Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta paz. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta paz. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

mércores, 27 de xaneiro de 2016

Cine para a Paz

Tristemente, se temos que asignar no calendario un día do ano para que sexa "o Día da Paz" é que, por desgraza, aínda estamos lonxe de conseguila. Como sabedes, conmemoramos a morte de Gandhi o 30 de xaneiro do 48. Mais se ter este día sinalado no calendario consegue facernos abrir os ollos e concienciarnos de verdade, darémolo por ben empregado.

O Cine, como espello da vida, ás veces fantástico e ás veces real, recolle as miserias humanas, a guerra entre outras. Moitas películas reflicten directa ou indirectamente situacións de inxustiza, insolidariedade e violencia, e moitas as denuncian.







Como imos De Cine, aquí van, logo, unhas suxestións que recollemos de aquí e de acolá para
conmemorar o Día da Paz ante a pantalla.


Encántanos, para empezar, o gran traballo que están realizando dende a biblioteca do IES Santiago Basanta Silva, de Vilalba, que teñen un blog fantástico. onde recollen en diferentes entradas moi variados recursos para conmemorar esta data tan significativa. Atopamos xogos, cancións, citas célebres, que foron colgando durante a última quincena, pero o mellor de todo son as súas entradas sobre cine  , curtas e outros audiovisuais de interese.




Excelente tamén o blog Bibliolucus, do IES Lucus Augusti, que elaborou esta selección de libros e pelis e este folleto que fai un repaso do que conmemoramos o día 30 e da súa historia no calendario. Mesmo teñen tamén un vídeo que fai referencia ás mulleres que obtiveron o Nobel da Paz. Ben interesante!




Inevitable incluír un clásico: a sección Videoteca da páxina do Seminario Galego de Educación para a Paz.   Entre outras recomendacións, todas elas con guía didáctica, parécenos imprescindible Bowling for Columbine , pero poderedes atopar outras moi interesantes.





Outro clásico é a páxina Cine e Educación en Valores 2.0, que fai propostas por franxas de idade... A pesares de estar máis orientada a temas de saúde, moitas das películas son tan boas e teñen tantas lecturas que son abordables dende outras perspectivas. Recoméndamos, por exemplo, a xenial peli La Ola.





A Asociación de Orientadores de Castilla.-La Mancha tamén ten a súa páxina adicada ao cine. Parécenos moi oportuno que teñan un apartado adicado á linguaxe audiovisual . Coñecendo algúns dos seus recursos poderemos captar moito mellor os matices do que estamos a ver, así que damos por recomendada a visita a esta sección e por suposto á sección de películas.





En Educarueca, todo un referente no tema da educación en valores, atopamos esta sección de Cine para a Paz.  Simplemente é un listado de películas clasificadas por temas: a guerra e as súas consecuencias, o militarismo, o pacifismo, etc. Algunhas teñen comentarios ou sinopse pero outras non, e o resultado é un pouco caótico. Pero o listado é tremendamente completo, e inclúe moitas pelis menos coñecidas para o "gran público", así que é unha boa maneira de ampliar miras.




Gústanos moito este artigo, Diez filmes para educar para la paz, que foi publicado na revista Making Of (nº 91-92) Especial Educación para la Paz.




En calquera caso, neste enlace tendes un montón de propostas, De Cine e de todo o demais, que nos achega o blog das Bibliotecas Escolares de Galicia...   e a Red de Buenas Prácticas 2.0.





Paz e bo cine!


xoves, 27 de xaneiro de 2022

PREPARANDO O DÍA DA PAZ 2022

Calquera é bo día para insistir en que non hai un camiño para a paz, senón que a paz é o camiño (Gandhi).

Pero xa que nos achegamos ao 30 de xaneiro, Día da Paz, estamos preparando uns detalliños para visibilizar esta data tan importante.

Temos xa preparado na biblio un expositor de fondos no que tamén hai material propio que podedes ver, consultar e levar, como por exemplo a fermosa escolma "Poemas da guerra e da paz", procedente da nosa campaña "Guerra e Paz" do ano 2018.


Tamén está en proceso un panel no corredor de abaixo con textos da nosa campaña sobre a paz e os dereitos humanos do ano 2012... 


E aquí deixamos tamén unha chea de entradas desta mesma bitácora onde abordamos o tema da paz: cine, recursos e informacións varias. Que aproveite!

luns, 30 de xaneiro de 2017

Educar para a paz.

"Educar para a paz"
Resulta muito mais fácil educar os povos para a guerra do que para a paz. Para educar no espírito bélico basta apelar aos mais baixos instintos. Educar para a paz implica ensinar a reconhecer o outro, a escutar os seus argumentos, a entender as suas limitações, a negociar com ele, a chegar a acordos. Essa dificuldade explica que os pacifistas nunca contem com a força suficiente para ganhar... as guerras.
José Saramago. http://caderno.josesaramago.org/ 


Imaxe procedente e: http://www.ceip-nsangeles.com/nt/wq_paz_2012/index.html


Educarueca.org achéganos, como sempre, un feixe de actividades, cancións, vídeos e demáis, para conmemorar este día que non tería que existir... Feliz día da Paz!




domingo, 30 de xaneiro de 2022

Día da Paz 2022

 Hoxe é o Día da Paz. Levamos uns días que se nos acumulan as efemérides, pero non podemos deixar de visibilizar as cuestións importantes.

Aquí podedes ver como preparamos o contexto e escolmamos materiais da biblio, e a continuación deixamos dous documentos audiovisuais con traballos do alumnado, feitos con ilusión e autenticidade.

O primeiro, recitado do poema "Cunetas", de Luís Pimentel, en plano secuencia a primeira toma polo alumnado de 1º de FPB. Pica na imaxe para ver e escoitar!


E tamén achegamos a gravación da música de Blowing In The Wind, coñecido tema de Bob Dylan pola súa temática en relación coa xustiza, a liberdade e a paz. Pica na imaxe para ver e escoitar!


EDITAMOS! Tamén podedes botar unha ollada á escolma que realizamos titulada "Libros contra as balas".




xoves, 16 de outubro de 2025

O Concerto da Paz... Música, poesía e emoción!

 Ben fermoso quedou o Concerto da Paz organizado onte na biblio. O son do piano, con obras de Einaudi, Tchaikovsky, Debussy, Grass, etc., alternou coa lectura de poemas a cargo do alumnado de oratoria, pedindo a PAZ, o cese das inxustizas, da ignorancia e dos fundamentalismos. 

Como di o noso Celso Emilio, 

"...agardarei

polo albor do novo día."








Alá van unhas fotos, a reportaxe audiovisual tardará un pouco máis.

Pianistas: Samuel, Alejandro, Irma , Mary.

Recitadoras: Darleky, Zoe, Marisol, Álvaro e Saray.

xoves, 15 de febreiro de 2018

Poesía da guerra e da paz

Por sorte ou por desgraza, a paz e a guerra, a guerra e a paz, inspiraron e inspiran a creación artística... Velaquí unha escolma poética:


venres, 24 de febreiro de 2023

Europa no corredor

Todos os días son o Día da Paz. Hoxe fai un ano que comezou a invasión de Ucraína por Rusia. Mágoa que no século XXI non aprenderamos dos erros do pasado.

Por sorte, tentamos que a educación sexa a ferramenta para previr estas desgrazas e que poidamos convivir cooperando en paz. 

O departamento de Xeografía e Historia realizou co alumnado de 1ºESO esta fermosa exposición no corredor na que diversos traballos dos países europeos nos fan lembrar que as persoas, aínda que teñamos procedencias, etnias, culturas, territorios, linguas... diferentes, somos moi semellantes: queremos A PAZ.










luns, 31 de xaneiro de 2022

Recursos de lectura para o Día da Paz 2022

Como sabedes, entre os anos 1936 e 1943 o Claustro do Poleiro no que habitamos destinouse a prisión, e a nosa biblio foi a armería. De aí que titulemos esta escolma que realizamos para o Día da Paz, "Libros contra as balas"... Na imaxe podedes ver un dos nosos andeis que conservan a fenda na que se apoiaban as armas. Agora están ocultas polos libros, pero sempre convén non esquecer o pasado e aprender del. Pica na imaxe para saber máis sobre a historia do noso Claustro do Poleiro.


Porque todos os días son o Día da Paz! Pica na imaxe para ver a presentación.


xoves, 3 de outubro de 2019

Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía.

Pois si, xa temos lema para este curso, que como sempre propón a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. O ilustrador Oscar Vilán interprétao para crear este fantástico cartaz.

Como podemos ler no artigo correspondente do Blog de Bibliotecas Escolares, "Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas."

Dende o equipo de Biblioteca estaremos encantados de seguir este leitmotiv que entronca á perfección coa nosa campaña en curso, Voces de Muller, pero tamén con campañas anteriores, como Guerra e Paz ou A ollada do outro. 

Agardamos que, unha vez máis, neste curso sexa proveitoso para toda a comunidade educativa o reflexionar sobre valores, convivencia e respecto.


venres, 5 de abril de 2024

O Camiño de San Rosendo e da Raíña Santa

 Hoxe tivemos unha charla na biblio ben interesante! A xenial divulgadora Berta López Paz fixo un percorrido polo Camiño de San Rosendo e da Raínha Santa. Mostrounos patrimonio, natureza, gastronomía, festas... e ilusionounos coa candidatura deste Camiño a converterse nun Camiño de Santiago recoñecido na rede oficial. 

Deixámosvos testemuño fotográfico da xenial charla na que coñecemos un pouco mellor o potencial do noso contorno, e recomendámosvos que entredes na web do Camiño de San Rosendo para coñecer as vindeiras actividades, entre elas un roteiro o día 28 deste mes e un concurso de debuxo. Non o perdades!












A prensa tamén fixo eco da iniciativa!
Preme na imaxe para ler o artigo completo.




luns, 26 de outubro de 2026

Memoria nos nosos corredores

 A exposición "Presas e mestras" que leva con nos dende primeiros de mes lévanos dado moi bos momentos e estanos a brindar grandes aprendizaxes:

- Os xoves pola tarde, visita guiada! Ollo, porque o vindeiro xoves día 29 será a última.

- O pasado martes 20 tivemos con nós a Paz Gómez del Valle, dando testemuño directo como descendente (neta) dunha das vítimas da prisión, que foi paseada en outono do 36. FP , 1º BACH e 4ºESO pasaron por alí a coñecer os feitos de primeira man.





- E o venres 23 tivemos a Domingo Teijeiro, que ademais de partillar con nós a súa sabedoría, pois é o historiador que mellor coñece as épocas máis escuras do noso Claustro do Poleiro, agasallounos con tres das súas últimas publicacións, que xa podedes consultar nos nosos andeis: Las cárceles de Franco, Presos e prisións na Galicia de guerra e posguerra 1936-1945 e Mujer, delicuencia, marginalidad: Cárcel, justicia ordinaria y violencia de género.

As redes do Comité de Memoria Histórica das Terras de Celanova explican a experiencia así de ben:

