venres, 3 de xuño de 2022

Emilia Pardo Bazán, a violencia de xénero e as alumnas que retornan.

 Poderiamos meter esta entrada no apartado "cousas riquiñas que pasan na nosa biblio"... Encántanos que as nosas exalumnas volvan ao centro como profes en prácticas, e gústanos aínda máis que o fagan con esta enerxía e creatividade.

Así presenta ela esta actividade audiovisual que abordou co noso alumnado:

"En relación co currículo educativo, no que se impón a obrigatoriedade e importancia de traballar de maneira transversal a igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero, deseñouse unha práctica docente cuxo obxectivo é dar maior visibilidade entre os adolescentes a dita problemática social e analizala a través dalgúns contos de Emilia Pardo Bazán (1851-1921), quen quixo dar voz ás súas conxéneres e destapar as miserables situacións das que eran vítimas —subordinación, ameazas, insultos, etc.—, moitas delas aínda vixentes na actualidade. Para lograr os obxectivos propostos contouse coa participación do alumnado de Literatura Universal de 1º de Bacharelato do curso 2021-2022, que convertidos en actores e actrices durante uns días, realizaron dúas curtametraxes que versan sobre a violencia de xénero. Para isto baseáronse en dous contos da autora galega: La puñalada e Los huevos arrefalfados. Na curta Los huevos arrefalfados, os alumnos e as alumnas tentan fomentar e remarcar a necesidade de por freo e denunciar as situacións de maltrato, tanto dende a posición da vítima como dende o propio entorno, posto que en ocasións a persoa que as sofre non ten a capacidade ou os medios precisos para facelo. Este traballo puido levarse a cabo grazas á axuda de Mº Teresa Devesa Graña e Carlos Alonso Abad, profesores do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, que me concederon o tempo e os medios necesarios así como a cooperación e os consellos fundamentais para acadar o resultado final, e de María López Sández, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e titora deste TFM, que estivo atenta a todo o proceso e resolutiva ante as dificultades e as modificacións precisas."

Parabéns, Emma Valado Vilariño!


Ningún comentario:

Publicar un comentario