Hoxe temos no IES a Juan Luis Fernández Pérez. Fará unhas sesións para o noso alumnado de futebol gaélico e pola tarde presentará o seu libro na Casa dos Poetas. Así que o luns xa teremos na nosa biblio un exemplar para que poidades aprender máis sobre este deporte.
venres, 9 de outubro de 2026
luns, 5 de outubro de 2026
Por fin instalada a exposición "Presas e Mestras"
Xa podedes visitar nos noso corredor a xenial exposición que vos anunciamos fai uns días. De novo grazas ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova por esta oportunidade!
En breve informaremos das actividades de dinamización que se organizarán. Quedade atentas!
venres, 25 de setembro de 2026
Hora de Ler!!!! Estreando cousas bonitas!
A próxima semana veredes nas vosas aulas estes cartaces cheos de cores para que non se vos esqueza que estreamos un tempo de lectura diario que ogallá se convirta nun hábito que nos acompañe na nosa vida. Seguiremos informando!
luns, 6 de xullo de 2026
Expurgo e renovación da sección de Historia
As compañeiras do Departamento de Historia, da man de Silvia Rivero, integrante deste equipo, están a expurgar e renovar a sección correspondente na biblio.
Ademáis de adquirir exemplares moi atractivos, están revisando a orde dos libros para facela máis intuitiva. Encargarémonos de sinalizar axeitadamente cada andel e a maiores, revisaremos o etiquetado do relato histórico de ficción (en azul) e crearemos unha nova etiqueta para os lombos para sinalar os libros relativos a Memoria Histórica, que é unha materia que como sabedes temos moi presente. Por certo, xa sabedes aque no noso Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica tendes todos os recursos e materiais.
E así, baixo a atenta mirada de Victoria Euxenia de Battenberg, estamos deixando a sección:
xoves, 18 de xuño de 2026
Hoxe... coreografía multitudinaria!
Achegámosvos outra "secuela" da actividade intercentros realizada o pasado 30 de abril: hoxe o ritmo de swing trasladouse ao noso Claustro do Poleiro da man do departamento de música. Co noso querido ex compañeiro Carlos Alonso, que tan bo facer tivo na aula de audiovisuais, realizamos unha gravación da coreografía na que participou o alumnado de 2º e 3º ESO e parte do profesorado.
De novo agradecemos aos nosos profes de baile do Seminario Intercentros "A ritmo de Swing na Bela Auria", Julia e Pablo, de Big South Swing, que nos meteron o ritmo no corpo con esta coreografía sobre Don't be that way, de Benny Goodman.
Á espera da montaxe profesional, deixámosvos unhas cantas imaxes e algunha toma falsa... Moita ledicia, moita ilusión... E moitísimo calor!!!
martes, 16 de xuño de 2026
Mañá na biblio, concerto... Mino & Mary Valugo
Mañá imos pasar un bo rato na biblio escoitando música da boa!
A profe de música Mary Valugo, a dúo co cantautor Mino, ofrecerán o seu repertorio en formato acústico. Por cuestións de aforo, participará o alumnado de 2º e 3ºESO. Tentaremos en próximas publicacións ofrecer contido audiovisual para os que non podedes vir.
Tamén haberá unha colaboración misteriosa: Susy's little band... mañá saberemos de que se trata!
luns, 15 de xuño de 2026
Unha visita de altura: o alumnado de infantil do Curros, na biblio
Estes mozos e mozas de infantil achegáronse á biblio coas súas profes como parte dunha visita guiada que tamén os levou ao templo e ao resto do mosteiro da man de Susana, guía da oficina de turismo do Concello.
Aquí, na Bibliopoleiro, escoitaron moi atentamente un fermoso conto que traía preparado a súa profe sobre unha biblioteca nocturna (tomamos nota!).
A continuación puxemos en marcha a actividade que tiñamos preparada sobre unha canción de Migallas Teatro que fala das magníficas posibilidades dos libros: con eles nunca nos aburrimos!!!
E abofé que foi ben divertido: tivemos alfombra voadora, barco pirata, un can saltando á corda e unha nave espacial!!!
E cantamos requetebén!
Aí vai o testemuño audiovisual. Grazas por vir, rapazada do Curros! Volvede cando queirades!
Colaborando con Meteoescolas
O equipo Meteoescolas do IES non para! E para botarlles unha man, ocorréusenos contar co alumnado de oratoria (que se prestou voluntariamente ao asunto) para montar un podcast divulgativo sobre as Warming Stripes (estamos enganchadísimas aos podcasts!). Con pouquísima axuda pola nosa parte, o alumnado guionizou e gravou o material, e na biblio démoslle o toque final.
ASí que xa está subido á nosa plataforma Soundcloud: aquí volo deixamos. É, en verdade, moi entretido, e explica moi ben este concepto referido ao cambio climático. Que aproveite!
martes, 9 de xuño de 2026
Empatizamos coa xente maior da man da Cruz Vermella
Nunha charla obradoiro chea de sorpresas, supostos prácticos e moita empatía, falamos sobre como acompañar ás persoas maiores, entendelas e coidalas.
Grazas ás actividades que nos prepararon os voluntarios, experimentamos como é a vida con dificultades visuais, auditivas, de movemento... E tentamos imaxinar como sería a vida en soidade non desexada.
Que importante é a convivencia interxeneracional! Ogallá sempre teñamos presente todo o experimentado onte xoves día 4: novos e vellos temos moito que aportar!
mércores, 20 de maio de 2026
Atranco no Banco, un éxito!
O alumnado de 3ºPDC, coordinados polo seu profe Rafael Adán, preparou rigorosamente esta obra teatral que estrearon na Festa das Letras do pasado luns día 18. O guión de Núñez Singala non defraudou!
Todos colaboramos na medida das nosas posibilidades para que fora un éxito, e mesmo tivemos a inestimable axuda na dirección de Teresa Devesa, a nosa experta en teatro que nos vén axudar en todo a pesares de estar xa gozando do seu xubileo... Como a botamos de menos no equipo de biblioteca!
Aquí vos deixamos unhas imaxes, pero isto non remata aquí: haberá máis pases para que todas podamos gozar do teatro en galego!
luns, 18 de maio de 2026
xoves, 7 de maio de 2026
A Tabula vai ao Curros: actividade intercentros IES Celanova CEF e CEIP Curros Enríquez
Grazas ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense somos uns auténticos expertos nesta peza senlleira, a Tabula de Castromao. Esta institución lévanos axudado moitísimo na nosa campaña de musealización, O Fogar das Musas, na que xa levamos varios cursos.
Por se non sabiades do tema, contámosvos. Da man do persoal do Museo, especializado no tema, aprendemos moito sobre a Tabula durante o primeiro trimestre. Mesmo viñeron ao centro a facer unhas sesións especiais de formación con 1ºESO, nas que aínda nos interesamos máis polo tema e preparamos un evento ben especial: o acto no que se celebraron os 55 anos do seu achado.
A peza orixinal veu ao IES o mércores 19 de novembro de 2025, un día que non esqueceremos, pois é un auténtico privilexio que o que moitos chaman "a partida de nacemento de Celanova" estivera entre nós, pertiño, para que a puideramos admirar.
Foi un acto moi significativo, no que o alumnado de 1º, moi ben preparado, explicou a peza, e o director do Museo, César Llana, a importancia de que os achados arqueolóxicos se poñan en coñecemento do mundo. Gustaríanos ter homenaxeado ao descubridor, pero non puido asistir.
A profesora de historia de 1ºESO preparou a presentación co alumnado e achegou ás persoas asistentes un material informativo de elaboración propia, aquí.
Pois ben: agora chega a segunda parte.
Como profes e alumnado quedaron encantados co asunto, decidiron partillar a súa sabedoría. Foi así como xurdiu unha actividade intercentros coordinada pola biblio que persegue dous obxectivos:
- Aprender ensinando e partillando o aprendido.
-Tender lazos entre os centros educativos, e entre o alumnado que xa está no instituto e o que virá o curso que vén.
