Que bonita coincidencia: árbores e poesía nun mesmo día! Aproveitamos a efeméride, o Día da Poesía e da Árbore, para presentarvos este proxecto, Árbores de dous continentes: un proxecto artístico, botánico, multicultural e tamén poético, claro.
O alumnado de 4ª ESO, procedente de dous continentes a ambos lados do charco, traballou en debuxo sobre especies botánicas dos seus respectivos países, documentándose e realizando unhas fermosísimas ilustracións artísticas pero tamén científicas.
Como guinda, unha escolma de poesías alusivas, que está en proceso. Deixámosvos un par de exemplos e o padlet completo do proxecto. Feliz día!
PENÉLOPE
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
Díaz Castro, Nimbos (1961)
Comentario: esta sería a Penélope da que partimos, unha Penélope que vai adiante e atrás. Situámola na Terra Chá.
OUTRA PENÉLOPE
DECLARA o oráculo:
«QUE á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.
QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.
QUE acades disas patrias a vindima.
QUE amaine o vento, beberás o viño.
QUE sereas sen voz a vela embaten.
QUE un sumario de xerfa polos cons.”
Así falou Penélope:
“Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR.»
Xohana Torres, Tempo de ría (1992)
Comentario: décadas despois temos unha Penélope que desexa navegar, actuar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario