sábado, 24 de outubro de 2026

Día das Bibliotecas: Presentámosvos o noso calendario de formación de usuarios


 Para aprender a orientarnos na biblio, aquí vos deixamos o calendario da primeira sesión de formación de usuarios: todos os grupos da ESO pasaredes por aquí cos vosos titores para participar nesta actividade na que aprenderedes a movervos pola nosa CDU, a clasificación decimal universal pola que conseguimos, en calquera biblioteca, saber por onde andan as diferentes referencias.

Tamén vos explicaremos as peculiaridades da nosa biblio: o noso espazo dedicado a creacións propias, o espazo dedicado a Celanova e ás súas autoras e autores,  o expositor dedicado á memoria histórica, a campañas temporais ou a libros de lectura recomendados. E por suposto, a nosa rica historia!

A vosa misión? Completar, atopando as referencias oportunas, un cartaz para a vosa aula no que aparecerán 20 fitos na historia do noso xa case tricentenario edificio. Levarédelo de recordo!

Velaquí volos deixamos en virtual, premendo na imaxe... na biblio agárdanvos en físico!




luns, 19 de outubro de 2026

Día das Escritoras


Feliz día das Escritoras! A metade da humanidade ten moito que aportar. Premede na imaxe para acceder á escolma de textos que nos preparou a Asesoría da Biblioteca Escolares. 

 

venres, 16 de outubro de 2026

Visitas riquiñas: IES Agra de Leborís da Laracha

A entrada de hoxe correspondería á sección "Cousas riquiñas que pasan na nosa biblio"... suceden a miúdo, pero non damos feito a contalas todas.

Onte veu de visita unha representación do IES Agra de Leborís da Laracha, e fixemos unha colaboración ben xeitosa (para non termos ensaiado en xuntas) xuntando poesía e música como é costume.

Deixáronnos un agasallo ben bonito e queda tamén una foto de recordo. Un saúdo para o Agra!




martes, 13 de outubro de 2026

Atención! Comezan as visitas guiadas á exposición Presas e Mestras

 


Non o perdades: Comprenderemos todo moito mellor se os compañeiros e compañeiras do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova nolo explican. Velaquí os horarios: abertos a alumnado, profesorado, persoal do centro pero tamén á veciñanza, turistas e quen queira vir e aprender de quen máis sabe.

Xoves, 15 de outubro. De 15:45 a 17:00 horas
Xoves, 22 de outubro. De 15:45 a 17:00 horas
Xoves, 29 de outubro. De 15:45 a 17:00 horas
Duracción apróx. da visita: 20 minutos.
________
Contacto do comité para grupos: memoria.celanova@gmail.com


venres, 9 de outubro de 2026

Hoxe, libros e deporte en Celanova!

 Hoxe temos no IES a Juan Luis Fernández Pérez. Fará unhas sesións para o noso alumnado de futebol gaélico e pola tarde presentará o seu libro na Casa dos Poetas. Así que o luns xa teremos na nosa biblio un exemplar para que poidades aprender máis sobre este deporte.




xoves, 8 de outubro de 2026

Un móbil que foi o primeiro de moitas de nós...

 Sen tempo non foi: presentámosvos a nosa peza do mes de outubro. Desta vez tócalle a un aparato moi característico co que moitos nos iniciamos no mundo da telefonía móbil: un Ericson T10s. 

Aquí vos deixamos o material informativo: moi pronto, as imaxes da vitrina.


Premede na imaxe para acceder a toda a información!