mércores, 28 de novembro de 2018

25N: O amor non doe.

A nosa árbore, antes triste e chea de dor, convertiuse nunha árbore chea de cor, vida e esperanza.

Levabamos semanas preparando este evento nas clases, e non defraudou. Cada grupo, tras documentarse mediante noticias, datos estatísticos, audiovisuais, etc. para coñecer en profundidade esta lacra que é a violencia contra a muller, recompilou frases, unhas negativas e denigrantes e outras positivas.

O alumnado de plástica elaborou o panel coa árbore, de follas negras e tristes que albergaban as frases humillantes e inxuriosas, e algunhas fotos moi duras pero por desgraza moi reais. Así estivo uns días, para que todos viramos a situación que vivimos a neste momento. Pero o luns tivo lugar a gran transformación: as follas de cores taparon as follas negras, e frases fermosas devolveron a dignidade e deron ás mulleres o seu lugar. Os manifestos elaborados por cada grupo tamén tiveron protagonismo, pois recolleron o sentir do alumnado e as súas opinións e inquedanzas.

A música acompañounos coma sempre: un dúo de saxofón e clarinete interpretou "Ensueño" de Schumann", e pechamos o acto coa interpretación de "Hay algo en mi", de Miriam.

Como veredes no vídeo, entre todos mudamos a negatividade, a violencia e os estereotipos de xénero en respeto, tolerancia, sororidade e igualdade. A nosa árbore seguirá aí, lembrándonos cada día o longo camiño que queda por percorrer para que todo isto se faga realidade. Que todas tomemos parte neste percorrido e loitemos para conseguilo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario