Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta piano. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta piano. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

venres, 19 de xuño de 2026

Concertazo Fin de Curso: Mary Valugo&Mino + Susy's Little Band

Co aforo completo dun público que gozou moito do concerto, pechamos as actividades da biblio (por este curso!). Foi especialmente emocionante a gran participación da comunidade educativa: profesorado, alumnado, amigos colaboradores da vila e de fora... Un luxo contar con tanta boa xente! 

Comezamos cunha versión actual de Putting on the Ritz, popularizada por Fred Astaire ou Ella Fitzgerald a cargo dunha formación deseñada para a ocasión: Susy's Little Band, con Susana de 3ºA na voz, Jose Antonio Fidalgo ao clarinete, gran músico xa coñecido noso doutras actuacións (e pai de exalumno) e Irma, a profe de música, ao piano.

Introducido o asunto, continuamos co groso do concerto: unha magnífica selección de temas do proxecto acústico da profesora de música Mary Valugo (ao piano) co cantautor Mino ás voces, guitarra e harmónica. Ofrecéronnos temas propios e versións moi ben escollidas, como Like a Rolling Stone, de Bob Dylan. Este último tema, como peche do concerto, contou coa colaboración de varios profes: Castor, na guitarra, Lola, na voz e Iván, Ana, Yannick e Irma na percusión. Neste tema rítmico axudounos tamén o noso querido alumno Fabio. 

Despedimos o curso con moita enerxía!

Deixamos testemuño audiovisual que tentaremos ir ampliando.











venres, 22 de maio de 2026

Inesquecible concerto de Álvaro Sieira.

Aquí vos queda o testemuño audiovisual do concerto de onte. Unha fermosura de obras, sensacións, atmosferas e toda a sensibilidade do mundo que Álvaro nos trasladou dende as teclas do piano.

O acto comezou cunha breve presentación do programa a cargo do alumnado de oratoria de 3ºESO para comprender un pouco mellor o que iamos escoitar. Aquí vos deixamos as notas ao programa que eles presentaron, e que foi esta marabilla:

PROGRAMA
Johannes Brahms
Seis piezas para piano, Op. 118
Intermezzo en la menor
Intermezzo en la mayor
Balada en sol menor
Intermezzo en fa menor
Romanza en fa mayor
Intermezzo en mi bemol menor

Isaac Albéniz
Suite Iberia
El Corpus Christi en Sevilla
Almería

Enrique Granados
Goyescas
Quejas, o la maja y el ruiseñor

Millóns de grazas, Álvaro! Na Semana das Letras, atopamos en ti un "bo e xeneroso" que nos deixou abraiados co seu bo facer.


















xoves, 21 de maio de 2026

Hoxe!!!! Non o perdades: Concerto na Biblio. Álvaro Sieira ao piano

 



PROGRAMA


Johannes Brahms

Seis piezas para piano, Op. 118

Intermezzo en la menor
Intermezzo en la mayor
Balada en sol menor
Intermezzo en fa menor
Romanza en fa mayor
Intermezzo en mi bemol menor


Isaac Albéniz
Suite Iberia

El Corpus Christi en Sevilla
Almería

Isaac Albéniz
Chants d’Espagne, Op. 232
Córdoba


Enrique Granados
Goyescas

Quejas, o la maja y el ruiseñor


Deixámosvos tamén aquí as notas ao programa, que presentará o alumnado de oratoria de 3ºESO.

Vinde gozar da música!




luns, 11 de maio de 2026

Atención! Na Semana das Letras, volve a música á biblio: Álvaro Sieira, Piano

 Porque na nosa terra hai moito talento, aquí vos traemos unha mostra: un pianista novo que xa demostrou polo mundo adiante a súa valía, ofrecendo concertos por toda a península, San Marino, Bolonia ou Londres.

É un luxo ter a Álvaro Sieira (Boiro, 1993) na nosa biblio, facendo soar no piano a Brahms, Granados e Albéniz. Apuntade na axenda! Día 21 de maio ás 18.45. E tamén podedes botarlle un ollo a esta entrevista tan interesante.





xoves, 26 de marzo de 2026

Exitazo na Feira Educativa Expourense Inspira

 Uns días de tolos pero moi proveitosos e divertidos. Así de bonita quedou a nosa caseta da feira e así de ben o pasamos: explicamos, recitamos, cantamos, amizamos, tocamos o piano, saudamos ás autoridades e inspirámonos moitísimo. Tamén, coidamos, servimos de inspiración: somos o Fogar das Musas. Para quen lle interesou, explicamos algunhas das nosas liñas de traballo: musealización, patrimonio, música, poesía, memoria histórica e tamén publicitamos o noso ciclo de FP Dual.

Pola nosa casa pasaron pianistas, cantantes e recitadores espontáneos, curiosos, pescudadores de información e mesmo influencers (en realidade, un formidable experto en comunicación, grazas, Roberto Pérez Marijuán, @robervigo). E tamén persoas que moi amable e voluntariamente se brindaron a deixarnos as súas inspiracións escritas nun post it...


 Mellor vos deixamos as imaxes e vídeos, que o din todo.

Por certo, grazas ao alumnado de Dual e oratoria que nos axudou e acompañou nesta nova experiencia.















sábado, 21 de marzo de 2026

Día da Poesía: preparamos materiais para a nosa caseta da feira educativa.

 Non somos terra de poetas? Pois que mellor que engadir na nosa caseta da Feira Educativa Expourense unha actividade poética! 

E que será? Pois unha selección de poemas que invitaremos a recitar a propios e alleos, con acompañamento de piano, por suposto, que xa é marca da casa.

Velaquí a nosa selección, non están todos os que son, pero son todos os que están! (sen esquecernos de Lorca, un gran admirador da nosa fala e da nosa poesía, ao que recordamos no 90 aniversario da súa morte). 

Xa vos contaremos que tal nos foi co recital...




luns, 23 de febreiro de 2026

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!

 Haberá moitas sorpresas ao longo do día... xa arrecende o Caldo de Gloria do que gozaremos no recreo... pero, como aperitivo, alá vai un recitado para abrir boca, a cargo do alumnado de 1º FPB e con música interpretada no piano da biblio.

Tentaremos dar cumprida conta ao longo da semana das actividades que vaiamos realizando. Feliz semana!




luns, 2 de febreiro de 2026

A maxia de Mª José Cid na nosa biblio

 O venres día 30 celebramos finalmente o concerto de piano de Mª José Cid, adiado por mor da alerta meteorolóxica do día 23. Un día moi acaído: o Día da Paz.

A maxia produciuse nas mans da concertista, e desfilaron pola biblio as notas de Bach, Rameau, Debussy ou Turina.

A temática do concerto era a Inspiración. A concertista, formidable comunicadora, falounos do contexto da creación artística, do paralelismo entre as artes (música, pintura, literatura...) e tamén nos interpelou acerca das cousas que nos inspiran. Ben importante para acadar motivación e loitar polas nosas metas!

É un auténtico privilexio poder gozar dunha actividade de tanta calidade: gran parte do alumnado non acudiría a ela porque de entrada non cae dentro dos seus gustos á hora de xestionar o tempo de ocio. Por iso consideramos importante ofrecela no contexto escolar, e invitámosvos a que saidades da vosa zona de confort que os medios de masas vos ofrecen e vos atrevades a vivir novas experiencias!




















venres, 16 de xaneiro de 2026

Concerto didáctico de piano "Sobre la inspiración en el arte". María José Cid.

 



Xa podemos contarvos que o venres 23 teremos na biblio unha visita moi especial. Como somos O Fogar das Musas, Euterpre, a musa da música é unha habitual aquí.

Desta vez a encargada de darlle vida ao noso piano será María José Cid, que xa é a segunda vez que nos visita. Achegamos currículum e programa: veredes que é un auténtico luxo tela con nós... Desta vez o afortunado público será o alumnado de 2ºESO.




MARIA JOSE CID


María José Cid, pianista e doutora pola Universidade de Vigo e Catedrática de piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo. 

É artista polifacética e abordou diferentes ámbitos ao longo da súa carreira: a interpretación, a docencia e temas relacionados co desenvolvemento persoal.  Ademais imparte cursos sobre manexo do stress en diferentes Conservatorios europeos e na UNED. Ten unha dobre licenciatura en Piano e Música de Cámara en Galicia e estudos de jazz en Barcelona durante 2 anos.

Interésase por diferentes estilos musicais. Perfeccionou a súa calidade de interpretación pianística con Ludovica Mosca e Luiz de Moura Castro, traballando tamén con Alicia de Larrocha, Cecilio Tieles, Anna Jabstrebska, Branca Uribe, Alain Motard etc. Recibiu o Diploma de Interpretación de Piano de Guildhall School con High Honours. Tamén exerceu como pianista acompañante e deu concertos como solista en España, Suíza e Portugal. Entre os seus últimos proxectos deu varios concertos a 4 pianos e orquestra e tamén actuou co dúo de violín e piano Quintillán - Cid . Ademais impartiu cursos sobre stress management nas Universidades portuguesas do Minho e Aveiro, no Conservatorio F.Bonporti , en Trento e na University of Arts en Tirana e no Conservatorio de Gallarate e na University of Arts de Zagreb





xoves, 16 de outubro de 2025

O Concerto da Paz... Música, poesía e emoción!

 Ben fermoso quedou o Concerto da Paz organizado onte na biblio. O son do piano, con obras de Einaudi, Tchaikovsky, Debussy, Grass, etc., alternou coa lectura de poemas a cargo do alumnado de oratoria, pedindo a PAZ, o cese das inxustizas, da ignorancia e dos fundamentalismos. 

Como di o noso Celso Emilio, 

"...agardarei

polo albor do novo día."








Alá van unhas fotos, a reportaxe audiovisual tardará un pouco máis.

Pianistas: Samuel, Alejandro, Irma , Mary.

Recitadoras: Darleky, Zoe, Marisol, Álvaro e Saray.

xoves, 15 de maio de 2025

Os nosos pianistas, polo mundo adiante.

 Non queremos deixar de agradecer á EMBC o seu convite para que o noso alumnado pianista participara na súa audición de fin de curso, no Auditorio Ilduara. 

Como sabedes, a chegada do piano de cola á biblioteca desatou entre o alumnado unha afición a este instrumento que atendemos nas nosas horas de lecer e que nos leva dado moitas sorpresas, e moi bos momentos musicais. Que ben que os nosos novos pianistas vaian gañando experiencia e "collendo táboas", como se di no gremio!

O dito, millóns de grazas á EMBC, na persoa de Sara Fernández, a profe de piano da escola, por darlle esa fantástica oportunidade á nosa rapazada, e parabéns aos que se animaron a tocar nese escenario novo para eles: Daniel Fernández, Samuel Gálvez e Alejandro Quintas.













martes, 1 de abril de 2025

Arquivo? Sala do tesouro? Cela para presos perigosos?

LA CONSTRUCCIÓN DEL TEMPLODE CELANOVA DESDE LOS CONTRATOSDE EJECUCIÓN| REVISIÓN ARQUITECTÓNICA DE LA OBRA A PARTIR DE SUS DOCUMENTOS ... este é o título da publicación de Silvia Parada González, un estudo rigoroso do templo do mosteiro de San Salvador que fixo esta antiga alumna do centro.

Nel amósase esta ilustración, onde vemos a situación arquivo, no número 8. Algunhas veces chamado sala do tesouro (Thesaurus), dá lugar a confusión: non se referían a un tesouro de xoias nin monedas, pero si algo moito máis valioso: os arquivos documentais dos mosteiros.



 

É un lugar doado de vixiar e defender: só ten unha entrada, a través dunha pasarela con aires de solaina elevada, pegada ao muro exterior do que sería o altar maior, ao longo da Horta do Cura onde se atopa a fermosa alfaia que é a Capela de San Miguel. O seu único acceso é dende o piso superior do claustro procesional.

Xa sen documentos, baleira, esta estancia albergou, nos peores momentos, a presos aos que había que vixiar ben. Aí estivo Celso Emilio na súa Longa Noite de Pedra. 

Como Paula Conde, encargada da Fundación Curros, explica sempre aos visitantes, a pedra dura, fría, inhóspita, é a paisaxe desta cela, outro dos lugares de memoria histórica do noso contorno.

Deixámosvos unha visita virtual, con imaxes gravadas por Carlos Alonso, o noso encargado de audiovisuais, acompañadas polo texto Longa Noite de Pedra, recitado polo alumnado de 1º FPB na materia Comunicación e Ciencias Sociais. A música, un imprescindible: Negra Sombra, a cargo da profe de música, por suposto, no piano da biblioteca.






Longa Noite de Pedra de Biblio Poleiro

xoves, 27 de febreiro de 2025

Máis Rosalía!!!! Alborada

 Hoxe fixemos unha falcatruada: asaltamos a biblioteca para, con piano, gaita e pandeireta, interpretar a Alborada de Rosalía, musical e literariamente.

Foi un petisco breve que nos deixou moi bo sabor de boca!