Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Rosalía. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Rosalía. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

martes, 24 de febreiro de 2026

Miña casiña, meu lar!

Onte celebramos a Rosalía cun caldiño ben saboroso! E recitando o poema que contén a receita! O Departamento de Galego meteunos en danza e fixemos unha lembranza ben riquiña do gran día.

Deixámosvos testemuño audiovisual: o audio é terrorífico, pero veredes o bo ambiente que tivemos no recreo co reparto do Caldiño de Gloria. Seguiremos informando!


Día de Rosalía de Irmafernandez

luns, 23 de febreiro de 2026

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!

 Haberá moitas sorpresas ao longo do día... xa arrecende o Caldo de Gloria do que gozaremos no recreo... pero, como aperitivo, alá vai un recitado para abrir boca, a cargo do alumnado de 1º FPB e con música interpretada no piano da biblio.

Tentaremos dar cumprida conta ao longo da semana das actividades que vaiamos realizando. Feliz semana!




xoves, 5 de febreiro de 2026

Peza do Mes de febreiro: Prusa, a nosa primeira impresora 3D

 A nosa impresora 3D Prusa cumpre 10 anos con nós. Xa está descansando no Museo, pois foi substituida por outras con maiores prestacións. Pero sempre quedará na nosa lembranza as cousas fermosas que ela imprimiu, como a colección de marcapáxinas inspirados no noso edificio que valeron un Premio do Concurso de Traballo por Proxectos alá polo ano 2017.

Na vitrina tamén atoparedes unha efixie ben bonita de Rosalía (pois estamos no seu mes) impresa en 3D polo profe de tecnoloxía e pintada a man por Patricia Cid.

A información sobre a peza, aquí!






xoves, 6 de marzo de 2025

Algunha cousiña máis de Rosalía!

 Presentamos este vídeo informal no que o alumnado de 2ºB recita a Rosalía. Que está sen preparar? Si. Que Rosalía é un valor absoluto con ensaio e sen el? Tamén! 




Video de Youtube Cuenta Atras Reloj Negro de Biblio Poleiro

xoves, 27 de febreiro de 2025

Máis Rosalía!!!! Alborada

 Hoxe fixemos unha falcatruada: asaltamos a biblioteca para, con piano, gaita e pandeireta, interpretar a Alborada de Rosalía, musical e literariamente.

Foi un petisco breve que nos deixou moi bo sabor de boca!











mércores, 26 de febreiro de 2025

Presentación da Peza do Mes de febreiro: o alumnado de bacharelato presenta Follas Novas

 O noso facsímil de Follas Novas xa foi presentado polo alumnado de Bacharelato coordinados por Patricia Cid, do Equipo de Dinamización Lingüística, nesta Semana de Rosalía.

Aínda quedan uns días para que poidades visitar in situ a nosa exposición, pero aquí tendes unhas imaxes (que non lle fan xustiza) e a información sobre as pezas expostas. 

E por último, o testemuño gráfico do alumnado en plena exposición. Que aproveite!





xoves, 13 de febreiro de 2025

A nosa peza do mes: Follas Novas

 Xa achegamos fai uns días, para celebrar a chegada do mes de Rosalía, a información sobre a nosa Peza do Mes, un facsímil de Follas Novas.

Velaquí as imaxes da peza, que certo é, loce moito máis en directo.







venres, 31 de xaneiro de 2025

Peza do mes de febreiro: O mes de Rosalía

 Xa temos preparada a peza do mes de febreiro, como non, o mes da nosa Rosalía. Aquí vos deixamos o material informativo e en breve teremos novas sobre a presentación da peza. Que aproveite.



luns, 14 de outubro de 2024

Día das Escritoras

 Hoxe é o Día das Escritoras. Por suposto, todos os días o son, pero hoxe un pouquiño máis. Iremos partillando as lecturas compartidas de textos con Voces de Muller que fixemos nalgunhas aulas: sempre é bo momento para a lectura compartida e para poñer no seu sitio á metade da humanidade silenciada. Estiveron con nós as letras de Chus Pato, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Gloria Fuertes, Leonor de Aquitania, Alfonsina Storni... e moitas máis!


Feliz día!




xoves, 23 de febreiro de 2023

23F, celebramos a Rosalía

 Chegou o día de celebrar máis ca ningún outro á nosa Rosalía. Á boa. Á de Castro.

Este ano ímosvos contar algo que ocorreu fai pouquiño, nunha excursión do alumnado de música a Santiago. Reservada a visita do Pórtico da Gloria, para admirar, sobre todo, os seus instrumentos pétreos, ocorréusenos a fermosa idea de que o alumnado recitase, in situ, o poema que Rosalía escribiu inspirada na obra "D'inmortal nome Mestre Mateo", e facer un vídeo homenaxe. Pero quixo o fado que as normas turísticas, encarnadas no persoal de seguridade, non nos permitiran realizalo, sen posibilidade de negociación.

Tamén o fado quixo que, pola tarde, cando fomos visitar o Museo do Pobo Galego, estivera aberta a igrexa de Bonaval, co seu Panteón de Galegos Ilustres. Foi alí, fronte ao mausoleo de Rosalía, onde por fin puidemos recitar o poema que levabamos preparado:

O sol poniente, polas vidreiras  
D'asoledade, lanza serenos
Rayos, que firen descoloridos
D'a Groria os anxeles y o Padre Eterno.

Santos e apóstoles, védeos! parecen
Qu'os labios moven, que falan quedo
Os uns e os outros, e aló n'altura
D'o cue a música vai dar començo,
Pois os groriosos concertadores
Tempran risoños os instrumentos.

Estarán vivos? serán de pedra?
Aqueles sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas, 
aqueles ollos de vida cheos?
Vos qu'os fixeches de dios c'axuda
D'inmortal nome Mestre Mateo...


E nestoutro, todas as entradas do Día de Rosalía nesta bitácora.




Por último, a nova do día: na vila de Celanova, ímolo celebrar cun Caldiño de Gloria.

Aquí o enlace á prensa!









xoves, 26 de maio de 2022

Airiños. airiños aires: O exilio, a música, a poesía...


 

Este curso, no noso Obradoiro de Composición Dixital do alumnado de Linguaxe e Práctica Musical fixemos de novo unha homenaxe (musical, claro) para festexar as Letras 2022. A obra homenaxeada foi Airiños, airiños aires, da nosa Rosalía, musicada por Antonio Jaunsarás, formidable músico navarro asentado en Ourense que foi organista da catedral, mestre de mestres e compositor. A escolla veu motivada, ademais de pola súa beleza, pola súa temática, pois xa sabedes que Gurriarán é o "poeta do exilio". Por certo, podedes ver aquí todas as entradas relativas ás Letras 2022 deste blog.

Baixo técnicas compositivas tonais, adentrámonos na melodía e harmonía desta fermosa versión e creamos as nosas propias, que podes ver no noso taboleiro Wakelet que fixemos para amosárvolas. Definitivamente, o noso proxecto Música no Mosteiro está a ofrecernos os sus froitos... Porque no Mosteiro tamén podemos ser modernos! (Pica aquí para ver todas as entradas de MnM deste blog)

Que aproveite!


mércores, 23 de febreiro de 2022

23F, Día de Rosalía

Celebramos o Día de Rosalía abordando a súa xenialidade dende unha perspectiva "de campaña". 

De que campaña? Pois da nosa, da actual campaña da biblio Un mundo feliz? : hoxe presentámosvos á Rosalía ecoloxista, "pintora" e defensora da paisaxe da súa amada terriña. 

Pioneira como ela foi, nós non quixemos ser menos, e achegámosvos os novos materiais a través dunha plataforma de contidos multimedia que estamos a estrear: Wakelet. Agardamos que gocedes da escolma de poesías paisaxísticas, da presentación con pinturas e ilustracións da paisaxe galega ou dos recitados do alumnado en audio que iremos ampliando na nosa canle Soudcloud.

Atentos e atentas, que nos próximos días Rosalía seguirá con nós... 


Non queremos deixar de convidarvos a que lle botedes unha ollada a todas as referencias a Rosalía neste blog, para que vexades que sempre a temos moi presente. Parabéns no teu día, Rosalía!


Rosalía pioneira. Miguel Robledo

venres, 11 de febreiro de 2022

11F: Día da Muller e a Nena na Ciencia

 A web da ONU cóntanos que dende 2016 o día de hoxe ten que servir para visibilizar dúas realidades vitais para o desenvolvemento humano: a igualdade de xénero e a ciencia.

Nós somos da mesma opinión, así que aí van as nosas aportacións, que estarían moi ben para utilizar nas Horas de Ler destes días: aquí achegamos unha morea de recursos que fomos recollendo nesta bitácora durante cursos pasados.

Rosalía, pioneira (Miguel Robledo)

Non deixedes de visitar as nosas escolmas e materiais propios, da nosa campaña Voces de Muller:

Mulleres matemáticas

Mulleres científicas

E de pasarvos pola biblio e levar algunhas das nosas fantásticas referencias sobre o tema, por exemplo:


Tamén son moi interesantes os calendarios científicos do CSIC, que xa van pola súa terceira edición e que xa partillamos no noso blog.

Navegando pola rede podedes atopar moreas de recursos fantásticos, pero hoxe recomendámosvos que vos acheguedes á web de ESF Galicia (Enxeñería Sen Fronteiras), onde están traballando moito para visibilizar os perfís STEM femininos, entre outras cousas. Cada mes lanzan o seu BOE (Boletín Oficial Esfeiro) con novas relativas á tecnoloxía para o desenvolvemento humano. Entre outras das súas actividades, colaboran con centros educativos, e nós agardamos ser o próximo! 

