Amosando publicacións coa etiqueta Voces de Muller. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Voces de Muller. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de abril de 2026

Comezamos coas celebracións do Día do Libro: Música barroca na Biblio




Para que vaiades facendo oco na axenda, anunciámosvos que o día 25 de abril ás 12.00 teremos un plan marabilloso na biblio:

A Ensemble do Departamento de Música Antiga do Conservatorio de Música de Ourense virá a presentarnos a súa produción deste curso: Venus e Adonis, de John Blow. Non vos preocupedes: teremos narración do texto para que ninguén perda o argumento.

Poderedes escoitar en directo instrumentos pouco habituais aquí: clavicémbalo, consort de violas da gamba, consort de frautas de bico e, por suposto, o coro. 

O Ensemble de Música Antiga do CMUS Ourense é un grupo no que cativada, profesorado e outros invitados colaboran para obter unha sonoridade fermosísima, nunha interpretación que chama a atención pola mencionada variedade de instrumentos e de idades: de nove aniños en adiante!

Moi interesantes son tamén as notas ao texto que dende o propio Departamento de Música Antiga nos achegan: 

" Como xa sabemos, John Blow é o compositor da "masque" Venus & Adonis, unha obra que se estreou en Londres o 17 de abril de 1684, despois de ser presentada ao rei Charles II de Inglaterra.
En canto ao libretto, aínda que o mito de Venus e Adonis inspirou o -coñecido e co mesmo título-poema de Shakespeare, do mesmo xeito que o da Metamorfoses de Ovidio, o texto que Blow empregou inicialmente atribúese á escritora Aphra Behn. Non obstante, tamén se pensa que podería ter sido escrito por Anne Finch en colaboración coa poeta Anne Killigrew.
É entón, Venus & Adonis de John Blow, unha obra na cal as mulleres desempeñan un papel único e fundamental na elaboración do texto musicado.
"

Non deixedes de pasarvos por aquí: 50 minutos de boa música nun entorno inigualable como é a nosa biblioteca... E, si: durante a construción do noso Claustro do Poleiro, esta era a música que se interpretaba en toda Europa (o trending topic do momento!)

Aquí podedes ver recesións na prensa desta presentación.

E aquí un pequeno exemplo musical do que foi a estrea no Conservatorio de Ourense.




luns, 16 de marzo de 2026

A nosa vitrina, preparada: peza do mes de marzo

 Non deixes de paratte un intre no corredor da biblio para ver o chula que quedou a nosa Peza do Mes... E facer "sesión revival" lembrando, como tema do mes,  a nosa campaña que nunca remata "Voces de Muller", e o seu brazo activista "Cómprame a Igualdade".


mércores, 11 de marzo de 2026

Peza do mes de marzo: El gobierno de las mujeres, xa en exposición

 Xa está a nosa vitrina lista coa Peza do Mes, como sabedes procedente do noso fondo histórico, e moita información sobre o Tema do Mes: a campaña que nunca remata, Voces de Muller, e o seu brazo activista Cómprame a Igualdade.

 Aquí podes atopar a documentación da peza.







luns, 9 de marzo de 2026

Peza do mes de marzo: "El gobierno de las mujeres"

 Procedente do noso fondo histórico, aquí tendes a información sobre o exemplar de Armando Palacio Valdés "El gobierno de las mujeres". O tema do mes non podía ser outro que a nosa campaña Voces de Muller, que nunca remata.

En breve estará preparado o expositor! E presentaremos a peza. Premede aquí para acceder ao dossier informativo.



luns, 2 de marzo de 2026

Quecendo... Comezamos marzo coa exposición Mulleres Pioneiras!

Guiadas polo Departamento de Orientación, durante o curso pasado traballamos nas titorías sobre mulleres pioneiras da nosa contorna: cada titoría preparou colaborativamente o seu mural e a final de curso expuxémolos nun dos nosos corredores.

É momento de reivindicalas e felicitar a quen propuxo e colaborou na iniciativa. Feliz mes de marzo!











mércores, 26 de novembro de 2025

25 N: A nosa árbore da lembranza


2025: 38 mulleres vítimas (ata o momento)

2010 - 2024: 982 mulleres vítimas

A árbore quedará no noso corredor para non esquecelas.





 

xoves, 6 de marzo de 2025

Algunha cousiña máis de Rosalía!

 Presentamos este vídeo informal no que o alumnado de 2ºB recita a Rosalía. Que está sen preparar? Si. Que Rosalía é un valor absoluto con ensaio e sen el? Tamén! 




Video de Youtube Cuenta Atras Reloj Negro de Biblio Poleiro

luns, 14 de outubro de 2024

Día das Escritoras

 Hoxe é o Día das Escritoras. Por suposto, todos os días o son, pero hoxe un pouquiño máis. Iremos partillando as lecturas compartidas de textos con Voces de Muller que fixemos nalgunhas aulas: sempre é bo momento para a lectura compartida e para poñer no seu sitio á metade da humanidade silenciada. Estiveron con nós as letras de Chus Pato, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Gloria Fuertes, Leonor de Aquitania, Alfonsina Storni... e moitas máis!


Feliz día!




luns, 18 de marzo de 2024

Os nosos actos do 8M

 Por mor dunha alerta meteorolóxica, os actos de visibilización do 8M non puideron ir adiante na súa data: tivémolos que adiar para o pasado día 15.

Reunido todo o centro no pavillón polideportivo, e tras unhas palabras moi emotivas da profesora do departamento de Lingua e Literatura Teresa Devesa Graña, o baile e a actividade física foron os protagonistas da xornada. Como dixo Teresa, facendo súas e reinterpretando as palabras de Martin Luther King, o noso soño sería que non houbera necesidade dun 8 de marzo. Ogallá.

Deixámosvos testemuño audiovisual das actividades.










martes, 5 de decembro de 2023

Arte vs VdG xa está no noso corredor.

 Dende a semana pasada colgan do noso corredor os cadros da exposición Arte vs VdG, arte contra a violencia de Xénero, de Ana Peaguda, nas súas palabras, "unha exposición itinerante para reflexionar, visibilizar y reaccionar ante un grave problema de Saúde Pública a través dunha mostra gráfica."

Ela mesma brindouse a explicar ao alumnado de bacharelato o sentir da exposición e os referentes literarios e sociais que emprega. Aquí vos deixamos unha mostra.
















luns, 27 de novembro de 2023

O que sucedeu o pasado venres en Celanova: conmemoración do 25N multitudinaria.

 A praza da nosa vila encheuse de xente o venres. Os actos conmemorativos do 25N tiveron aos centros educativos da mancomunidade como protagonistas. Representantes de varios concellos e alumnado de todas as edades participaron aportando manifestos, cancións, poesías e sobre todo, conciencia. Parabéns, sobre todo ao noso alumnado de oratoria, que nos representou magnificamente. 

Aquí vos deixamos un resumo en fotos e vídeo. 

Pica na imaxe para acceder ao album completo.




Por certo: tamén a prensa recolleu o acto!


mércores, 8 de marzo de 2023

Simplemente, unha muller.

Unha biblioteca é un espazo cheo de libros, películas, cómics... que se moven; que se moven coma os ratos de Celso Emilio: "Un rato é unha cousa que se move"; nas bibliotecas tamén hai "ratos"; eses "ratos"particulares son as persoas, persoas coma Belén Sánchez, que creou, moveu, liscou, traballou, viviu, amou e fixo que a nosa biblioteca sexa hoxe o que é; por iso será a nosa sala de lectura "Belém Sánchez" no momento do seu xubileo.                                                            


Falaba con palabras
que semellaban pombas.
As cousas á súa beira
púñanse brancas.
Nascíalle nos ollos un abrente
coma un río de luz,
ou coma un mar lonxano de gueivotas.







Celanova, 8M de 2023

xoves, 16 de febreiro de 2023

Baldomero Moreiras en Radio Clásica, e Carmen de Burgos na nosa Sala Gótica

 Partillamos este podcast da sensacional entrevista que o programa Longitud de Onda de Radio Clásica fixo o día 9 ao artista gráfico Baldomero Moreiras, da nosa vila, artista fantástico e home "bo e xeneroso", que nos colabora en todo.

Pica na imaxe da portada do catálogo da exposición "O Eco das Amazonas" para escoitar o podcast!!!!


Neste enlace podes ver a lista de fondos relativos a Baldomero Moreiras, algúns doados por el mesmo, que temos na biblioteca. Tamén é obra súa o cartaz do acto de homenaxe aos fusilados da guerra civil en Celanova, que como vos informamos fai uns días, xa está instalado. 

EDITAMOS...! Hoxe mesmo, no acto que vos anunciamos onte, "Memoria histórica e dereitos humanos", realizouse a entrega oficial do cartaz ao noso centro, así como da placa das Escolas da República, que a familia do propio artista, a través do Comité de Memoria Histórica Terras de Celanova, cedeu para que sexa custodiada no IES.

Ademais temos o gran placer de amosarvos outra fermosísima doazón que fixo ao noso centro: unha das obras da colección da que fala na entrevista, O Eco das Amazonas, en concreto a de Carmen de Burgos, moi axeitada para estar pendurada dos nosos muros. Estamos moi agradecidos!






venres, 10 de febreiro de 2023

Mañá é o Día da Muller e a Nena na Ciencia

 Hoxe achegámosvos o calendario científico que cada ano promove o CSIC. Pica na imaxe e accede á web para poder descargalo en diversos formatos.


Accede dende este enlace á páxina oficial do 11 de xaneiro, Día da Muller e a Nena na Ciencia.


Nós no IES tamén intentamos promover referentes femininos STEM con diversas actividades. Por exemplo, alá polo mes de decembro (pica aquí para ver a entrada completa) recibimos a dúas voluntarias da ONG Enxeñería Sen Fronteiras, Martina Páramo e Lucía Amaro (Telecomunicacións) que nos contaron a súa experiencia na ciencia. Así o partillamos no seu día no boletín trimestral de información ás familias:


A propia ONG no seu programa Hackers Sen Fronteiras, no que como sabedes participamos por primeira vez neste curso como centro piloto, fomenta estas actividades e a súa base social, voluntarias neste caso, axúdannos a ter referentes femininos na ciencia. Aquí podes acceder á presentación que amosaron ese día.





Neste enlace podes acceder ás otras entradas desta bitácora relacionadas co tema, que son variadas e interesantes.