mércores, 31 de outubro de 2018

Un Samaín de Medo!!!

Disfraces, cabazas e moitísimo medo! Así celebramos hoxe o Samaín, e, falando de Medo, aquí vos deixamos un enlace a unha das nosas campañas de fai uns anos dedicada ao Terror, que deu moito que falar alá polo 2011. Ten vídeo e todo!




E tamén vos deixamos unha das  nosas bandas sonoras do día, creada hoxe mesmo polo alumnado de 4ºESO da materia optativa de música para encher os claustros de pianos misteriosos, berros arrepiantes, psicofonías e outros sons terroríficos. Xa vos pasaremos máis documentos gráficos do acontecido dentro duns días. Agora, a gozar da ponte. Ata o luns!

martes, 30 de outubro de 2018

"El arte de aprender jugando", de novo o IES Celanova na prensa

Como sabedes, somos do máis mediático: de novo aparecemos na prensa, e para ben, como non podía ser menos.

Neste artigo, La Región comparte cos lectores o noso recente recoñecemento nos Premios Proxecta de Innovación Educativa 2018 e outros proxectos que estamos a poñer en marcha neste curso 18-19.

Deixámosvos o enlace ao artigo, que aproveite!

Con esta foto ilustra La Región o artigo: Recreos Saudables

xoves, 25 de outubro de 2018

Novidades: non paramos... Revistas actualizadas de moito máis!

Pois xa están no noso taboleiro Pinterest de novidades (na columna dereita) un montón de novos rexistros que foron chegando: libros e moitas revistas, así que xa queda actualizado o noso kiosko cos últimos números das publicacións periódicas ás que estamos subscritos: Muy interesante; Computer Hoy, La aventura de la historia, Fotogramas e National Geographic.

Tamén hai novidades como a saga enteira do Diario de Greg ou Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes o Los futbolísimos.

Para os creativos, tamén podedes atopar libros especializados sobre anatomía e historia da arte, e para os viaxeiros, novidades de libros en inglés...

E por suposto, non poden faltar "hits" como Fariña.

Vamos, que hai para todos os gustos. Ven á biblio, que seguro que temos algo para ti.

Imaxe procedente da web do diario de Greg.



martes, 23 de outubro de 2018

A nosa fantástica biblioteca, con outros ollos! Día da Biblioteca.

Para celebrar o Día da Biblioteca, o noso experto en audiovisuais Carlos Alonso achéganos unha nova visión da nosa biblio, que é espectacular se mire por donde se mire. Disfrutádea!
E lembrade que tódolos días son o día da biblioteca!






xoves, 18 de outubro de 2018

Artigo periodístico relaciona os ingresos familiares coa nota da selectividade. Saímos gañando!





Neste interesante artigo de La Voz de Galicia recóllese un caso que se reproduce en moitos concellos do rural galego: baixan as medias da selectividade en función das rendas familiares. Isto non é novidade nin exclusivo da nosa comunidade: estatísticamente as rendas máis baixas relaciónanse co fracaso escolar. E é que a igualdade de oportunidades é unha utopía que estamos lonxe de conseguir.

Explícase no artigo que a distancia entre os domicilios e os centros de estudo, que ás veces implica longos desprazamentos, o difícil acceso a actividades culturais, pasantías e demais, ou a deficiente conexión a internet son algunhas das razóns que determinan estes resultados.

Non obstante Celanova aparece como un dos centros cunha media máis alta en relación coas súas baixas rendas: no gráfico podemos comprobar como é a vila con mellores resultados (media de 6,48) nun rango de renda bastante baixo (10.000 a 13.000 euros anuais), por diante, dentro deste rango, de Boiro, Silleda ou Arteixo.

Deixámosvos o enlace ao artigo onde podedes consultar esta gráfica de xeito interactivo.


mércores, 17 de outubro de 2018

"Encuentro de casas museo y fundaciones de escritores"




Pois así é: os participantes no Encuentro de casas museo e fundaciones de escritores visitarannos mañá, da man da Fundación Curros Enríquez, para percorrer a exposición que habita o noso claustro ata o día durante este mes, "Mujeres en Vanguardia".
Alegrámonos moitísimo de que a nosa vila siga sendo un referente cultural e ofrecendo aos participantes no encontro unha programación espectacular: literatura, música, videoxogos, gastronomía, cine, arquitectura... E é que o mundo aínda se segue a chamar Celanova!

