"Unha quinta feira, o 26 de outubro de 2017, embarcámonos á excursión de Porto alumnado de 1.º e 2.° de Bacharelato e uns poucos de FPB 1, mais a compañía de dous profesores, Rafael e Leopoldo. A viaxe de aproximadamente 3 horas, fíxose curta grazas ao incrible acompañamento destes cursos e máis a dos profesores.
Ao chegar ao hotel (o Hotel Nave) deixamos as cousas para achegarnos ao centro da cidade de Porto e gozar dalgúns dos seus encantos: a estación de São Bento ou a avenida dos Aliados onde se atopa o edificio do concello. Despois disto tivemos tempo para descansar, ir de compras e visitar outros lugares independentemente. Ás cinco da tarde reunímonos de novo todos os membros da excursión xa que tiñamos planificada a visita guiada ao Palácio da Bolsa. Nunha palabra, impresionante. Ao Palácio non lle faltaba detalle, contiña un gran patio interior, distintas salas con diferentes decorados entre as que encontramos unha sala xudicial, unha con motivos árabes e varias de escritorios. Ao acabar a visita volvéronnos deixar tempo libre, onde algúns de nós o empregamos para ir a famosa Livraria Lello e Irmão. De seguido, demos un paseo polas rúas e ceamos. Cansos de tanto trote, a iso das doce da noite collemos o metro para dirixirnos ó hotel a descansar.
O seguinte día, espertamos cedo para acudir ao Museu dos Descobrimentos, onde nos explicaron as técnicas navais, as conquistas de Portugal e como vivían os escravos e mais os piratas nos distintos navíos que había naquela época: nau, caravela, carraca, galeão etc . Pola tarde, despois de comer, demos unha volta polas beiras do río Douro, cruzamos a famosa ponte Don Luís I, camiñamos por distintas rúas do centro, ata que, sobre as oito da tarde, collemos novamente o metro dirección “Alameda Shopping” (un centro comercial) onde ceamos. Acto seguido fomos ver unha película ao cinema. Ao rematar volvemos ao hotel para durmir.
O terceiro e último día, levantámonos máis pronto ca o día anterior para visitar diferentes cidades de Portugal. A primeira foi a de Aveiro, na que acompañados polas explicacións dun guía realizamos un percorrido nun moliceiro polo río Vouga que atravesa a localidade de Aveiro. E onde compramos un doce típico os Ovos moles de Aveiro. Despois disto fomos visitar libremente a cidade e xantamos. A seguinte parada que fixemos despois de Aveiro foi Braga e despois de outras tres horas de viaxe puxemos fin a esta magnifica excursión chegado a Celanova.
Eduardo Vilachá Martínez
1.ºBach A
Porto, 26 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario