O pasado sábado, o noso IES foi O Fogar das Musas de verdade.
Un día de portas abertas para sinalar a Semana do Libro no que propios e
alleos gozamos da beleza do Claustro do Poleiro, da nosa acolledora biblioteca,
da poesía, da música...
A xornada comezou, portas adentro, cos músicos preparando e afinando na
biblioteca... nin máis nin menos que un clavicémbalo, un órgano eléctrico e un
teclado subiron as escaleiras de pedra. A continuación subiron tamén violas da
gamba, frautas de pico, voces, violín e contrabaixo...
Mentres, no busto de Celso Emilio Ferreiro que sinala a nosa entrada
principal, comezaba a reunirse un bo número de visitantes dispostos a percorrer
o Poleiro da man da visita guiada que ofreceron os alumnos e alumnas de oratoria.
Comezamos, como non podía ser menos, recitando conxuntamente a Celso Emilio
baixo a bóveda que dá acceso ás dependencias do IES. A visita tivo nervios,
anécdotas, risas e descubrimentos, e rematou na biblioteca para dar paso á
música.
A nosa sorpresa foi maiúscula cando as cadeiras todas da biblioteca non
chegaban para acoller ao público do concerto. Solucionouse da mellor maneira,
aínda que os asentos a maiores non fixeran xogo cos que había. Non importou.
Axiña, presentado o concerto polo alumnado de oratoria (que falou sobre os
instrumentos, a formación que iamos escoitar e a obra que interpretarían),
saíron os músicos a escena. Aquí, as notas ao programa.
O Ensemble de Música Antiga do Conservatorio de Música de Ourense non
defraudou. Fantásticos instrumentistas, algúns moi novos, grandes voces e unha
obra tráxica e ben fermosa, Venus e Adonis de John Blow... Emocionámonos e
gozamos das harmonías do barroco, nunha viaxe no tempo ata os momentos da
construción do noso edificio. A coordinadora da biblio tivo a sorte de ser a
narradora do argumento, para axudar á súa comprensión.
Foi marabilloso reunir a tantas persoas para gozar da arte e da convivencia,
partillar o patrimonio e dinamizar o centro e a vila.
Co 300 aniversario do Poleiro cada vez máis preto, agardámosvos en próximas convocatorias:
paga moito a pena.
Deixamos testemuño audiovisual!

.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)


Ningún comentario:
Publicar un comentario