Velaquí a referencia en prensa: http://www.laregion.es/video/videos-ourense/encuentro-anual-asociacion-casas-museo/20181017140255830133.html 

xoves, 11 de outubro de 2018

A prensa fala de nós: Outro premio para o IES Celanova!!!



Esta semana estamos de celebración: o día 9 deste mes o Faro de Vigo anunciaba o recoñecemento que recibimos da Consellería de Educación pola nosa participación nos premios Proxecta de Innovación Educativa 2018, aos que nos presentamos na modalidade Meteoescolas. 

Os que sodes da casa sabedes que levamos xa varios anos dentro deste programa, en concreto dende 2012, que comezou sendo un proxecto de tres departamentos (Ciencias Naturais, Xeografía e Historia e Matemáticas) e agora aglutina colaboracións de case tódolos departamentos. Son tantas as actividades que se levan feito que é complicado resumilas todas. O xerme do asunto é a nosa estación meteorolóxica da que obtemos datos que procesamos para despois comparalos cos datos obtidos nas estacións de Meteogalicia, tanto na nosa zona como en outras de Galicia, para así valorar os cambios no clima e coñecer as diferentes zonas climáticas.  Inspirados nesta temática outros departamentos uníronse ao proxecto, cada un abordando o clima dende a súa perspectiva. Podedes ver todo este gran traballo no blog do proxecto, escarabana.blogspot.com

Deixámosvos o enlace da prensa, e estade atentos porque nos próximos días outros medios farán eco dos nosos proxectos e premios.


Pantallazo da noticia. Para máis información, picar na foto ou no enlace.




mércores, 3 de outubro de 2018

Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música 2018

Estamos encantados de contarvos que o Cuarteto Quiroga, cuxo nome rende homenaxe ao gran violinista galego, foi galardoado co Premio Nacional de Música este ano, e estamos especialmente felices por Cibrán Sierra, ourensán, grandísimo musico e excelente persoa, divulgador da cultura e traballador incansable por difundir o saber musical en tódolos niveis, tamén nas bases.

Ilustramos este post cunha foto do seu libro na nosa biblio, e vaian dende aquí os nosos máis sinceros parabéns, para el e para todo o grupo.



O conxunto está composto, ademais de por Cibrán Sierra no violín, por Aitor Hevia (tamén no violín), o viola Josep Puchades e a chelista Helena Poggio. Formouse na Escola Reina Sofía, na Musikhochschule de Basilea e na European Chamber Music Academy cos mellores mestres.
Foi nomeado Cuarteto residente responsable da colección de Stradivarius do Palacio Real de Madrid en 2014 e nas tempadas 2011-12 e 12-13 foi invitado como grupo residente no Auditorio Miguel Delibes de Valladolid. A súa residencia oficial é a Fundación Museo Cerralbo de Madrid e ao longo deste 2018 ten desenvolvido unha intensa actividade concertística: String Quartet Biennale de Amsterdam, Bélgica, Suíza, Alemania, Suecia, Canadá, Polonia e varias cidades españolas. Nos próximos meses viaxarán a Alemania, Inglaterra e Suiza.

En Ourense tivemos o pracer de escoitalos varias veces no ciclo de música de Cámara Sen Batuta, que perdurou dende a tempada 2008-09 durante 5 edicións e achegou á cidade a grandísimos grupos de cámara de primeira liña internacional.

Deixámosvos un vídeo do cuarteto tocando cos Stradivarius Reais. Que aproveite.


A dobre páxina

Facemos eco na nosa bitácora dunha interesante exposición que ata o 14 de outubro podedes visitar na Sala de Exposicións Afundación, na Praza Maior de Ourense.

Nela danse cita Pepe Cáccamo, artista vigués, e Baldo Ramos, artista da nosa vila e, podemos fachendear, exalumno deste centro. É máis, podemos fachendear tamén de que o noso logo é obra del!



Como se explica na web da exposición, na que aparecen horarios de apertura e outra información de interese, "... o libro de vello é a materia sobre a que traballan, intervindo cada un sobre unha das dúas páxinas centrais abertas e enfrontadas, en equilibrio ou contraste de estilos..." 

A entrada á exposición é gratuíta. Animádevos a visitala!


Imaxe procecente de: https://www.afundacion.org/es/agenda/evento/exposicion-a-dobre-pxina-de-baldo-ramos-y-pepe-cacamo