Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta basket x libros. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta basket x libros. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

domingo, 2 de xaneiro de 2022

Basket X Libros e os seus agasallos culturais

 Comezamos o ano con esta estupenda crónica periodística de Laura Fernández que fala do noso proxecto común co cole de Celanova, o CEIP Curros Enríquez: o noso club de lectura Basket x Libros, que segue a darnos moitas sorpresas agradables.

Como xa vos explicamos nesta bitácora, da man de Juan Vila e Xoan Carlos Domínguez Alberte, podedes agasallar cultura aos vosos achegados cuns fermosos fotopoemas impresos ou en forma de taza, que podedes atopar en varios establecementos de Celanova: Conde, Xestos, Núñez Enríquez, Muíños e Memé. Agasallos ben exclusivos para que os Reis sorprendan o vindeiro xoves. 

E tamén estades a tempo de visitar a fermosa a exposición de todos estes fotopoemas, Entre_Vistas, que vos agarda na Casa dos Poetas.

O dito, que lle botedes unha ollada a esta nova que explica moi ben o espírito de Basket X Libros e algúns dos puntos importantes da súa andadura, e que nos fai darnos de conta do fermoso que é o proxecto e do ben que está a medrar. 

Máis información sobre a exposición: Inauguración da Exposición Entre_Vistas

Pica na imaxe do periódico para ver o artigo completo.



venres, 10 de decembro de 2021

Inauguración da exposición ENTRE_VISTAS

Estamos encantadas polo ben que saiu a presentación da exposición de fotopoemas ENTRE_VISTAS, na que Juan Vila aportou as imaxes e Xoan Carlos Domínguez Alberte a literatura. 

Acudiron ao acto veciños e veciñas, nais e pais, alumnos e alumnas, poetas, representantes do concello e algúns profes. Parécenos moi importante e significativo o feito de reunir a membros das comunidades educativas dos centros públicos da vila (cole e instituto) en colaboración estreita co concello para apoiar ao noso querido proxecto Basket X Libros, que como sabedes, levamos a cabo conxuntamente co CEIP Curros Enríquez. Bravo! 

O evento, no que interviñeron os artistas e o alcalde, e no que se leron unhas palabras de apoio do director do IES, contou tamén con poesía e música. A Casa dos Poetas foi o lugar elixido, como non podía ser doutra maneira, para inaugurar a exposición, e albergala durante os meses de decembro e xaneiro.

Xa quedan á vosa disposición na Librería Conde os fotopoemas impresos en forma de fermosas tarxetas para que fagades fantásticos agasallos de nadal, e unhas tazas preciosas que veredes nas imaxes.
Por certo, todas as imaxes que mostramos a continuación foron cedidas pola Fundación Curros Enríquez a través das súas redes sociais. Moitísimas grazas por apoiarnos!
 Lembrade que todos os beneficios da venda destes produtos serán para Basket X Libros. Longa vida a este proxecto!








A prensa xa avisara do evento con toda puntualidade! 



martes, 31 de maio de 2022

Atención! Presentación de ENTRE_VISTAS: fotopoesía en libro!

 Xa sabedes que en decembro presentouse a exposición ENTRE_VISTAS, fotopoesía a cargo de Xoan Carlos Domínguez Alberte e Juan Vila Oural, na que puidemos adquirir fermosas postais para agasallar, a beneficio da Asociación Basket x Libros, o noso querido club de lectura e deportivo.

Pois ben, toda esa beleza tornouse libro, e será presentado na Casa dos Poetas o vindeiro venres 3 de xuño, ás 20.30. Non faltedes! Tamén nesta ocasión as donacións terán como beneficiaria á Asociación Basket x Libros. Parabén a todas as persoas colaboradoras por esta iniciativa!




venres, 19 de novembro de 2021

Fotopoema Celanova 2021: No Nadal agasalla un Fotopoema!

Temos a ledicia de falarvos sobre un dos nosos proxectos máis queridos, que está collendo vida propia moi satisfactoriamente: o noso club de lectura deportivo Basket X Libros.

Ademais dos fantásticos resultados na cancha, o club está moi activo e repleto de plans e actividades. 

Unha delas é esta fantástica exposición de fotopoemas, con fotos de Juan Bautista Vila Oural -que é a alma mater do proxecto- e poemas do escritor, profesor e máis cousas Xoán Carlos Domínguez Alberte., titulada Fotopoema Celanova 2021.

Haberá un acto de inauguración o día 4 de decembro ás 12.00 h., na Casa dos Poetas da nosa vila, onde esperamos atoparnos todos e gozar da cultura, pois haberá varias intervencións interesantes, un recital poético e música en directo.

Pero o mellor de todo é que xa non teremos que pensar para atopar o agasallo máis especial para este Nadal: nas tendas de Celanova poderás mercar os fotopoemas en impresión de calidade e achegarlle aos teus seres queridos un anaco de beleza. Así axudarás á Asociación Cultural Basket X Libros, pois todos os beneficios das ventas serán no seu favor.

Deixámosvos o folleto da exposición e os cartaces. Difundide!






xoves, 9 de xuño de 2022

Presentación de Entre_Vistas na Casa dos Poetas

 Que bonito e concorrido foi o acto de presentación do libro de fotopoesía Entre_Vistas! Ben arroupados por pequenos e grandes, os autores do libro contáronnos experiencias e anécdotas, houbo tempo para os parabéns, o recitado de poemas do libro e a música. Tamén as autoridades fixeron acto de presencia apoiando esta fermosa iniciativa. Deixámosvos unhas imaxes que a Fundación Curros moveu polas súas redes sociais (moitísimas grazas tamén!).

É unha sorte poder continuar colaborando cole e instituto, pequenos e grandes, profes e familias, e institucións da vila e provinciais. Adiante Basket x Libros!!!

Na nosa biblio xa podedes colaborar levando o libro por só 10 "ouriños" de donativo!