Outra recomendación, recén saída do forno, son os vídeos de divulgación do IDIVAL (Instituto de Divulgación de Valdecilla), nos que eminentes científicas explican as liñas de investigación que están a desenvolver. Neste vídeo en concreto é Marta Alonso Peña, Doutora en Fisiopatoloxía e Farmacoloxía pola Universidade de Salamanca, quen nos explica o proxecto Cohorte Cantabria, do que é coordinadora: un estudo único e pioneiro que permitirá avanzar no coñecemento das enfermidades. Un sopro de esperanza neste ambiente pandémico.

Aquí deixamos o vídeo. Porque precisamos referentes! 


luns, 1 de marzo de 2021

Regaliño de Uxía Oviedo para a nosa biblio

A artista gráfica Uxía Oviedo agasallounos con este fermoso detalle que nos axudou a celebrar o Día de Rosalía, aínda que sempre dicimos que todos os días poden selo. Mesmo hoxe, que é o festivo local na nosa vila e celebramos a San Rosendo. Aquí vos deixamos o enlace á súa canle de youtube, e podedes seguir o seu traballo en redes. Atentos e atentas, que dará que falar.




venres, 26 de febreiro de 2021

Recital informal do Día de Rosalía

O prometido é débeda: aquí vos deixamos o noso Recital Informal: porque calquera momento ou lugar son bos para ler, recitar e gozar da nosa Rosalía... Si, con mascarilla tamén. E con barullo de fondo. Que aproveite!



mércores, 24 de febreiro de 2021

Rosalía 2021

De novo chegamos ao 24 de febreiro, pandémico neste 2021 pero con ganas de celebrar á nosa poetisa que levaba na frente unha estrela e no bico un cantar.

Hoxe realizamos un asalto poético no que o alumnado recitou poemas improvisadamente en diversas localizacións do noso fermoso mosteiro. Mentres montamos o vídeo, que partillaremos nos próximos días, deixámosvos aquí todas as actividades referidas a esta conmemoración que temos no noso blog, que son unhas cantas. E o noso catálogo por se queres vir á biblio a levar algo. Que aproveite! Feliz día de Rosalía!


xoves, 4 de xuño de 2020

DESENTRAÑANDO VERSOS

Nesta tarefa desenvolvida ao longo do segundo trimestre co alumnado de 3º e 4º de ESO perseguíronse varias finalidades en relación coa lectura e interpretación de textos poéticos en lingua galega e ningunha delas inocente:

- pretendemos iniciar no vicio da poesía ao noso alumnado.

-intentamos que gozasen da sensualidade da palabra rimada, dicindo o verso demoradamente, coa cadencia que esixe, sen xestos declamatorios, nin estridentes, senón ao gusto de cada recitante e do que o propio poema demande, facendo ver que a poesía é caricia ou rabuñadela para  todos os sentidos: os que se gardan coas mil chaves da metáfora no texto e os que espertan cando escoitamos un recitado ben feito.

- quixemos conseguir que o alumnado dominase claves básicas para a interpretación dos textos líricos, sen que a análise da estilística supuxese disección, ou erudición baleira.

- sobre todo, desexamos que sentisen que a poesía pode ser tan súa como eles a reclamen e que ninguén lles  diga nunca que se non lles gusta un poema é porque non o entenden.
Esta é unha pequena mostra da nosa experiencia. Picade nas imaxes para ver os vídeos!



A XUSTIZA POLA MAN, de Rosalía de Castro, por Alba Salgado:




MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR, de Celso Emilio Ferreiro, por Antón Fidalgo:



A FRAGATA VELLA, de Manuel Antonio, por Alexandre Guerra:

martes, 19 de maio de 2020

Banda Sonora Letras Galegas 2020: Homenaxe a Negra Sombra

Hoxe deixámosvos coa a achega do Departamento de Música ás celebracións (virtuais) do Día das Letras.

Propoñémosvos como banda sonora das vosas lecturas desta semana estas homenaxes a Negra Sombra compostas polo alumnado de Linguaxe e Práctica Musical (1º bacharelato): sobre a base harmónica da musicalización de Xoán Montes do poema de Rosalía, o alumnado elaborou os seus propios arranxos, instrumentacións e novas melodías co editor de partituras Musescore. Que aproveite!!!



mércores, 13 de maio de 2020

Oitava entrega... hoxe "En nome propio"

Hoxe, Sor Juana Inés de la Cruz, Violeta Parra, a nosa Rosalía de Castro, e outras!!!

Pica na imaxe para velas a todas!