A celebralo!!!! Os noso traballos de Memoria Histórica pilotados polo Departamento de Historia e asistidos polo Equipo de Biblioteca (coa formidable colaboración do Comité de Memoria Histórica de Celanova) foron premiados polo Fórum Europeo de Persoas Administradoras de Educación, cuxa división galega convoca o Premio Rafael Rodríguez Martín, este ano na súa V edición.
Estes premios "... buscan identificar, recoñecer e promover a grupos de docentes comprometidos e comprometidas coa innovación educativa, a través do desenvolvemento de iniciativas didácticas que axuden a construír unha rede de propostas educativas que inspiren transformación e innovación e que sexan facilmente transferibles a outras contornas educativas."
Como reflicten na súa web "FEAE é unha asociación non gubernamental que traballa no ámbito da educación de varios países de Europa, fundamentalmente en aspectos relacionados coa administración e a xestión educativas. Un lugar de encontro, de reflexión e intercambio que ten como obxectivo principal a mellora da calidade da educación."
Así que aí fomos nós co noso Centro Virtual de Interpretación da Memoria Histórica de Celanova, que reúne intervencións neste eido nas que participaron moitos departamentos, moitos agrupamentos e que dalgunha maneira permeou fóra do centro.
Este proxecto está, como sabedes, dentro da enorme campaña O Fogar das Musas, que busca documentar espazos e pertenzas para musealizar e dinamizar o noso edificio senlleiro que en 2027 cumplirá 300 anos. Aquí podes visitar o noso Museo Virtual, e aquí todas as entradas desta bitácora sobre a campaña.
Moitísimas grazas a FEAE Galicia por valorar o noso proxecto, e por auspiciar estas iniciativas que potencian e animan á innovación educativa: dannos azos para continuar desenvolvendo o noso labor con renovadas enerxías!
Así o conta FEAE Galicia na súa web , tamén podedes premer na imaxe para acceder ao contido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario