Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta peza do mes. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta peza do mes. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

luns, 18 de maio de 2026

Feliz Semana das Letras! Feliz Día dos Museos: Presentamos Peza do Mes de maio!

 Hoxe, aínda co Raigame no corpo, iniciamos as actividades da Semana das Letras, que como sempre dicimos, son todas as semanas do ano.

Aproveitamos que hoxe é o Día dos Museos para anunciarvos que xa está na nosa vitrina do corredor a Peza do Mes de maio, un modelo de gravadora moi de moda nos 80 e 90 que moi ben puido utilizar a homenaxeada Begoña Caamaño na súa faceta periodística. Velaquí o material informativo.





xoves, 7 de maio de 2026

A Tabula vai ao Curros: actividade intercentros IES Celanova CEF e CEIP Curros Enríquez

Grazas ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense somos uns auténticos expertos nesta peza senlleira, a Tabula de Castromao. Esta institución lévanos axudado moitísimo na nosa campaña de musealización, O Fogar das Musas, na que xa levamos varios cursos.

Por se non sabiades do tema, contámosvos. Da man do persoal do Museo, especializado no tema, aprendemos moito sobre a Tabula durante o primeiro trimestre. Mesmo viñeron ao centro a facer unhas sesións especiais de formación con 1ºESO, nas que aínda nos interesamos máis polo tema e preparamos un evento ben especial: o acto no que se celebraron os 55 anos do seu achado.  

A peza orixinal veu ao IES o mércores 19 de novembro de 2025, un día que non esqueceremos, pois é un auténtico privilexio que o que moitos chaman "a partida de nacemento de Celanova" estivera entre nós, pertiño, para que a puideramos admirar. 


Previamente prepararamos tamén material informativo e expuxeramos na nosa vitrina unha copia da Tabula como Peza do Mes invitada.

Foi un acto moi significativo, no que o alumnado de 1º, moi ben preparado, explicou a peza, e o director do Museo, César Llana, a importancia de que os achados arqueolóxicos se poñan en coñecemento do mundo. Gustaríanos ter homenaxeado ao descubridor, pero non puido asistir.

A profesora de historia de 1ºESO preparou a presentación co alumnado e achegou ás persoas asistentes un material informativo de elaboración propia, aquí.

Pois ben: agora chega a segunda parte.

Como profes e alumnado quedaron encantados co asunto, decidiron partillar a súa sabedoría. Foi así como xurdiu unha actividade intercentros coordinada pola biblio que persegue dous obxectivos:

- Aprender ensinando e partillando o aprendido.

-Tender lazos entre os centros educativos, e entre o alumnado que xa está no instituto e o que virá o curso que vén.

Así que hoxe, fai un ratiño, todo o alumnado de 1ºESO e 1ºFPB achegouse ao CEIP Curros Enríquez da nosa vila para levar estes obxectivos a cabo.

O alumnado de 1º coa súa profesora Noelia Domínguez preparou unha dinámica cunha primeira parte informativa, na que explicaron a prehistoria, a cultura castrexa e as peculiaridades de Castromao e da Tabula, e unha segunda parte ben dinámica na que o alumnado completou o seu pasaporte superando os retos propostos: dende facer un encrucillado ata elaborar o teu propio tríscele. No pasaporte foron pegando as pegatinas que acreditaban cada un dos retos. Fixérono xenial!



Deixámosvos as imaxes do ben que traballou tanto o alumnado do Celso Emilio como o do Curros, e recordámosvos que a humanidade evolucionou máis por cooperación que por competición. Parabéns ao alumnado de 1ºESO e a súa profe!!!

Moitísimas grazas ao Curros por acollernos. Ogallá continuemos colaborando en moitas máis ocasións, sodes un cole xenial! (Por certo, graciñas por ese agasallo bonito que nos destes para a nosa biblio!)

Premede no collage para acceder ao álbum completo. 



xoves, 16 de abril de 2026

Peza do Mes de abril: miniatura da escultura memorial da Poza das Ras

 Non esquezades visitar no corredor da biblio a vitrina da Peza do Mes de abril: a miniatura da escultura memorial da Poza das Ras que nos acredita como mecenas da grande escultura que sinalizará tal lugar de memoria. Coma sempre, as fotos non fan xustiza á realidade!

Aquí a información sobre a peza , que xa está tamén no noso Museo Virtual












luns, 6 de abril de 2026

A escultura conmemorativa da Poza das Ras, xa con nós


 

O 30 de agosto deste ano o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova formalizou un acordo co Concello de Verea e coas familias das vítimas para instalar na Poza das Ras unha escultura memorial.

Esta escultura lembra que Julio González, Amadeo López, Silvio Torres e Eloy Romero foron sacados do cárcere de Celanova e paseados na Poza das Ras o 29 de agosto de 1936: eran dous mestres, un chófer e un farmacéutico.

Finánciase mediante micromecenazgos, que reciben unha miniatura da gran peza de ferro instalada na Poza das Ras (Verea), deseño do escultor Xoán Torres Cidre. Xa temos unha delas nos nosos andeis: será a nosa nova Peza do Mes.

 


 

 

 

luns, 16 de marzo de 2026

A nosa vitrina, preparada: peza do mes de marzo

 Non deixes de paratte un intre no corredor da biblio para ver o chula que quedou a nosa Peza do Mes... E facer "sesión revival" lembrando, como tema do mes,  a nosa campaña que nunca remata "Voces de Muller", e o seu brazo activista "Cómprame a Igualdade".


mércores, 11 de marzo de 2026

Peza do mes de marzo: El gobierno de las mujeres, xa en exposición

 Xa está a nosa vitrina lista coa Peza do Mes, como sabedes procedente do noso fondo histórico, e moita información sobre o Tema do Mes: a campaña que nunca remata, Voces de Muller, e o seu brazo activista Cómprame a Igualdade.

 Aquí podes atopar a documentación da peza.







luns, 9 de marzo de 2026

Peza do mes de marzo: "El gobierno de las mujeres"

 Procedente do noso fondo histórico, aquí tendes a información sobre o exemplar de Armando Palacio Valdés "El gobierno de las mujeres". O tema do mes non podía ser outro que a nosa campaña Voces de Muller, que nunca remata.

En breve estará preparado o expositor! E presentaremos a peza. Premede aquí para acceder ao dossier informativo.



xoves, 5 de febreiro de 2026

Peza do Mes de febreiro: Prusa, a nosa primeira impresora 3D

 A nosa impresora 3D Prusa cumpre 10 anos con nós. Xa está descansando no Museo, pois foi substituida por outras con maiores prestacións. Pero sempre quedará na nosa lembranza as cousas fermosas que ela imprimiu, como a colección de marcapáxinas inspirados no noso edificio que valeron un Premio do Concurso de Traballo por Proxectos alá polo ano 2017.

Na vitrina tamén atoparedes unha efixie ben bonita de Rosalía (pois estamos no seu mes) impresa en 3D polo profe de tecnoloxía e pintada a man por Patricia Cid.

A información sobre a peza, aquí!






luns, 12 de xaneiro de 2026

Peza do mes de xaneiro: Sinfonía Xúpiter!

 

Nesta peza veredes como se poden relacionar os saberes da humanidade tomando como referencia o mes de xaneiro: música, literatura, filosofía, ciencia... Mergullámonos na interdisciplinariedade!!!





AQUÍ TODA A INFORMACIÓN!!! https://padlet.com/bibliotecapoleiro/o-fogar-das-musas-2579ca05b8rs/wish/YDgnZeqoGE9yZwrA

xoves, 18 de decembro de 2025

martes, 2 de decembro de 2025

Peza do Mes de decembro: Presentámosvos a LF

 Quen é LF? Achegádevos á nosa vitrina porque xa está preparada a nosa Peza do Mes.

Achegámosvos unhas fotos e o material informativo, á espera de ter data para a presentación. Que aproveite!












martes, 4 de novembro de 2025

Peza do Mes de novembro: En colaboración co Museo Arqueolóxico de Ourense, a Tabula de Castromao

 Orgullo é pouco: que ledicia colaborar cunha institución como o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Xa vos podemos contar que coa súa axuda coñeceremos mellor este importante achado do noso Castro de Castromao, a Tabula que recolle o pacto entre os romanos e os coelerni: mañá o persoal do museo acudirá a traballar co alumnado de 1º ESO sobre esta peza... de momento, podémosvos contar ate aí...

Una reprodución coroa xa a nosa vitrina con material informativo e algunhas publicacións relacionadas.












luns, 13 de outubro de 2025

DÍA DAS ESCRITORAS 2025

 Bo día!

Achegamos a escolma de textos que nos propón a Asesoría de Bibliotecas Escolares e as aportacións da Biblioteca Nacional para visibilizar este día. Tamén este plan para a finde que nos propón a Biblioteca Nós de Ourense.

Aquí no IES realizaremos varias actividades ao longo da semana. Hoxe, sen ir máis lonxe, o alumnado de oratoria traballará sobre uns textos de Emilia Pardo Bazán nos que describe a súa excursión a Celanova e fala das marabillas que aquí atopou, e tamén das partes que estaban en mal estado, instando ás autoridades a interesarse pola súa conservación e posta en valor. Por suposto, en Celanova temos unha rúa dedicada a ela. No proxecto en curso que están a realizar, Guía por un Día, incorporarán ás súas explicacións información sobre esta visitante ilustre.

https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/blog/historia/articulo/emilia-pardo-bazan-feminista-comprometida-y-prolifica-escritora/ 

Velaquí as nosas fontes: Por unha banda, no material da nosa Peza do Mes de decembro 2024, onde aparecen varios viaxeiros ilustres que nos visitaron.

Por outra, nesta estupenda entrada do blog de Manuel Blastres: https://manuelblastres.blogspot.com/2014/01/emilia-pardo-bazan-de-mi-tierra.html 

Que aproveite, feliz día!!!


A rúa Emilia Pardo Bazán, nesta foto antiga atopada en https://ovrense.blogspot.com/2016/04/rua-emilia-pardo-bazan-celanova.html . Recoñécela?




xoves, 9 de outubro de 2025

Visita a nosa Peza do Mes de outubro, xa instalada na súa vitrina!

 Ou moito mellor, vén á presentación da Peza do Mes, o noso Silabario facsímil de 1937: o alumnado de FPB explicarán estupendamente os detalles da peza e falarán dun tema importante: a alfabetización.

Sabiades que en pleno século XXI, nun país con educación pública de moi bo nivel, un 13% da poboación non sabe ler nin escribir? Si, de cada 100 persoas, 13 son analfabetas...

O dito, vémonos o día 14 no recreo no corredor da biblioteca... Non vos preocupedes que hai tempo tamén para comer o bocata: seremos breves.








luns, 6 de outubro de 2025

Comeza outubro cunha nova edición da Peza do Mes!!! O noso silabario dos anos 30

 E desta volta presentámosvos este fermoso silabario dos anos 30 que habitualmente forma parte da nosa exposición da Sala Gótica, "A Escola de Antonte" e durante os vindeiros días viaxará á nosa vitrina para ser a protagonista do tema do mes, algo tan fermoso como APRENDER A LER.

Velaquí o material elaborado pola nosa colaboradora excepcional Isidora Gil: premede na imaxe para acceder ao documento completo.