martes, 7 de xullo de 2026

Peza do Verán: Exposición de cámaras

 Aí queda na vitrina a exposición para o verán... Porque no verán sacamos aínda máis fotos que o resto do ano, e gravamos máis vídeos.

Así que directas da nosa sección Arqueoloxía Audiovisual do museo, aquí volas deixamos, aínda que as fotos non fan xustiza... Pasade a velas!

Aquí, toda a información!





luns, 6 de xullo de 2026

Expurgo e renovación da sección de Historia

 As compañeiras do Departamento de Historia, da man de Silvia Rivero, integrante deste equipo, están a expurgar e renovar a sección correspondente na biblio.

Ademáis de adquirir exemplares moi atractivos, están revisando a orde dos libros para facela máis intuitiva. Encargarémonos de sinalizar axeitadamente cada andel e a maiores, revisaremos o etiquetado do relato histórico de ficción (en azul) e crearemos unha nova etiqueta para os lombos para sinalar os libros relativos a Memoria Histórica, que é unha materia que como sabedes temos moi presente. Por certo, xa sabedes aque no noso Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica tendes todos os recursos e materiais.

E así, baixo a atenta mirada de Victoria Euxenia de Battenberg, estamos deixando a sección:




luns, 22 de xuño de 2026

As mil vidas do mosteiro: un podcast sobre a historia do noso querido Claustro do Poleiro

 Alá vai un súper podcast realizado polo alumnado de oratoria de 3ºESO, dentro do proxecto Guía por Un Día. Pensamos que pode axudar a ilustrar as visitas guiadas que retomaremos no curso que vén.

Dun xeito moi ameno e entretido aprederedes un montón sobre a historia do noso Claustro do Poleiro, para ir preparando o seu 300 aniversario o curso que vén.


venres, 19 de xuño de 2026

Concertazo Fin de Curso: Mary Valugo&Mino + Susy's Little Band

Co aforo completo dun público que gozou moito do concerto, pechamos as actividades da biblio (por este curso!). Foi especialmente emocionante a gran participación da comunidade educativa: profesorado, alumnado, amigos colaboradores da vila e de fora... Un luxo contar con tanta boa xente! 

Comezamos cunha versión actual de Putting on the Ritz, popularizada por Fred Astaire ou Ella Fitzgerald a cargo dunha formación deseñada para a ocasión: Susy's Little Band, con Susana de 3ºA na voz, Jose Antonio Fidalgo ao clarinete, gran músico xa coñecido noso doutras actuacións (e pai de exalumno) e Irma, a profe de música, ao piano.

Introducido o asunto, continuamos co groso do concerto: unha magnífica selección de temas do proxecto acústico da profesora de música Mary Valugo (ao piano) co cantautor Mino ás voces, guitarra e harmónica. Ofrecéronnos temas propios e versións moi ben escollidas, como Like a Rolling Stone, de Bob Dylan. Este último tema, como peche do concerto, contou coa colaboración de varios profes: Castor, na guitarra, Lola, na voz e Iván, Ana, Yannick e Irma na percusión. Neste tema rítmico axudounos tamén o noso querido alumno Fabio. 

Despedimos o curso con moita enerxía!

Deixamos testemuño audiovisual que tentaremos ir ampliando.











xoves, 18 de xuño de 2026

Hoxe... coreografía multitudinaria!

Achegámosvos outra "secuela" da actividade intercentros realizada o pasado 30 de abril: hoxe o ritmo de swing trasladouse ao noso Claustro do Poleiro da man do departamento de música. Co noso querido ex compañeiro Carlos Alonso, que tan bo facer tivo na aula de audiovisuais, realizamos unha gravación da coreografía na que participou o alumnado de 2º e 3º ESO e parte do profesorado.

De novo agradecemos aos nosos profes de baile do Seminario Intercentros "A ritmo de Swing na Bela Auria", Julia e Pablo, de Big South Swing, que nos meteron o ritmo no corpo con esta coreografía sobre Don't be that way, de Benny Goodman.

Á espera da montaxe profesional, deixámosvos unhas cantas imaxes e algunha toma falsa... Moita ledicia, moita ilusión... E moitísimo calor!!!







martes, 16 de xuño de 2026

Mañá na biblio, concerto... Mino & Mary Valugo

 Mañá imos pasar un bo rato na biblio escoitando música da boa!

