xoves, 7 de marzo de 2024

Aprendendo da mellor equipa!!!! Museografía e máis!

Como queremos aprender moito, moito sobre os museos, solicitamos unha liña dentro do PFPP (Plan de Formación Permanente do Profesorado) á que chamamos "O Fogar das Musas" na que aprenderemos fundamentos de museografía, inventario, condicións para unha colección ou como recibir cesións ou doazóns... E un longo etcétera.

E temos tanta, tanta sorte que contamos cunha equipa de auténtico luxo, que traballan no magnífico Museo Etnolóxico de Ribadavia e no Museo do Viño de Galicia: Mª José Ruiz, restauradora, Rosa Lamas, encargada da biblioteca e César Llana, director, as tres do Museo Etnolóxico de Ribadavia, "un museo de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia. Foi creado a iniciativa do entón comisario para a Primeira Zona do Patrimonio Artístico Nacional, Manuel Chamoso Lamas, como Museo de Artes e Costumes Populares. Tras unha etapa como Sección Etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial, adquire a súa independencia como institución museal non ano 1993". 

Museo Etnográfico. Imaxe procedente da súa web.


Tamén se encargan do Museo do Viño de Galicia, un formidable espazo creado oficialmente en 2019 "que forma un conxunto monumental de singular relevancia no Ribeiro con trazas clasicistas ao servizo dunha das súas funcións orixinarias: a elaboración de caldos que transitaban cara a Compostela, pero adaptada, logo da súa rehabilitación, ás necesidades actuais deste tipo de infraestruturas culturais. Foi reconstruído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela e convertido, tras a desamortización de Mendizábal, na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, lugar da parroquia na que se atopa."





Museo do Viño. Imaxe procedente da súa web.


Pois con estes formidables docentes comezamos onte a noso sendeiro museístico, e xa estamos iniciando, baixo a súa tutela, as primeiras prácticas de inventario. Iremos, no sucesivo, partillando materiais e informándovos dos nosos avances.





Ningún comentario:

Publicar un comentario