luns, 27 de febreiro de 2023

As fotos do acto de Memoria Histórica

Estas imaxes reflicten o especial que foi o acto do pasado día 16 "Memoria Histórica e Dereitos Humanos".





Fantástico documental, interesante relatorio sobre as actividades do Comité de Memoria Histórica de Celanova e sobre antropoloxía forense. Podedes ver aquí o programa. Tamén fermoso o acto de entrega da placa das escolas da República e o cartaz pola conmemoración dos asturianos fusilados en Celanova. 

Así describe o acto a web do Comité, que vos recomendamos visitar:

"O acto de memoria histórica cos rapaces do Instituto Celso Emilio Ferreiro en Celanova, organizado polas profesoras Yolanda e Silvia, do departamento de historia do centro, rematou con Fernando Serrulla, antropólogo forense especialista en investigacións sobre a Guerra Civil, explicando a alumnas e alumnos o proceso do seu labor. Un traballo que levou a cabo entre novembro e decembro pasados na fosa dos asturianos no cemiterio de Celanova. A identificación dos corpos dos 7 fusilados o 22 de setembro de 1939 está encamiñada, dixo Serrulla esta mañá no Auditorio diante de máis de 200 rapazas e rapaces e un pequeno grupo de convidadas polo Comité. Entre elas, a cineasta Patricia Nogueira, autora de ‘San Salvador. Presos en Celanova’, o primeiro documental que se fixo sobre o cárcere.

Pasaron tres lustros desde que a peza se presentou por vez primeira en Celanova. E hoxe volveu interpelar a todo o público sobre a necesidade de coñecer a historia e facer xustiza coas vítimas do franquismo. "

O Comité, pola súa parte, presentou un resumo das dúas liñas de traballo que vén mantendo desde a súa fundación: a demanda da aplicación da lei de memoria para a eliminación do símbolo fascista do Outeiro da Obra, e a investigación sobre os asasinatos que o fascismo cometeu na vila nos anos da guerra e da posguerra. Liñas que resultaron coincidir no caso da fosa dos asturianos.

“Lembrade sempre este 16 de febreiro (día na que a Fronte Popular gañou as últimas eleccións democráticas na República), o 16 de febreiro de 2023 no que grazas ás vosas profesoras e a científicos como Fernando Serrulla a memoria entrou definitivamente no voso Instituto”, dixo Hixinio Araúxo ás mozas e mozos, que tiveron un comportamento exquisito durante as dúas horas que durou o acto.

Despois, Baldomero Moreiras convidou aos rapaces a revivir aqueles homes cuxos nomes figuran no seu cartel, desde hoxe xa unha peza máis da colección do Instituto. Os rapaces e as rapaces saudaron cada nome cun berro de “Presente!”. E un dos Amigos da República, que sempre están, colocou o ramo cun “¡Puxa Asturies!”.

Moreiras doou tamén ao Instituto a través do Comité a placa da Escola da República que a súa familia conservou durante máis de oitenta anos, a metade do tempo, durante a ditadura, agochada. A placa está tamén nun lugar senlleiro do Mosteiro que foi cárcere e hoxe é fonte de cultura: na Biblioteca do Instituto, onde tamén está o libro de Elixio Rodríguez, o aviador galeguista e republicano que pechou o documental de Patricia Nogueira, e pronto estará tamén o documento fundacional das Mocedades Galeguistas de Celanova que conservou durante todo este tempo outra familia da vila. A memoria dos vencidos empeza a emerxer e vai ocupando os lugares que lle corresponden. "



Ningún comentario:

Publicar un comentario