Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Día da Muller. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Día da Muller. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

martes, 8 de marzo de 2022

8 de Marzo: Día Internacional da Muller

 O 8 de Marzo conmemoramos a loita da metade da humanidade por facerse co seu espazo correspondente, en igualdade coa outra parte, buscando un desenvolvemento íntegro como persoa e visibilizando os seus logros. Aquí as orixes da conmemoración.

O IES realizará as actividades máis visibles o vindeiro día 10, nos que participará nun acto organizado polo concello no Auditorio Municipal Ilduara,  "Elas" (narración oral, de Vero Rilo), do que xa vos informaremos e aportaremos material gráfico, pois ademáis o alumnado de literatura universal realizará un recital reivindicativo.







Dende os diversos departamentos estanse a facer actividades varias que iremos referindo, e de momento, por se pode ser de utilidade, deixamos aquí unha escolma de material, propio e alleo:

A nosa campaña VOCES DE MULLER.

Outros 8M nesta bitácora.

TODAS as entradas nas que aparece a palabra MULLER (Máis de 100).

Materiais didácticos do STEG

O noso blog Cómprame a Igualdade

O Fío de Ariadna, que nos valeu o Sello de Cooperación Bibliotecaria.

Que todos os días sexan o Día da Muller ata que por fin poidamos deixar de sinalalo.

mércores, 3 de marzo de 2021

Preparando o 8 de Marzo

Así estamos a preparar o día 8 de Marzo: Cunha instalación na Sala do Profesorado na que recomendamos lecturas e actividades para visibilizar o Día da Muller con cada un dos grupos. Deixámosvos unhas fotos e o texto do aviso, que pensamos que é convincente.




ATENCIÓN, ATENCIÓN: AVISO AO PROFESORADO!


 HORA DE LECTURA DO DÍA

4 DE MARZO

A 5ª HORA

Propoñémosvos una actividade: Deixámosvos en caixas na Sala de Profesores unhas suxestións de textos (escolma de poesía e material didáctico de elaboración propia) para conmemorar o

DÍA DA MULLER

da mellor maneira: lendo obras delas e sobre elas.

Durante a sesión podedes sacar unhas fotos ou facer uns vídeos e enviárnolos a bibliotecapoleiro@gmail.com para facer unha montaxe e subila o día 8 de marzo ao blog e a web do centro. O mesmo se nas vosas materias ou nas horas de titoría estades a facer proxectos neste campo, achegádenos material gráfico para que sexa difundido polas nosas canles. 

O material que collades das caixas da sala de profes, por favor, deixádeo de volta nelas ao rematar a sesión.


martes, 9 de febreiro de 2021

11 de febreiro: Día da Muller e a Nena na Ciencia

O vindeiro xoves día 11, pasado mañá, será o día da muller e a nena na ciencia. É importante para o noso alumnado coñecer referentes femininos nun campo tradicionalmente masculino, así que, como toca HORA DE LER a segunda, aquí vos deixamos unhas suxestións: 

Sopa de letras científica.

Xogo de pistas: Adivina quen son. Neste enlace podes descargar o material recortable para repartir entre o alumnado e que busquen o nome de cada unha das científicas.

Científicas en corto: Vídeo para traballar con proposta didáctica.

Ilustracións humorísticas sobre as nenas e a pescuda de referentes científicos.

Biografías para a aula de mulleres científicas.

Mulleres pioneiras

Calendarios científicos 2020 e 2021, por se queredes coller ideas.

Banda deseñada: Científicas: pasado, presente e futuro.

Pelis e curtas.

Por exemplo: 

 

Materiais elaborados pola Biblio, da pasada campaña Voces de Muller, que mesmo podedes proxectar na aula para facer unha lectura conxunta e saber máis sobre científicas de todos os tempos:

Mulleres científicas

Mulleres matemáticas


E moito máis material en 11defebrero.org 




venres, 10 de febreiro de 2023

Mañá é o Día da Muller e a Nena na Ciencia

 Hoxe achegámosvos o calendario científico que cada ano promove o CSIC. Pica na imaxe e accede á web para poder descargalo en diversos formatos.


Accede dende este enlace á páxina oficial do 11 de xaneiro, Día da Muller e a Nena na Ciencia.


Nós no IES tamén intentamos promover referentes femininos STEM con diversas actividades. Por exemplo, alá polo mes de decembro (pica aquí para ver a entrada completa) recibimos a dúas voluntarias da ONG Enxeñería Sen Fronteiras, Martina Páramo e Lucía Amaro (Telecomunicacións) que nos contaron a súa experiencia na ciencia. Así o partillamos no seu día no boletín trimestral de información ás familias:


A propia ONG no seu programa Hackers Sen Fronteiras, no que como sabedes participamos por primeira vez neste curso como centro piloto, fomenta estas actividades e a súa base social, voluntarias neste caso, axúdannos a ter referentes femininos na ciencia. Aquí podes acceder á presentación que amosaron ese día.





Neste enlace podes acceder ás otras entradas desta bitácora relacionadas co tema, que son variadas e interesantes.

xoves, 11 de febreiro de 2021

11F: Actos do día

Para completar a escolma de recursos que vos achegamos fai nadiña sobre o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aquí vos vai unha noticia, unha lembranza e algunhas suxestións.

A noticia: A xenetista Jimena Fernández de la Vega, elixida Científica Galega 2021. Xunto coa súa irmá Elisa foi a primeira muller en licenciarse en medicina na Universidade de Santiago, chegando a realizar notables investigacións pioneiras en xenética médica. A Real Academia Galega de Ciencias  recoñece anualmente a algún personaxe que contribuíse ao desenvolvemento científico en Galicia, e este ano, ela foi a distinguida. Deixámosvos aquí moita máis información.

Imaxe procedente de: https://www.gciencia.com/ciencia/a-xenetista-jimena-fernandez-de-la-vega-cientifica-galega-do-ano-2021/?fbclid=IwAR0rBGWSQx8lzKreOPzJVPwl8V3g07QJkQYAzi1R2kK-FZUr6pMwSN_P7Jc

Unha lembranza vennos á cabeza: xa fai un ano da visita á nosa biblio da arritmóloga Luisa Pérez, autoridade científica que nos brindou una fantástica charla titulada Memorias dunha nena labrega. Case un ano e moitas cousas pasaron dende entón. Pero foi un verdadeiro privilexio que un referente de semellante magnituda nos visitara.

E alá van as suxestións do día:

Deixámosvos aquí a programación de algúns eventos organizados para hoxe, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, por organismos varios que achega a páxina do Ministerio de Ciencia e Innovación, moitos deles online e ben interesantes.

E neste enlace atoparedes algúns actos organizados por entidades galegas: universidades, concellos e bibliotecas, mágoa que non estean preto de nós... O importante é que están a visibilizar esta realidade!

A Universidade de Almería tamén propón algunhas actividades virtuais, e mesno obradoiros online para solicitar ata o 8 de marzo.

Feliz día.


sábado, 8 de marzo de 2025

Feliz sábado de Piñata! E Feliz Día da Muller

 Achegámosvos este traballo tan chulo para celebrar o sábado de Piñata como merece: Piñata Cubista

O alumnado de Debuxo Artístico II aplicouse a fondo: poderedes achegarvos ao cubismo da man da iconografía dos nosos entroidos tradicionais. Que aproveite!

A semana que vén teremos os actos do Día da Muller... seguiremos informando!




luns, 20 de marzo de 2023

Obradoiro de cartaces na biblio con Baldomero Moreiras!

O equipo da biblioteca está participando no Plan de Formación Permanente do Profesorado deste curso 22-23, coordinado polo Centro de Formación e Recursos de Ourense.

Valorando a principio de curso as nosas necesidades formativas,  detectamos que  temos unha escasa educación visual polo que carecemos de certas habilidades como pode ser empregar a ilustración como recurso educativo ou deseñar un cartaz para calquera das nosas actividades. Esa foi a razón de que solicitaramos docencia co fantástico artista gráfico Baldomero Moreiras para abordar, precisamente, un obradoiro de cartaces.

Nunha primeira fase visualizamos diferentes deseños que foron explicados polo propio autor; a continuación, decidimos sobre que tema queriamos traballar, e inmediatamente puxémonos a pescudar referentes. O tema elixido foi o Día da Muller. Decidimos abordalo dende unha perspectiva histórica, dende a memoria, así que o noso elemento gráfico foi o edificio en chamas onde morreron máis dun cento de traballadoras do textil.

Pica na imaxe para ver o noso taboleiro de referentes e inspiracións...



Así que o propio 8 de Marzo pola tarde reunímonos de novo para sacar adiante o noso cartaz, artesán, saído das nosas mans e que foi o noso xesto particular de visibilizar o Día da Muller.

Picando na imaxe podedes ver todas as fotos do proceso:


Aquí está o resultado final, do que quedamos moi satisfeitas!

Tamén visibilizamos doutras maneiras máis performativas... 







martes, 11 de marzo de 2025

Visibilizando o Día da Muller

 E aquí vai un vídeo-resumo dos actos que, en coordinación co Concello e outros centros educativos da vila, tiveron lugar onte no Pavillón das Trigueirizas para visibilizar o 8 de marzo, Día da Muller.

Que non caian en saco roto, que nos deamos de conta do camiño que queda por percorrer.





luns, 8 de marzo de 2021

Actividades do Día da Muller: 1º FP Básica: Traballando con estatísticas do INE

Xa nos están chegando os diferentes traballos que ao longo destes días se foron realizando nos diversos niveis en relación ao 8 de Marzo, Día da Muller.

Os de 1º de FP Básica traballaron cunha fantástica ferramenta que nos proporciona o INE (Instituto Nacional de Estadística) para informarnos con datos veraces e contrastados e analizar aspectos vitais de homes e mulleres no noso país comparativamente. A publicación en cuestión titúlase "Mujeres y hombres en España" e xa somos reincidentes no seu uso. Dende as cuestións relativas a salarios, emprego ou estudos ata ocio, deportes, saúde... ofrece unha comparativa completísima que mesmo aporta datos doutros países do contorno.

A actividade consistiu en ver e analizar algunhas destas estatísticas, e a continuación, elixir as que nos chamaran a atención a cada un, elaborando unha presentación gráfica resumida que faga que calquera lector comprenda eses datos. Aquí vos deixamos a meirande parte dos nosos resultados.





















venres, 24 de abril de 2020

Seguimos coa celebración do día do libro

           A estas bibliotecarias non lles gustan os Días de Usar e Esquecer, como o Día da Muller, o Día da Paz, o Día do Libro…porque se resisten a celebrar un só día no ano o regalo inmenso que nos facemos cada vez que abrimos un libro e entramos na cabeza e na alma de quen o escribiu. É un xesto xeneroso, como abrir unha porta e convidar a entrar na nosa casa a quen chega. Haino que facer continuamente.

            Nos próximos días irémosvos ofrecendo, por entregas, unha antoloxía poética que titulamos “Con nome propio e… en nome propio” . Trátase dunha manchea de poemas onde os nomes das mulleres escoan dos versos de grandes poetas de todos os tempos, en galego e en castelán .(Ben está que os creadores homenaxeen as súas musas! Que menos! ); pero tamén vos achegaremos moitos outros textos nos que os nomes das mulleres se sitúan ao pé dos poemas, falando en distintas linguas, pero en nome propio, filtrando o mundo ao seu propio xeito.

Alá vai a primeira entrega!



venres, 11 de febreiro de 2022

11F: Día da Muller e a Nena na Ciencia

 A web da ONU cóntanos que dende 2016 o día de hoxe ten que servir para visibilizar dúas realidades vitais para o desenvolvemento humano: a igualdade de xénero e a ciencia.

Nós somos da mesma opinión, así que aí van as nosas aportacións, que estarían moi ben para utilizar nas Horas de Ler destes días: aquí achegamos unha morea de recursos que fomos recollendo nesta bitácora durante cursos pasados.

Rosalía, pioneira (Miguel Robledo)

Non deixedes de visitar as nosas escolmas e materiais propios, da nosa campaña Voces de Muller:

Mulleres matemáticas

Mulleres científicas

E de pasarvos pola biblio e levar algunhas das nosas fantásticas referencias sobre o tema, por exemplo:


Tamén son moi interesantes os calendarios científicos do CSIC, que xa van pola súa terceira edición e que xa partillamos no noso blog.

Navegando pola rede podedes atopar moreas de recursos fantásticos, pero hoxe recomendámosvos que vos acheguedes á web de ESF Galicia (Enxeñería Sen Fronteiras), onde están traballando moito para visibilizar os perfís STEM femininos, entre outras cousas. Cada mes lanzan o seu BOE (Boletín Oficial Esfeiro) con novas relativas á tecnoloxía para o desenvolvemento humano. Entre outras das súas actividades, colaboran con centros educativos, e nós agardamos ser o próximo! 

Outra recomendación, recén saída do forno, son os vídeos de divulgación do IDIVAL (Instituto de Divulgación de Valdecilla), nos que eminentes científicas explican as liñas de investigación que están a desenvolver. Neste vídeo en concreto é Marta Alonso Peña, Doutora en Fisiopatoloxía e Farmacoloxía pola Universidade de Salamanca, quen nos explica o proxecto Cohorte Cantabria, do que é coordinadora: un estudo único e pioneiro que permitirá avanzar no coñecemento das enfermidades. Un sopro de esperanza neste ambiente pandémico.

Aquí deixamos o vídeo. Porque precisamos referentes! 


martes, 12 de febreiro de 2019

11 de febreiro: Día internacional da muller e a nena na ciencia


Esta e outra fermosas imaxes serviron onte para visibilizar unha realidade que no século XXI xa debería estar superada: o recoñecemento da aportación da muller á ciencia ao longo da historia, e o feito de que a día de hoxe, os premios máis importantes e os postos máis relevantes da pirámide sigan ocupados maioritariamente por homes.

Esta e outra información podédela atopar nesta páxina: https://11defebrero.org/ ,  na que ademáis ofrécennos unha ampla axenda de actividades, pois a cousa non acabou onte: están programadas centos de charlas e outras actividades formativas. Botádelle un ollo á axenda aquí.

mércores, 21 de novembro de 2018

Preparando o 25N... e celebrando o 19N

Andamos a pleno rendemento, todas e todos a unha, para preparar un 25N que non nos deixe indiferentes... Bueno, en realidade un 26, que é o día que o imos conmemorar.

Comezamos partillando este artigo que nos conta por que o 25N é o día que visibiliza a violencia de xénero. 





Fálanos sobre as irmás Mirabal, activistas en contra do dictador Trujillo (Rep. Dominicana) que foron asasinadas o 25N de 1960. Os movementos feministas da rexión acuñaron esta data, reivindicación á que se uniu a ONU en 1999 para declarar o 25N como Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. 

Non queremos deixar de comentar outra efeméride: a do pasado 19N, día no que, fai 85 anos as mulleres votaron por primeira vez en España, aprobado o 1 de outubro de 1931 grazas a un histórico debate e á determinación da deputada Clara Campoamor.



A Biblioteca Nacional non quixo deixar de celebrar este aniversario lembrando como o contaron os diversos medios da época. Podes velo neste enlace.







venres, 8 de marzo de 2024

8M : Seguimos camiñando

 Botamos man do noso cartaz do curso pasado, elaborado por nós, porque é atemporal. É un cartaz da memoria, do non esquecer para mellorar. 



Durante os vindeiros días contarémosvos como o estamos a visibilizar no IES: hoxe suspéndense as clases por mor das condicións meteorolóxicas e por tanto o encontro con outras entidades educativas da vila non poderá levarse a cabo. Faremos os nosos actos en breve.

Feliz e consciente 8 de Marzo.


Aquí, as entradas desta bitácora sobre o Día da Muller.

xoves, 6 de maio de 2021

Montaxe final: Mulleres e literatura, 8 de Marzo

 Hoxe achegámosvos un vídeo no que resumimos o traballo que o Departamento de Lingua Castelá elaborou para o día 8 de Marzo, porque, si, xa sabedes que para nós calquera día é o Día da Muller.

