Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Muller ciencia. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Muller ciencia. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

mércores, 11 de febreiro de 2026

Celebramos o Día da Nena e a Muller na ciencia con novidades... E unha entrevista moi especial!!!

 Nada máis científico que unha nena zombi, por iso vos presentamos novidades na biblio: a colección de Mortiña, en galego, coa que pasaredes moi bos momentos: non pensedes que é só para a cativada, ten uns argumentos ben chulos e algúns experimentos sorprendentes... que non sempre saen ben! Vinde pola biblio, que xa están no expositor de novidades...

Pero aproveitamos este día para amosarvos a primeira das entrevistas que está a facer o alumnado de oratoria: a vítima deste grupo foi a profesora Mercedes Seara, Merchi, de bioloxía e física e química. Ela quería ser exploradora, pero foille mudando a vida... Aquí vos deixamos a entrevista, a modo de podcast...


Benvidos de Irmafernandez

venres, 10 de febreiro de 2023

Mañá é o Día da Muller e a Nena na Ciencia

 Hoxe achegámosvos o calendario científico que cada ano promove o CSIC. Pica na imaxe e accede á web para poder descargalo en diversos formatos.


Accede dende este enlace á páxina oficial do 11 de xaneiro, Día da Muller e a Nena na Ciencia.


Nós no IES tamén intentamos promover referentes femininos STEM con diversas actividades. Por exemplo, alá polo mes de decembro (pica aquí para ver a entrada completa) recibimos a dúas voluntarias da ONG Enxeñería Sen Fronteiras, Martina Páramo e Lucía Amaro (Telecomunicacións) que nos contaron a súa experiencia na ciencia. Así o partillamos no seu día no boletín trimestral de información ás familias:


A propia ONG no seu programa Hackers Sen Fronteiras, no que como sabedes participamos por primeira vez neste curso como centro piloto, fomenta estas actividades e a súa base social, voluntarias neste caso, axúdannos a ter referentes femininos na ciencia. Aquí podes acceder á presentación que amosaron ese día.





Neste enlace podes acceder ás otras entradas desta bitácora relacionadas co tema, que son variadas e interesantes.

venres, 11 de febreiro de 2022

11F: Día da Muller e a Nena na Ciencia

 A web da ONU cóntanos que dende 2016 o día de hoxe ten que servir para visibilizar dúas realidades vitais para o desenvolvemento humano: a igualdade de xénero e a ciencia.

Nós somos da mesma opinión, así que aí van as nosas aportacións, que estarían moi ben para utilizar nas Horas de Ler destes días: aquí achegamos unha morea de recursos que fomos recollendo nesta bitácora durante cursos pasados.

Rosalía, pioneira (Miguel Robledo)

Non deixedes de visitar as nosas escolmas e materiais propios, da nosa campaña Voces de Muller:

Mulleres matemáticas

Mulleres científicas

E de pasarvos pola biblio e levar algunhas das nosas fantásticas referencias sobre o tema, por exemplo:


Tamén son moi interesantes os calendarios científicos do CSIC, que xa van pola súa terceira edición e que xa partillamos no noso blog.

Navegando pola rede podedes atopar moreas de recursos fantásticos, pero hoxe recomendámosvos que vos acheguedes á web de ESF Galicia (Enxeñería Sen Fronteiras), onde están traballando moito para visibilizar os perfís STEM femininos, entre outras cousas. Cada mes lanzan o seu BOE (Boletín Oficial Esfeiro) con novas relativas á tecnoloxía para o desenvolvemento humano. Entre outras das súas actividades, colaboran con centros educativos, e nós agardamos ser o próximo! 

Outra recomendación, recén saída do forno, son os vídeos de divulgación do IDIVAL (Instituto de Divulgación de Valdecilla), nos que eminentes científicas explican as liñas de investigación que están a desenvolver. Neste vídeo en concreto é Marta Alonso Peña, Doutora en Fisiopatoloxía e Farmacoloxía pola Universidade de Salamanca, quen nos explica o proxecto Cohorte Cantabria, do que é coordinadora: un estudo único e pioneiro que permitirá avanzar no coñecemento das enfermidades. Un sopro de esperanza neste ambiente pandémico.

Aquí deixamos o vídeo. Porque precisamos referentes! 


xoves, 11 de febreiro de 2021

11F: Actos do día

Para completar a escolma de recursos que vos achegamos fai nadiña sobre o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aquí vos vai unha noticia, unha lembranza e algunhas suxestións.

A noticia: A xenetista Jimena Fernández de la Vega, elixida Científica Galega 2021. Xunto coa súa irmá Elisa foi a primeira muller en licenciarse en medicina na Universidade de Santiago, chegando a realizar notables investigacións pioneiras en xenética médica. A Real Academia Galega de Ciencias  recoñece anualmente a algún personaxe que contribuíse ao desenvolvemento científico en Galicia, e este ano, ela foi a distinguida. Deixámosvos aquí moita máis información.

Imaxe procedente de: https://www.gciencia.com/ciencia/a-xenetista-jimena-fernandez-de-la-vega-cientifica-galega-do-ano-2021/?fbclid=IwAR0rBGWSQx8lzKreOPzJVPwl8V3g07QJkQYAzi1R2kK-FZUr6pMwSN_P7Jc

Unha lembranza vennos á cabeza: xa fai un ano da visita á nosa biblio da arritmóloga Luisa Pérez, autoridade científica que nos brindou una fantástica charla titulada Memorias dunha nena labrega. Case un ano e moitas cousas pasaron dende entón. Pero foi un verdadeiro privilexio que un referente de semellante magnituda nos visitara.

E alá van as suxestións do día:

Deixámosvos aquí a programación de algúns eventos organizados para hoxe, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, por organismos varios que achega a páxina do Ministerio de Ciencia e Innovación, moitos deles online e ben interesantes.

E neste enlace atoparedes algúns actos organizados por entidades galegas: universidades, concellos e bibliotecas, mágoa que non estean preto de nós... O importante é que están a visibilizar esta realidade!

A Universidade de Almería tamén propón algunhas actividades virtuais, e mesno obradoiros online para solicitar ata o 8 de marzo.

Feliz día.


martes, 9 de febreiro de 2021

11 de febreiro: Día da Muller e a Nena na Ciencia

O vindeiro xoves día 11, pasado mañá, será o día da muller e a nena na ciencia. É importante para o noso alumnado coñecer referentes femininos nun campo tradicionalmente masculino, así que, como toca HORA DE LER a segunda, aquí vos deixamos unhas suxestións: 

Sopa de letras científica.

Xogo de pistas: Adivina quen son. Neste enlace podes descargar o material recortable para repartir entre o alumnado e que busquen o nome de cada unha das científicas.

Científicas en corto: Vídeo para traballar con proposta didáctica.

Ilustracións humorísticas sobre as nenas e a pescuda de referentes científicos.

Biografías para a aula de mulleres científicas.

Mulleres pioneiras

Calendarios científicos 2020 e 2021, por se queredes coller ideas.

Banda deseñada: Científicas: pasado, presente e futuro.

Pelis e curtas.

Por exemplo: 

 

Materiais elaborados pola Biblio, da pasada campaña Voces de Muller, que mesmo podedes proxectar na aula para facer unha lectura conxunta e saber máis sobre científicas de todos os tempos:

Mulleres científicas

Mulleres matemáticas


E moito máis material en 11defebrero.org 




mércores, 20 de marzo de 2019

Exposición nas mesas da biblio III: Mulleres Científicas

Certos pensadores chegaron a afirmar mesmo que a muller non tiña a mente preparada para o traballo científico. Que atrevemento! O certo é que se non tiñan acceso a estudos, nin sequera do máis básico, mal ían desenvolver unha carreira científica.

En proceso de superar todo iso, hoxe temos a boa noticia, por fin, de que o Premio "Nobel" foi concedido a unha matemática, Karen Uhlenbeck. En realidade, as matemáticas non están entre as disciplinas premiadas nos premios Nobel, pero o premio máis importante no que a matemática se refire, o Premio Abel, recoñece a traxectoria e relevancia desta científica e recae por primeira vez na súa existencia nunha muller.

E por se aínda pensabades que non hai mulleres na ciencia, aquí vos queda a exposición da mesa III da biblio. Que aproveite!



martes, 12 de febreiro de 2019

11 de febreiro: Día internacional da muller e a nena na ciencia


Esta e outra fermosas imaxes serviron onte para visibilizar unha realidade que no século XXI xa debería estar superada: o recoñecemento da aportación da muller á ciencia ao longo da historia, e o feito de que a día de hoxe, os premios máis importantes e os postos máis relevantes da pirámide sigan ocupados maioritariamente por homes.