A profe de música Mary Valugo, a dúo co cantautor Mino, ofrecerán o seu repertorio en formato acústico. Por cuestións de aforo, participará o alumnado de 2º e 3ºESO. Tentaremos en próximas publicacións ofrecer contido audiovisual para os que non podedes vir. 

Tamén haberá unha colaboración misteriosa: Susy's little band... mañá saberemos de que se trata!



luns, 15 de xuño de 2026

Unha visita de altura: o alumnado de infantil do Curros, na biblio

 Estes mozos e mozas de infantil achegáronse á biblio coas súas profes como parte dunha visita guiada que tamén os levou ao templo e ao resto do mosteiro da man de Susana, guía da oficina de turismo do Concello.

Aquí, na Bibliopoleiro, escoitaron moi atentamente un fermoso conto que traía preparado a súa profe sobre unha biblioteca nocturna (tomamos nota!).

A continuación puxemos en marcha a actividade que tiñamos preparada sobre unha canción de Migallas Teatro que fala das magníficas posibilidades dos libros: con eles nunca nos aburrimos!!!

E abofé que foi ben divertido: tivemos alfombra voadora, barco pirata, un can saltando á corda e unha nave espacial!!! 

E cantamos requetebén!

Aí vai o testemuño audiovisual. Grazas por vir, rapazada do Curros! Volvede cando queirades!










































Colaborando con Meteoescolas

 O equipo Meteoescolas do IES non para! E para botarlles unha man, ocorréusenos contar co alumnado de oratoria (que se prestou voluntariamente ao asunto) para montar un podcast divulgativo sobre as Warming Stripes (estamos enganchadísimas aos podcasts!). Con pouquísima axuda pola nosa parte, o alumnado guionizou e gravou o material, e na biblio démoslle o toque final. 

 ASí que xa está subido á nosa plataforma Soundcloud: aquí volo deixamos. É, en verdade, moi entretido, e explica moi ben este concepto referido ao cambio climático. Que aproveite!

  

 
 

 

xoves, 11 de xuño de 2026

Lecturas para o verán!

 Ide pensando en buscar a mellor compaña para este verán... Temos algunhas suxestións nos nosos expositores. Tamén podemos aconsellarvos segundo os vosos gustos personais... Agardámosvos!

LIBROS PARA CONCIENCIAR: EXPOSITOR "LIBERDADE E RESISTENCIA"


BANDA DESEÑADA


VOCES DE MULLER



A NOSA HOMENAXEADA, BEGOÑA CAAMAÑO


ÚLTIMAS ADQUISICIÓNS







mércores, 10 de xuño de 2026

Na entrega de premios do concurso de pódcast "O Vello dos Contos"

 O alumnado de 4º da ESO de Oratoria acudiu a Santiago o pasado 8 de xuño para recoller o galardón como finalistas da VIII edición dos premios internacionais de pódcast Xosé Mosquera Pérez, "O vello dos contos" polo seu traballo "Cando a poesía canta". Orgullosísimos do traballo realizado, que podedes escoitar aquí.






martes, 9 de xuño de 2026

Empatizamos coa xente maior da man da Cruz Vermella

 Nunha charla obradoiro chea de sorpresas, supostos prácticos e moita empatía, falamos sobre como acompañar ás persoas maiores, entendelas e coidalas. 

Grazas ás actividades que nos prepararon os voluntarios, experimentamos como é a vida con dificultades visuais, auditivas, de movemento... E tentamos imaxinar como sería a vida en soidade non desexada.

Que importante é a convivencia interxeneracional! Ogallá sempre teñamos presente todo o experimentado onte xoves día 4: novos e vellos temos moito que aportar!






mércores, 3 de xuño de 2026

A nosa parte en A ferida aberta no 36: A represión no ensino

 Nuria López, á que xa coñecemos pola súa fantástica labor no podcast "A ferida aberta no 36", non só nos deixou un anaco do seu capítulo dedicado ao ensino, senón que ademais achegou este extracto no que aparece a nosa intervención. Un luxo! Millóns de grazas por iso, e pola túa fantástica labor divulgativa.


mércores, 27 de maio de 2026

Finalistas no certame O Vello dos Contos

 O alumnado de Oratoria de 4º ESO realizou un fermosísimo podcast que mereceu o seu pase á final do concurso O Vello dos Contos.

Estamos moi contentos porque é a nosa primeira participación neste tipo de certames. 

O máis importante foi a implicación do alumnado e o fermoso ambiente de traballo que se creou arredor da temática do podcast: Cando a poesía canta. 

Os poemas musicados desfilan ao longo dos case 5 minutos de gravación cun resultado verdadeiramente formidable.

Aquí volo deixamos, desexando ao alumnado e á profesora Mary Valugo, tamén do equipo de biblioteca, que gocen do seu paso á final, da gala de entrega de premios que será o día 8 de xuño e do resultado tan bonito que acadaron. Premede na imaxe!!!!



venres, 22 de maio de 2026

Inesquecible concerto de Álvaro Sieira.

Aquí vos queda o testemuño audiovisual do concerto de onte. Unha fermosura de obras, sensacións, atmosferas e toda a sensibilidade do mundo que Álvaro nos trasladou dende as teclas do piano.

O acto comezou cunha breve presentación do programa a cargo do alumnado de oratoria de 3ºESO para comprender un pouco mellor o que iamos escoitar. Aquí vos deixamos as notas ao programa que eles presentaron, e que foi esta marabilla:

PROGRAMA
Johannes Brahms
Seis piezas para piano, Op. 118
Intermezzo en la menor
Intermezzo en la mayor
Balada en sol menor
Intermezzo en fa menor
Romanza en fa mayor
Intermezzo en mi bemol menor

Isaac Albéniz
Suite Iberia
El Corpus Christi en Sevilla
Almería

Enrique Granados
Goyescas
Quejas, o la maja y el ruiseñor

Millóns de grazas, Álvaro! Na Semana das Letras, atopamos en ti un "bo e xeneroso" que nos deixou abraiados co seu bo facer.


















xoves, 21 de maio de 2026

Hoxe!!!! Non o perdades: Concerto na Biblio. Álvaro Sieira ao piano

 



PROGRAMA


Johannes Brahms

Seis piezas para piano, Op. 118

Intermezzo en la menor
Intermezzo en la mayor
Balada en sol menor
Intermezzo en fa menor
Romanza en fa mayor
Intermezzo en mi bemol menor


Isaac Albéniz
Suite Iberia

El Corpus Christi en Sevilla
Almería

Isaac Albéniz
Chants d’Espagne, Op. 232
Córdoba


Enrique Granados
Goyescas

Quejas, o la maja y el ruiseñor


Deixámosvos tamén aquí as notas ao programa, que presentará o alumnado de oratoria de 3ºESO.

Vinde gozar da música!




mércores, 20 de maio de 2026

Atranco no Banco, un éxito!

 O alumnado de 3ºPDC, coordinados polo seu profe Rafael Adán, preparou rigorosamente esta obra teatral que estrearon na Festa das Letras do pasado luns día 18. O guión de Núñez Singala non defraudou!

Todos colaboramos na medida das nosas posibilidades para que fora un éxito, e mesmo tivemos a inestimable axuda na dirección de Teresa Devesa, a nosa experta en teatro que nos vén axudar en todo a pesares de estar xa gozando do seu xubileo... Como a botamos de menos no equipo de biblioteca!

Aquí vos deixamos unhas imaxes, pero isto non remata aquí: haberá máis pases para que todas podamos gozar do teatro en galego!






luns, 18 de maio de 2026

Hoxe, Festa das Letras!

 


Feliz Semana das Letras! Feliz Día dos Museos: Presentamos Peza do Mes de maio!

 Hoxe, aínda co Raigame no corpo, iniciamos as actividades da Semana das Letras, que como sempre dicimos, son todas as semanas do ano.

Aproveitamos que hoxe é o Día dos Museos para anunciarvos que xa está na nosa vitrina do corredor a Peza do Mes de maio, un modelo de gravadora moi de moda nos 80 e 90 que moi ben puido utilizar a homenaxeada Begoña Caamaño na súa faceta periodística. Velaquí o material informativo.