venres, 10 de abril de 2026

Recollendo o Premio de Traballo por Proxectos

 Hoxe viaxamos a Compostela para asistir ao acto de entrega de premios do XI Concurso de Traballos por Proxectos na modalidade de proxectos interdisciplinares, que convoca a Asesoría de Bibliotecas Escolares (a quen agradecemos a iniciativa e o recoñecemento). En xaneiro démosvos a boa nova, pero este ano organízouse por primeira vez  un acto de entrega "físico" do premio. 

Foi un acto sinxelo, ben feito, no que se visibilizou o esforzo de tantos centros que traballan con rigor, ilusión e excelencia: sabemos que hai moitos máis, pero non sempre se dan a coñecer as súas experiencias.

O noso Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro foi merecente deste recoñecemento. Queremos salientar que é un proxecto con unha participación moi alta de profesorado e alumnado. Posto en marcha polo Departamento de Historia, o equipo de Biblioteca colaborou na súa difusión e coordinou a participación de máis departamentos: é un proxecto de todos que, agardamos, continúe moito tempo con nós. 

Non esquecemos a inestimable axuda do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, co que agardamos seguir traballando. 

Por razóns organizativas, unicamente puideron acudir á entrega a directora e a coordinadora da biblioteca, que subiu a recoller o premio. Pero hai moito traballo e moitas máis persoas detrás: grazas a todas elas.





Ningún comentario:

Publicar un comentario