Agardamos que vos guste! Noraboa a profesorado e alumnado polo esforzo e o resultado!

luns, 8 de marzo de 2021

Actividades do Día da Muller: Hipatia na clase de Mates

 Aproveitando a clase de matemáticas, o alumnado de primeiro elaborou unha lectura e un traballo en grupo sobre Hipatia, filósofa e mestra que destacou no campo da matemática e a astronomía arredor do século V. Que importante é ter referentes! 










venres, 10 de marzo de 2017

O noso 8M: Saímos á rúa!!!

Con todos vós, a reportaxe fotográfica dos actos do 8 M nos que participamos para visibilizar este Día da Muller, organizados pola Mancomunidade Terras de Celanova.

xoves, 7 de marzo de 2019

Mañá é 8 de marzo.

Este ano, inmersas na nosa campaña Voces de Muller, tódolos días serán 8 de marzo, e así debería ser sempre ata que non fixera falta recordar a desigualdade que aínda no século XXI está a sofrer a muller nos diferentes ámbitos da vida. Neste enlace podes saber máis sobre o porqué da data en concreto e como as traballadoras do textil foron exemplo para as xeracións posteriores.

Aquí, na biblio, tódolos anos facemos eco, como sabedes, do día de hoxe, por exemplo aquí tendes o escaparate de biografías de mulleres que fixemos o ano pasado.


Este ano, en plena preparación de moitas máis actividades, partillámosvos esta declaración de intencións en canto á decoración da biblio... Fixádevos ben.








Por que bolsos? Por que zapatos? Por que miriñaques? Esto representa á muller?

Mirade, mirade...


xoves, 22 de xuño de 2023

Xa temos premio para o noso Certame literario!

 E a gañadora do noso Certame de Relato Breve Celso Emilio Ferreiro é 

Celeste de Cristófaro Rodríguez, 

de 3ºESO B, con "10 de Setembro". Parabéns! Moi merecido recoñecemento!


10 de setembro


Remataron as vacacións. Setembro dá paso a outro curso académico. A maioría de rapaces e

rapazas non están dispostos a querer deixar atrás o verán e voltar a estudar...


Unha moza, Uxía, aínda segue durmindo. O feito de que hoxe comecen as clases non lle supón unha

ledicia precisamente. Si, sabe que hoxe empeza o curso, pero prefire quedar a durmir. Con sorte,

con moita sorte, súa nai esqueceríao e pensaría que hoxe aínda é un día máis de vacacións... Non

quere voltar ao instituto despois do que pasou no curso anterior. O último día sentiuse moi aliviada

de que por fin acabase todo... Foi cando decidiu quedar na casa durante todo o verán.

Unicamente saíu para pasar uns días onda a súa avoa, ao carón da praia, en Baiona. Alí ninguén a

coñecía e non podían facerlle dano. Non tería que volver escoitar palabras que a ferían.


- Nena! Uxía! Esperta que hoxe tes clase! – Berrou miña nai toda alporizada.

- Xa vou mamá! E non fai falla tanto barullo, que me doe a cabeza -. E eu que pensaba que non se ía

decatar... Agora vou ter que prepararme en cinco minutos, co que me custa moverme polas mañás.


Uxía baixou as escaleiras cara á cociña. Alí agardaba a súa nai que xa estaba rematando de tomar o

café, coma sempre, ás présas para non chegar tarde ao traballo. Deulle un bico e saíu pola porta.

A rapaza púxose a quentar un café con leite no microondas. Sacou unhas galletas da lacena e

deixounas enriba da mesa. Colleu o café e sentou a almorzar...


- Xa non te lembrabas de min verdade? Pensabas que che ía resultar doado deixarme de lado?

- Podes parar de darme a lata? Estou farta! Sabes canto tempo me custou deixar de pensar en ti e

de esquecer todas esas parvadas que me dicías?

-Veña, muller. Non é para tanto. Sabes moi ben que che gusto dende que eras pequena. A que

veñen tantas queixas agora?

- Sabes que? Marcho. Non son quen de aturarte máis.


