia

 As compañeiras do Departamento de Historia, da man de Silvia Rivero, integrante deste equipo, están a expurgar e renovar a sección correspondente na biblio.

Ademáis de adquirir exemplares moi atractivos, están revisando a orde dos libros para facela máis intuitiva. Encargarémonos de sinalizar axeitadamente cada andel e a maiores, revisaremos o etiquetado do relato histórico de ficción (en azul) e crearemos unha nova etiqueta para os lombos para sinalar os libros relativos a Memoria Histórica, que é unha materia que como sabedes temos moi presente. Por certo, xa sabedes aque no noso Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica tendes todos os recursos e materiais.

E así, baixo a atenta mirada de Victoria Euxenia de Battenberg, estamos deixando a sección:




luns, 22 de xuño de 2026

As mil vidas do mosteiro: un podcast sobre a historia do noso querido Claustro do Poleiro

 Alá vai un súper podcast realizado polo alumnado de oratoria de 3ºESO, dentro do proxecto Guía por Un Día. Pensamos que pode axudar a ilustrar as visitas guiadas que retomaremos no curso que vén.

Dun xeito moi ameno e entretido aprederedes un montón sobre a historia do noso Claustro do Poleiro, para ir preparando o seu 300 aniversario o curso que vén.


venres, 19 de xuño de 2026

Concertazo Fin de Curso: Mary Valugo&Mino + Susy's Little Band

Co aforo completo dun público que gozou moito do concerto, pechamos as actividades da biblio (por este curso!). Foi especialmente emocionante a gran participación da comunidade educativa: profesorado, alumnado, amigos colaboradores da vila e de fora... Un luxo contar con tanta boa xente! 

Comezamos cunha versión actual de Putting on the Ritz, popularizada por Fred Astaire ou Ella Fitzgerald a cargo dunha formación deseñada para a ocasión: Susy's Little Band, con Susana de 3ºA na voz, Jose Antonio Fidalgo ao clarinete, gran músico xa coñecido noso doutras actuacións (e pai de exalumno) e Irma, a profe de música, ao piano.

Introducido o asunto, continuamos co groso do concerto: unha magnífica selección de temas do proxecto acústico da profesora de música Mary Valugo (ao piano) co cantautor Mino ás voces, guitarra e harmónica. Ofrecéronnos temas propios e versións moi ben escollidas, como Like a Rolling Stone, de Bob Dylan. Este último tema, como peche do concerto, contou coa colaboración de varios profes: Castor, na guitarra, Lola, na voz e Iván, Ana, Yannick e Irma na percusión. Neste tema rítmico axudounos tamén o noso querido alumno Fabio. 

Despedimos o curso con moita enerxía!

Deixamos testemuño audiovisual que tentaremos ir ampliando.