mércores, 27 de xaneiro de 2016

Cine para a Paz

Tristemente, se temos que asignar no calendario un día do ano para que sexa "o Día da Paz" é que, por desgraza, aínda estamos lonxe de conseguila. Como sabedes, conmemoramos a morte de Gandhi o 30 de xaneiro do 48. Mais se ter este día sinalado no calendario consegue facernos abrir os ollos e concienciarnos de verdade, darémolo por ben empregado.

O Cine, como espello da vida, ás veces fantástico e ás veces real, recolle as miserias humanas, a guerra entre outras. Moitas películas reflicten directa ou indirectamente situacións de inxustiza, insolidariedade e violencia, e moitas as denuncian.







Como imos De Cine, aquí van, logo, unhas suxestións que recollemos de aquí e de acolá para
conmemorar o Día da Paz ante a pantalla.


Encántanos, para empezar, o gran traballo que están realizando dende a biblioteca do IES Santiago Basanta Silva, de Vilalba, que teñen un blog fantástico. onde recollen en diferentes entradas moi variados recursos para conmemorar esta data tan significativa. Atopamos xogos, cancións, citas célebres, que foron colgando durante a última quincena, pero o mellor de todo son as súas entradas sobre cine  , curtas e outros audiovisuais de interese.




Excelente tamén o blog Bibliolucus, do IES Lucus Augusti, que elaborou esta selección de libros e pelis e este folleto que fai un repaso do que conmemoramos o día 30 e da súa historia no calendario. Mesmo teñen tamén un vídeo que fai referencia ás mulleres que obtiveron o Nobel da Paz. Ben interesante!




Inevitable incluír un clásico: a sección Videoteca da páxina do Seminario Galego de Educación para a Paz.   Entre outras recomendacións, todas elas con guía didáctica, parécenos imprescindible Bowling for Columbine , pero poderedes atopar outras moi interesantes.





Outro clásico é a páxina Cine e Educación en Valores 2.0, que fai propostas por franxas de idade... A pesares de estar máis orientada a temas de saúde, moitas das películas son tan boas e teñen tantas lecturas que son abordables dende outras perspectivas. Recoméndamos, por exemplo, a xenial peli La Ola.





A Asociación de Orientadores de Castilla.-La Mancha tamén ten a súa páxina adicada ao cine. Parécenos moi oportuno que teñan un apartado adicado á linguaxe audiovisual . Coñecendo algúns dos seus recursos poderemos captar moito mellor os matices do que estamos a ver, así que damos por recomendada a visita a esta sección e por suposto á sección de películas.





En Educarueca, todo un referente no tema da educación en valores, atopamos esta sección de Cine para a Paz.  Simplemente é un listado de películas clasificadas por temas: a guerra e as súas consecuencias, o militarismo, o pacifismo, etc. Algunhas teñen comentarios ou sinopse pero outras non, e o resultado é un pouco caótico. Pero o listado é tremendamente completo, e inclúe moitas pelis menos coñecidas para o "gran público", así que é unha boa maneira de ampliar miras.




Gústanos moito este artigo, Diez filmes para educar para la paz, que foi publicado na revista Making Of (nº 91-92) Especial Educación para la Paz.




En calquera caso, neste enlace tendes un montón de propostas, De Cine e de todo o demais, que nos achega o blog das Bibliotecas Escolares de Galicia...   e a Red de Buenas Prácticas 2.0.





Paz e bo cine!


Ningún comentario:

Publicar un comentario