Para que vaiades facendo oco na axenda, anunciámosvos que o día 25 de abril ás 12.00 teremos un plan marabilloso na biblio:
A Ensemble do Departamento de Música Antiga do Conservatorio de Música de Ourense virá a presentarnos a súa produción deste curso: Venus e Adonis, de John Blow. Non vos preocupedes: teremos narración do texto para que ninguén perda o argumento.
Poderedes escoitar en directo instrumentos pouco habituais aquí: clavicémbalo, consort de violas da gamba, consort de frautas de bico e, por suposto, o coro.
Moi interesantes son tamén as notas ao texto que dende o propio Departamento de Música Antiga nos achegan:
" Como xa sabemos, John Blow é o compositor da "masque" Venus & Adonis, unha obra que se estreou en Londres o 17 de abril de 1684, despois de ser presentada ao rei Charles II de Inglaterra.
En canto ao libretto, aínda que o mito de Venus e Adonis inspirou o -coñecido e co mesmo título-poema de Shakespeare, do mesmo xeito que o da Metamorfoses de Ovidio, o texto que Blow empregou inicialmente atribúese á escritora Aphra Behn. Non obstante, tamén se pensa que podería ter sido escrito por Anne Finch en colaboración coa poeta Anne Killigrew.
É entón, Venus & Adonis de John Blow, unha obra na cal as mulleres desempeñan un papel único e fundamental na elaboración do texto musicado."
Non deixedes de pasarvos por aquí: 50 minutos de boa música nun entorno inigualable como é a nosa biblioteca... E, si: durante a construción do noso Claustro do Poleiro, esta era a música que se interpretaba en toda Europa (o trending topic do momento!)
Aquí podedes ver recesións na prensa desta presentación.
E aquí un pequeno exemplo musical do que foi a estrea no Conservatorio de Ourense.

Ningún comentario:
Publicar un comentario