Estamos
encantadas polo ben que saiu a presentación da exposición de
fotopoemas ENTRE_VISTAS, na que Juan Vila aportou as imaxes e Xoan
Carlos Domínguez Alberte a literatura.
Acudiron ao acto veciños e veciñas, nais e pais, alumnos e alumnas, poetas, representantes do concello e algúns profes. Parécenos moi importante e significativo o feito de reunir a membros das comunidades educativas dos centros públicos da vila (cole e instituto) en colaboración estreita co concello para apoiar ao noso querido proxecto Basket X Libros, que como sabedes, levamos a cabo conxuntamente co CEIP Curros Enríquez. Bravo!
O evento, no que interviñeron os artistas e o alcalde, e no que se leron unhas palabras de apoio do director do IES, contou tamén con poesía e música. A Casa dos Poetas foi o lugar elixido, como non podía ser doutra maneira, para inaugurar a exposición, e albergala durante os meses de decembro e xaneiro.
Xa quedan á vosa disposición na Librería Conde os fotopoemas impresos en forma de fermosas tarxetas para que fagades fantásticos agasallos de nadal, e unhas tazas preciosas que veredes nas imaxes.
Por certo, todas as imaxes que mostramos a continuación foron cedidas pola Fundación Curros Enríquez a través das súas redes sociais. Moitísimas grazas por apoiarnos!
Lembrade que todos os beneficios da venda destes produtos serán para Basket X Libros. Longa vida a este proxecto!
A prensa xa avisara do evento con toda puntualidade!
Ningún comentario:
Publicar un comentario