Organizado polos departamentos de Orientación e Historia, tivemos na biblio un acto no que se presentou o proxecto multumedia "Non hai espellos nos manicomios", dirixido e coordinado por Aser Álvarez. Puidemos ver o vídeo e tamén nos falaron sobre o resto do proxecto: poesía, música, imaxe, etc. E tivemos a sorte de escoitar ao seu protagonista, Antonio Tizón, e a sua historia de superación. Velaquí un anaco do prólogo, mais podedes ampliar toda a información sobre o proxecto na web de Arraianos Producións:
"Dende neno xa me chamaban “o tolo”; entre outras rarezas, porque ía a clase sen libro ningún e cun caderno de peto para tódalas materias. Sempre fun; primeiro, como estudante, e despois, como xornalista e profesor, un caso atípico, un home estraño, un tipo raro, pero nunca sospeitei que as miñas rarezas, máis que extravagancias, eran síntomas dunha enfermidade mental latente dende sempre, e que, sen motivo aparente, quizais a xenética, quizais o ambiente, se desencadeou con toda crueza naquela semana santa do 82 na que comprendín definitivamente que a loucura non era ningunha broma, non era creativa nin romántica nin marabillosa, senón unha patoloxía dolorosa e terrible que fai sufrir a quen a padece e ao seu entorno máis próximo. Todas as crises, as caídas, as recaídas, son dolorosas e difíciles de superar. Pero a primeira e a peor de todas. Porque non entendes o que che está a pasar, perdes toda esperanza e pensas que nunca volverás ser a persoa que fuches."
Ningún comentario:
Publicar un comentario