Atención! Boas novas! Mañá será instalada nos nosos corredores a exposición "Presas e mestras: a represión sobre as mulleres na comarca de Celanova", comisariada por Rosa Cid Galante e da man do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova: millóns de grazas por esta oportunidade!
Achegamos texto explicativo aportado polo Comité:
Que é a exposición"Presas e Mestras" é un proxecto de investigación e divulgación impulsado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, comisariado pola historiadora Rosa Cid Galante, con deseño gráfico e maquetación de Adriana Pérez e fotografía de Humberto Vergara. A mostra recupera e fai públicos os nomes e as historias de mulleres represaliadas na comarca durante a guerra e o franquismo, a través de dous fíos documentais complementarios: por unha banda, o dun cento largo de mestras sometidas a expedientes de depuración polo réxime franquista; por outra, o de máis dun centenar de presas que sufriron reclusión na cadea de mulleres de Celanova entre 1936 e 1938, así como no cárcere de partido durante os anos cincuenta. O obxectivo é dobre: reparar simbolicamente a memoria destas mulleres, ata agora practicamente descoñecidas, e poñer a disposición da cidadanía un relato histórico rigoroso, construído a partir de arquivos institucionais, fondos familiares e testemuñas orais.
Como se preparou e se difundiu
O proxecto contou cunha fase de difusión previa coidada, combinando a web e as redes sociais do Comité con accións de contido: adiantos textuais, gráficos e audiovisuais sobre a mostra. O marco de lanzamento foron as III Xornadas Memoria e Muller (27 e 28 de xuño), que renderon homenaxe a María Cabaco, fundadora e exvicepresidenta do Comité, e incluíron ponencias de referentes como Domingo Rodríguez Teijeiro, Lola Varela, Tamara López Fernández, Eliseo Fernández e Dionisio Pereira. A repercusión mediática foi notable, con cobertura en prensa dixital e radio de ámbito comarcal, provincial e autonómico, o que amosa a capacidade do proxecto para xerar interese máis alá do propio municipio.
A inauguración
A exposición abriu as súas portas o 28 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC), cun acto que contou co apadriñamento da historiadora Aurora Marco e coa presenza institucional do Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e do alcalde de Celanova, Antonio Puga. Non foi casual a data: coincidiu co 90 aniversario da votación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, dotando o acto dun forte valor simbólico. Despois pemaneceu dúas semanas en Ramirás, con visitas diarias; case tres semanas en Verea, onde o acto principal se celebrou o sábado 29 de agosto, e os últimos dez días de setembro en Gomesende. Cómpre destacar o apoio das alcaldesas e alcaldes destes concellos e a colaboración iniciada en todos os casos para actividades de recuperación da memoria histórica local.
Un proxecto sólido e replicable
Os créditos da exposición reflicten un traballo serio e ben sustentado: fondos documentais de familias da comarca e de institucións como o Arquivo Histórico Provincial de Ourense ou o Arquivo Xeral da Administración; colaboración xa formalizada cos concellos de Celanova, Ramirás, Verea e Gomesende; e un financiamento público claro, a través da subvención do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática (Secretaría de Estado de Memoria Democrática), expediente 0164-AV-2025, por importe de 4.850 €.
Na páxina web do Comité: www.memoriacelanova.fala.gal dedicamos un apartado (https://memoriacelanova.fala.gal/exposicion-presasmestras/) ás novas e documentos que vai xerando o percorrido da exposición.

.jpeg)
.jpeg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario