xoves, 23 de febreiro de 2023

23F, celebramos a Rosalía

 Chegou o día de celebrar máis ca ningún outro á nosa Rosalía. Á boa. Á de Castro.

Este ano ímosvos contar algo que ocorreu fai pouquiño, nunha excursión do alumnado de música a Santiago. Reservada a visita do Pórtico da Gloria, para admirar, sobre todo, os seus instrumentos pétreos, ocorréusenos a fermosa idea de que o alumnado recitase, in situ, o poema que Rosalía escribiu inspirada na obra "D'inmortal nome Mestre Mateo", e facer un vídeo homenaxe. Pero quixo o fado que as normas turísticas, encarnadas no persoal de seguridade, non nos permitiran realizalo, sen posibilidade de negociación.

Tamén o fado quixo que, pola tarde, cando fomos visitar o Museo do Pobo Galego, estivera aberta a igrexa de Bonaval, co seu Panteón de Galegos Ilustres. Foi alí, fronte ao mausoleo de Rosalía, onde por fin puidemos recitar o poema que levabamos preparado:

O sol poniente, polas vidreiras  
D'asoledade, lanza serenos
Rayos, que firen descoloridos
D'a Groria os anxeles y o Padre Eterno.

Santos e apóstoles, védeos! parecen
Qu'os labios moven, que falan quedo
Os uns e os outros, e aló n'altura
D'o cue a música vai dar començo,
Pois os groriosos concertadores
Tempran risoños os instrumentos.

Estarán vivos? serán de pedra?
Aqueles sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas, 
aqueles ollos de vida cheos?
Vos qu'os fixeches de dios c'axuda
D'inmortal nome Mestre Mateo...


E nestoutro, todas as entradas do Día de Rosalía nesta bitácora.




Por último, a nova do día: na vila de Celanova, ímolo celebrar cun Caldiño de Gloria.

Aquí o enlace á prensa!









Ningún comentario:

Publicar un comentario