E a gañadora do noso Certame de Relato Breve Celso Emilio Ferreiro é
Celeste de Cristófaro Rodríguez,
de 3ºESO B, con "10 de Setembro". Parabéns! Moi merecido recoñecemento!
10 de setembro
Remataron as vacacións. Setembro dá paso a outro curso académico. A maioría de rapaces e
rapazas non están dispostos a querer deixar atrás o verán e voltar a estudar...
Unha moza, Uxía, aínda segue durmindo. O feito de que hoxe comecen as clases non lle supón unha
ledicia precisamente. Si, sabe que hoxe empeza o curso, pero prefire quedar a durmir. Con sorte,
con moita sorte, súa nai esqueceríao e pensaría que hoxe aínda é un día máis de vacacións... Non
quere voltar ao instituto despois do que pasou no curso anterior. O último día sentiuse moi aliviada
de que por fin acabase todo... Foi cando decidiu quedar na casa durante todo o verán.
Unicamente saíu para pasar uns días onda a súa avoa, ao carón da praia, en Baiona. Alí ninguén a
coñecía e non podían facerlle dano. Non tería que volver escoitar palabras que a ferían.
- Nena! Uxía! Esperta que hoxe tes clase! – Berrou miña nai toda alporizada.
- Xa vou mamá! E non fai falla tanto barullo, que me doe a cabeza -. E eu que pensaba que non se ía
decatar... Agora vou ter que prepararme en cinco minutos, co que me custa moverme polas mañás.
Uxía baixou as escaleiras cara á cociña. Alí agardaba a súa nai que xa estaba rematando de tomar o
café, coma sempre, ás présas para non chegar tarde ao traballo. Deulle un bico e saíu pola porta.
A rapaza púxose a quentar un café con leite no microondas. Sacou unhas galletas da lacena e
deixounas enriba da mesa. Colleu o café e sentou a almorzar...
- Xa non te lembrabas de min verdade? Pensabas que che ía resultar doado deixarme de lado?
- Podes parar de darme a lata? Estou farta! Sabes canto tempo me custou deixar de pensar en ti e
de esquecer todas esas parvadas que me dicías?
-Veña, muller. Non é para tanto. Sabes moi ben que che gusto dende que eras pequena. A que
veñen tantas queixas agora?
- Sabes que? Marcho. Non son quen de aturarte máis.
A rapaza deixou o café morno e as galletas enriba da mesa e subiu correndo ao seu cuarto. Pechou
por dentro e meteuse na cama. Choraba. Xa o tiña decidido: hoxe non iría a clase, non estaba
preparada para que todo o mundo a vise e menos despois do que sucedera antes das vacacións...
Tras un bo anaco, deuse a volta e púxose boca arriba enxugando as bágoas. Quería estar tranquila.
Quería saber por que diaños lle pasaba isto a ela. Acaso hoxe non son normais todos os tipos de
corpos? Que pasaba se tiña un par de kilos de máis? E que? Que acontecía se non era delgada e
esvelta como as súas compañeiras? Non estamos no século XXI, onde se promove a diversidade de
persoas?
Uxía aferrouse ás mantas con forza, estaba chea de ira e impotencia... Veñen á súa cabeza os berros,
os empurróns, as humillacións... As palabras que a ferían perseguíana constantemente. Os insultos
escritos con pintura para os beizos no espello do baño, as indirectas do profesor de educación física,
as mensaxes anónimas que lle mandaban onde lle dicían de todo...
Estaba cansa de chegar á clase cun sorriso forzado, falso, de escoitar merdas de todos e aparentar
que non lle facían dano, de ir de compras coas amigas e probar unha chea de vestidos que nunca a
convencían, de odiar verse no reflexo de todos os espellos e chegar á casa e non poder probar
bocado, porque a súa conciencia non lle deixaba...
Decidiuno, sen máis. Había moito tempo que se sentía así, con moitas preguntas esparexidas na súa
cabeza, preguntas que se amoreaban, porque nunca lles atopaba unha resposta, formando un nó,
ao igual que a comida no seu estómago.
De súpeto, ergueuse. Saíu tomar o aire ao balcón do cuarto. Mirou para as barras e pensou que
quizais era un estorbo para todo o mundo, seguro que estarían mellor sen ela. Xa non sufriría máis,
xa non tería que pasar días enteiros sen comer ou días nos que lle podía máis a ansiedade e comía
demasiado... Xa non lle provocaría problemas á súa nai e non tería que sufrir máis acoso na clase...
Subiuse enriba dos barras do balcón. Pechou os ollos e fíxoo...
Ningún comentario:
Publicar un comentario