A rapaza deixou o café morno e as galletas enriba da mesa e subiu correndo ao seu cuarto. Pechou

por dentro e meteuse na cama. Choraba. Xa o tiña decidido: hoxe non iría a clase, non estaba

preparada para que todo o mundo a vise e menos despois do que sucedera antes das vacacións...


Tras un bo anaco, deuse a volta e púxose boca arriba enxugando as bágoas. Quería estar tranquila.

Quería saber por que diaños lle pasaba isto a ela. Acaso hoxe non son normais todos os tipos de

corpos? Que pasaba se tiña un par de kilos de máis? E que? Que acontecía se non era delgada e

esvelta como as súas compañeiras? Non estamos no século XXI, onde se promove a diversidade de

persoas?


Uxía aferrouse ás mantas con forza, estaba chea de ira e impotencia... Veñen á súa cabeza os berros,

os empurróns, as humillacións... As palabras que a ferían perseguíana constantemente. Os insultos

escritos con pintura para os beizos no espello do baño, as indirectas do profesor de educación física,

as mensaxes anónimas que lle mandaban onde lle dicían de todo...


Estaba cansa de chegar á clase cun sorriso forzado, falso, de escoitar merdas de todos e aparentar

que non lle facían dano, de ir de compras coas amigas e probar unha chea de vestidos que nunca a

convencían, de odiar verse no reflexo de todos os espellos e chegar á casa e non poder probar

bocado, porque a súa conciencia non lle deixaba...


Decidiuno, sen máis. Había moito tempo que se sentía así, con moitas preguntas esparexidas na súa

cabeza, preguntas que se amoreaban, porque nunca lles atopaba unha resposta, formando un nó,

ao igual que a comida no seu estómago.


De súpeto, ergueuse. Saíu tomar o aire ao balcón do cuarto. Mirou para as barras e pensou que

quizais era un estorbo para todo o mundo, seguro que estarían mellor sen ela. Xa non sufriría máis,

xa non tería que pasar días enteiros sen comer ou días nos que lle podía máis a ansiedade e comía

demasiado... Xa non lle provocaría problemas á súa nai e non tería que sufrir máis acoso na clase...


Subiuse enriba dos barras do balcón. Pechou os ollos e fíxoo...





martes, 29 de marzo de 2016

Historia das nosas mulleres ourensás

Comezamos o último trimestre con renoavadas enerxías! E para celebralo, achegámosvos este gran descubrimento que fixemos na rede: Historia das nosas mulleres ourensás, un blog completísimo sobre ourensás que fixeron historia en tódolos campos: ciencia, arte, solidariedade, letras, filosofía...

Imaxe procedente de mulleresourensas.blogspot.com.es 


Para mostra, aquí vai a declaración de intencións do blog... Non ten desperdicio!

UNHA HOMENAXE ÁS NOSAS MULLERES

É un feito incuestionable que na historiografía contemporánea se suscitou un interese crecente polos estudos sobre a muller dende diferentes puntos de vista, o que permitiu reconstruír unha parte importante, ata agora silenciada, da nosa historia.

Se revisamos manuais de historia xeral, apenas aparecen mecionadas as mulleres. Pero, afortunadamente, isto vai cambiando.

Este blog pretende dar a coñecer a mulleres do noso contorno que tiveron relevancia pola súa traxectoria vital. Intenta poñer de relevo a aquelas mulleres ourensás, de antes e de agora, que fixeron e fan pegada na historia. Son nomes propios que debemos coñecer porque é un xeito de manifestar que a nosa provincia tamén participou na "visibilización" da Muller.

Nas mulleres citadas verémonos reflectidas ao compartir as súas inquedanzas, as súas ilusións, as súas loitas ...

Salientamos estas, aínda que, de ningún xeito, hai que esquecerse de tantas mulleres anónimas que en Ourense foron e son protagonistas na nosa vida cotiá e diaria.

Con probabilidade nunca este blog se completará de todo, pois cada día emerxen novos nomes propios dos que sentirnos orgullosos todos os ourensáns.

Moitas grazas a todo o mundo por interesarse por este blog que se fai con moito cariño e respecto.


Recomendámosvos encarecidamente o blog que Rosa María Cid Galante puxo en marcha xa en 2009.