Esta e outra información podédela atopar nesta páxina: https://11defebrero.org/ ,  na que ademáis ofrécennos unha ampla axenda de actividades, pois a cousa non acabou onte: están programadas centos de charlas e outras actividades formativas. Botádelle un ollo á axenda aquí.

martes, 31 de xaneiro de 2017

Á virtude, a unha vida, á ciencia. Aniversario de Concepción Arenal.

Imaxe: http://talleresytertulias.blogspot.com.es/2015/07/frases-celebres-concepcion-arenal.html


Nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893.

Diplomada en Dereito, xornalista, poeta, autora dramática e de  zarzuela. Foi a primeira muller en asistir a unha  Universidade  española.

A súa infancia estivo marcada pola persecución, represión e desterro que sufriu o seu pai a causa das súas ideas liberais

Estudou en  Madrid, nun colexio para señoritas, cun tipo de que máis tarde ela mesma se encargaría criticar por tratarse da "arte de perder o tempo". Por sorte, acadou grande unha grande cultura de xeito autodidacta grazas á biblioteca que tiña a súa familia paterna.

É bastante probable que asistise á Universidade disfrazada de home, ás aulas da carreira de  Dereito na Complutense de Madrid, xa que nese momento non se permitía legalmente o acceso das mulleres aos estudos superiores en  España.

Casou, e o seu marido soubo comprender e apoiar as inquietudes culturais e sociais de Concepción.
Como activista, promoveu  unha asociación para visitar as mulleres presas e facer valer os seus dereitos.

Con Concepción Arenal naceu o  feminismo  en  España, pois dende nova loitou por romper os canons establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.

Algunhas das súas obras foron :  La mujer del porvenir, La educación de la mujer,  El estado actual de la mujer en España, El trabajo de las mujeres,  etc.


Información procedente da Galipedia.

venres, 15 de abril de 2016

Máis sobre ciencia!!! Co blog da biblio do IES Porto do Son


Mirade o que atopamos no blog da biblio do IES Porto do Son: Entre as súas actividades do 8 de Marzo, hai unha moi interesante que cuestiona o papel da muller na ciencia... Xa o título non ten desperdicio: A muller na ciencia: ficción?

Recomendámosvos visitar non soamente esta entrada, senón todo o blog: é interesantísimo, con  recursos, actividades, rutas literarias, sección de recesións de libros e moito máis. Inclúen na entrada dedicada á muller na ciencia un material moi aproveitable que vos enlazamos picando na imaxe. 
Bo proveito!

martes, 29 de marzo de 2016

Historia das nosas mulleres ourensás

Comezamos o último trimestre con renoavadas enerxías! E para celebralo, achegámosvos este gran descubrimento que fixemos na rede: Historia das nosas mulleres ourensás, un blog completísimo sobre ourensás que fixeron historia en tódolos campos: ciencia, arte, solidariedade, letras, filosofía...

Imaxe procedente de mulleresourensas.blogspot.com.es 


Para mostra, aquí vai a declaración de intencións do blog... Non ten desperdicio!

UNHA HOMENAXE ÁS NOSAS MULLERES

É un feito incuestionable que na historiografía contemporánea se suscitou un interese crecente polos estudos sobre a muller dende diferentes puntos de vista, o que permitiu reconstruír unha parte importante, ata agora silenciada, da nosa historia.

Se revisamos manuais de historia xeral, apenas aparecen mecionadas as mulleres. Pero, afortunadamente, isto vai cambiando.

Este blog pretende dar a coñecer a mulleres do noso contorno que tiveron relevancia pola súa traxectoria vital. Intenta poñer de relevo a aquelas mulleres ourensás, de antes e de agora, que fixeron e fan pegada na historia. Son nomes propios que debemos coñecer porque é un xeito de manifestar que a nosa provincia tamén participou na "visibilización" da Muller.

Nas mulleres citadas verémonos reflectidas ao compartir as súas inquedanzas, as súas ilusións, as súas loitas ...

Salientamos estas, aínda que, de ningún xeito, hai que esquecerse de tantas mulleres anónimas que en Ourense foron e son protagonistas na nosa vida cotiá e diaria.

Con probabilidade nunca este blog se completará de todo, pois cada día emerxen novos nomes propios dos que sentirnos orgullosos todos os ourensáns.

Moitas grazas a todo o mundo por interesarse por este blog que se fai con moito cariño e respecto.


Recomendámosvos encarecidamente o blog que Rosa María Cid Galante puxo en marcha xa en 2009.