Rodríguez Teijeiro explicou como se dialoga coas fontes documentais e outros materiais para ir reconstruíndo anacos das condicións de vida dos presos que penaron no cárcere do Mosteiro (en realidade, “𝐯𝐚𝐫𝐢𝐨𝐬 𝐜𝐚́𝐫𝐜𝐞𝐫𝐞𝐬”, dado o proceso que experimentaron os distintos espazos) entre 1936 e 1943.
Os traballos de Rodríguez Teijeiro sobre o(s) cárcere(s) do Mosteiro conforman unha obra singular, cando menos no plano estatal, pola súa exhaustividade e profundidade como estudo de caso sobre un espazo de represión, que vén desenvolvendo desde hai tres décadas a través de ensaios como Longa Noite de Pedra no Mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova, 1936-1943 (Vía Láctea, 1998) e Presos e Prisións na Galicia de Guerra e Posguerra, 1936-1945 (Galaxia, 2010), e numerosos artigos académicos.
Este pasado venres, o profesor comezou desvelando as diferentes capas do espazo da conferencia: a biblioteca, un dos escasos lugares do conxunto que se conservan case como estaban naqueles anos da guerra e da ditadura. 𝐅𝐨𝐢 𝐦𝐨𝐬𝐭𝐫𝐚𝐧𝐝𝐨 𝐚𝐨 𝐚𝐥𝐮𝐦𝐧𝐚𝐝𝐨 𝐚𝐬 𝐟𝐞𝐫𝐫𝐚𝐦𝐞𝐧𝐭𝐚𝐬 𝐞 𝐩𝐫𝐨𝐜𝐞𝐬𝐨𝐬 𝐝𝐨 𝐭𝐚𝐥𝐥𝐞𝐫 𝐝𝐨 𝐡𝐢𝐬𝐭𝐨𝐫𝐢𝐚𝐝𝐨𝐫, como se traballa con rigor e precisión e como o material (a historia) vai cambiando ao longo do tempo grazas á incorporación de novas fontes e, tamén, de novas ferramentas.
Ensinounos como das fontes se poden inferir algo máis que datos, e mesmo chegar a elaborar un relato coherente e aproximado das condicións de vida naquelas terríbeis cadeas do franquismo onde os presos 𝐨 𝐪𝐮𝐞 𝐟𝐚𝐜𝛊́𝐚𝐧 𝐛𝐚𝐬𝐢𝐜𝐚𝐦𝐞𝐧𝐭𝐞 𝐞𝐫𝐚 “𝐞𝐬𝐩𝐞𝐫𝐚𝐫” (a que os seus procesos avanzasen cara á liberdade, eludindo a morte entre aqueles muros), mentres o réxime carcerario os castigaba e trataba de impoñerlles unha reeducación.
Rodríguez Teijeiro mostrou unha prisión “viva” (en funcionamento), en cambio constante de usos dos espazos, en ampliación pero tamén en proceso de abandono cara ao final, e como se ordenaba a circulación e se castigaba, como se organizaban as horas e como se vixiaba desde fóra (𝐜𝐚𝐭𝐨𝐫𝐜𝐞 𝐠𝐚𝐫𝐢𝐭𝐚𝐬 𝐚𝐫𝐫𝐞𝐝𝐨𝐫 𝐝𝐚 𝐩𝐫𝐢𝐬𝐢𝐨́𝐧, disparos, tres mortos documentados até hoxe), como os presos buscaban o contacto co exterior e como o enorme volume de poboación (1.500 presos de media nos anos centrais) da prisión condicionou toda a vida cotiá da vila.
“𝐀 𝐡𝐢𝐬𝐭𝐨𝐫𝐢𝐚 𝐬𝐞𝐫𝐯𝐞 𝐩𝐚𝐫𝐚 𝐜𝐨𝐧̃𝐞𝐜𝐞𝐫𝐧𝐨𝐬”, 𝐯𝐚𝐥𝐨𝐫𝐨𝐮 𝐓𝐞𝐢𝐣𝐞𝐢𝐫𝐨 𝐝𝐢𝐚𝐧𝐭𝐞 𝐝𝐞 𝐦𝐨𝐳𝐚𝐬 𝐞 𝐦𝐨𝐳𝐨𝐬 𝐝𝐞 𝐂𝐞𝐥𝐚𝐧𝐨𝐯𝐚, que empezan a ver que os lugares teñen capas, que o pasado deixou pegada, que para coñecernos cómpre exercitar o músculo da memoria, e que a historia tamén pode ser cousa de intrépidos detectives que seguen a pegada dun crime e acaban descubrindo que as vítimas foron os seus e que o silencio foi imposto durante xeracións a todo un pobo.
Grazas á dirección e ao claustro de profesoras do Instituto, 𝐞𝐧 𝐩𝐚𝐫𝐭𝐢𝐜𝐮𝐥𝐚𝐫 𝐚 𝐈𝐫𝐦𝐚 𝐞 𝐚 𝐒𝐢𝐥𝐯𝐢𝐚, con quen esperamos seguir colaborando. Grazas máis unha vez a Domingo Rodríguez Teijeiro, por axudar tanto ao Comité e ás institucións educativas de Celanova.


Millóns de grazas tamén ao Comité por achegarnos estas fantásticas oportunidades.