Así que hoxe, fai un ratiño, todo o alumnado de 1ºESO e 1ºFPB achegouse ao CEIP Curros Enríquez da nosa vila para levar estes obxectivos a cabo.
O alumnado de 1º coa súa profesora Noelia Domínguez preparou unha dinámica cunha primeira parte informativa, na que explicaron a prehistoria, a cultura castrexa e as peculiaridades de Castromao e da Tabula, e unha segunda parte ben dinámica na que o alumnado completou o seu pasaporte superando os retos propostos: dende facer un encrucillado ata elaborar o teu propio tríscele. No pasaporte foron pegando as pegatinas que acreditaban cada un dos retos. Fixérono xenial!
Deixámosvos as imaxes do ben que traballou tanto o alumnado do Celso Emilio como o do Curros, e recordámosvos que a humanidade evolucionou máis por cooperación que por competición. Parabéns ao alumnado de 1ºESO e a súa profe!!!
Moitísimas grazas ao Curros por acollernos. Ogallá continuemos colaborando en moitas máis ocasións, sodes un cole xenial! (Por certo, graciñas por ese agasallo bonito que nos destes para a nosa biblio!)
Premede no collage para acceder ao álbum completo.
mércores, 6 de maio de 2026
A ritmo de Swing na Bela Auria de Otero Pedrayo
Estivemos tan ocupadas estes días que non nos dera tempo de contarvos o que sucedeu o día 30 no Claustro Barroco de Celanova e adiantóusenos a prensa.
Tivemos a sorte de acoller un Seminario Intercentros con tan bonito título: A ritmo de Swing na Bela Auria de Otero Pedrayo. O seu tería sido facelo no Pazo de Trasalba, pero os espazos non se adaptaban a tanta xente... Así que Celanova, terra de poetas, acolleu o evento.
Para sinalar o ano Oteriano, os profes de 8 centros preparamos unha coreografía estilo Lindi Hop, chamada Shim Sham, moi popular arredor dos anos 20 e 30 do pasado século, cando a Xeración Nós fixo de Ourense a Atenas galega. Esta coreografía traballámola tamén co noso alumnado para xuntarnos arredor de 200 persoas entre bailaríns e músicos nunha mañá ben emocionante.
Tamén recitamos conxuntamente o xenial poema de Don Ramón "Ao Xamón", que tivo moi boa acollida, e do que estamos preparando o vídeo.
Deixámosvos co titular do evento e co produto final en vídeo, non sen antes agradecer a Pablo e Julia, os nosos profes de baile, ao CFR por apoiar estas actividades, e ao Concello de Celanova por prestarnos o espazo e axudarnos en todo.
Premede na imaxe para ver a noticia completa.
E, POR FIN, O VÍDEO!!!
luns, 27 de abril de 2026
venres, 24 de abril de 2026
domingo, 19 de abril de 2026
A prensa sinala a Semana do Libro coa nosa biblio!!!
Moitas grazas a Alejandro Camba por uns apuntes tan bonitos e unhas imaxes tan acaídas!
xoves, 26 de marzo de 2026
Exitazo na Feira Educativa Expourense Inspira
Uns días de tolos pero moi proveitosos e divertidos. Así de bonita quedou a nosa caseta da feira e así de ben o pasamos: explicamos, recitamos, cantamos, amizamos, tocamos o piano, saudamos ás autoridades e inspirámonos moitísimo. Tamén, coidamos, servimos de inspiración: somos o Fogar das Musas. Para quen lle interesou, explicamos algunhas das nosas liñas de traballo: musealización, patrimonio, música, poesía, memoria histórica e tamén publicitamos o noso ciclo de FP Dual.
Pola nosa casa pasaron pianistas, cantantes e recitadores espontáneos, curiosos, pescudadores de información e mesmo influencers (en realidade, un formidable experto en comunicación, grazas, Roberto Pérez Marijuán, @robervigo). E tamén persoas que moi amable e voluntariamente se brindaron a deixarnos as súas inspiracións escritas nun post it...
Mellor vos deixamos as imaxes e vídeos, que o din todo.
Por certo, grazas ao alumnado de Dual e oratoria que nos axudou e acompañou nesta nova experiencia.






.png)





















.jpeg)
.jpeg)


.jpeg)



.jpeg)











400 Cervantes & Shakespeare







