Grazas ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense somos uns auténticos expertos nesta peza senlleira, a Tabula de Castromao. Esta institución lévanos axudado moitísimo na nosa campaña de musealización, O Fogar das Musas, na que xa levamos varios cursos.
Por se non sabiades do tema, contámosvos. Da man do persoal do Museo, especializado no tema, aprendemos moito sobre a Tabula durante o primeiro trimestre. Mesmo viñeron ao centro a facer unhas sesións especiais de formación con 1ºESO, nas que aínda nos interesamos máis polo tema e preparamos un evento ben especial: o acto no que se celebraron os 55 anos do seu achado.
A peza orixinal veu ao IES o mércores 19 de novembro de 2025, un día que non esqueceremos, pois é un auténtico privilexio que o que moitos chaman "a partida de nacemento de Celanova" estivera entre nós, pertiño, para que a puideramos admirar.
Foi un acto moi significativo, no que o alumnado de 1º, moi ben preparado, explicou a peza, e o director do Museo, César Llana, a importancia de que os achados arqueolóxicos se poñan en coñecemento do mundo. Gustaríanos ter homenaxeado ao descubridor, pero non puido asistir.
A profesora de historia de 1ºESO preparou a presentación co alumnado e achegou ás persoas asistentes un material informativo de elaboración propia, aquí.
Pois ben: agora chega a segunda parte.
Como profes e alumnado quedaron encantados co asunto, decidiron partillar a súa sabedoría. Foi así como xurdiu unha actividade intercentros coordinada pola biblio que persegue dous obxectivos:
- Aprender ensinando e partillando o aprendido.
-Tender lazos entre os centros educativos, e entre o alumnado que xa está no instituto e o que virá o curso que vén.
Así que hoxe, fai un ratiño, todo o alumnado de 1ºESO e 1ºFPB achegouse ao CEIP Curros Enríquez da nosa vila para levar estes obxectivos a cabo.
O alumnado de 1º coa súa profesora Noelia Domínguez preparou unha dinámica cunha primeira parte informativa, na que explicaron a prehistoria, a cultura castrexa e as peculiaridades de Castromao e da Tabula, e unha segunda parte ben dinámica na que o alumnado completou o seu pasaporte superando os retos propostos: dende facer un encrucillado ata elaborar o teu propio tríscele. No pasaporte foron pegando as pegatinas que acreditaban cada un dos retos. Fixérono xenial!
Deixámosvos as imaxes do ben que traballou tanto o alumnado do Celso Emilio como o do Curros, e recordámosvos que a humanidade evolucionou máis por cooperación que por competición. Parabéns ao alumnado de 1ºESO e a súa profe!!!
Moitísimas grazas ao Curros por acollernos. Ogallá continuemos colaborando en moitas máis ocasións, sodes un cole xenial! (Por certo, graciñas por ese agasallo bonito que nos destes para a nosa biblio!)
Premede no collage para acceder ao álbum completo.

.jpeg)


Ningún comentario:
Publicar un comentario