xoves, 16 de abril de 2026

Peza do Mes de abril: miniatura da escultura memorial da Poza das Ras

 Non esquezades visitar no corredor da biblio a vitrina da Peza do Mes de abril: a miniatura da escultura memorial da Poza das Ras que nos acredita como mecenas da grande escultura que sinalizará tal lugar de memoria. Coma sempre, as fotos non fan xustiza á realidade!

Aquí a información sobre a peza , que xa está tamén no noso Museo Virtual












mércores, 15 de abril de 2026

Hoxe reviviu o noso Hospital de Libros

 Da man do noso PFPP, no que un grupiño de profes nos formamos para impulsar o traballo colaborativo e por proxectos, e a campaña O Fogar das Musas (co Museo e todo o que implica...!), recibimos hoxe unha formidable sesión de formación.

O tema? A restauración de libros! Nin máis nin menos que 8 dicionarios volveron á vida, en volumes ben vistosos e ben protexidos para que resistan mil primaveras máis.

Fai uns 10 anos recibiramos esta formación dunha gran profe: Marosa Vázquez, e hoxe, Isidora Gil reviviu para un equipo renovado ao 99% a sesión de restauración de libros con moi bos resultados.

Aquí vos deixamos titoriais ben explicados.

E unhas imaxes para que vexades canto traballamos.











luns, 13 de abril de 2026

Comezamos coas celebracións do Día do Libro: Música barroca na Biblio




Para que vaiades facendo oco na axenda, anunciámosvos que o día 25 de abril ás 12.00 teremos un plan marabilloso na biblio:

A Ensemble do Departamento de Música Antiga do Conservatorio de Música de Ourense virá a presentarnos a súa produción deste curso: Venus e Adonis, de John Blow. Non vos preocupedes: teremos narración do texto para que ninguén perda o argumento.

Poderedes escoitar en directo instrumentos pouco habituais aquí: clavicémbalo, consort de violas da gamba, consort de frautas de bico e, por suposto, o coro. 

O Ensemble de Música Antiga do CMUS Ourense é un grupo no que cativada, profesorado e outros invitados colaboran para obter unha sonoridade fermosísima, nunha interpretación que chama a atención pola mencionada variedade de instrumentos e de idades: de nove aniños en adiante!

Moi interesantes son tamén as notas ao texto que dende o propio Departamento de Música Antiga nos achegan: 

" Como xa sabemos, John Blow é o compositor da "masque" Venus & Adonis, unha obra que se estreou en Londres o 17 de abril de 1684, despois de ser presentada ao rei Charles II de Inglaterra.
En canto ao libretto, aínda que o mito de Venus e Adonis inspirou o -coñecido e co mesmo título-poema de Shakespeare, do mesmo xeito que o da Metamorfoses de Ovidio, o texto que Blow empregou inicialmente atribúese á escritora Aphra Behn. Non obstante, tamén se pensa que podería ter sido escrito por Anne Finch en colaboración coa poeta Anne Killigrew.
É entón, Venus & Adonis de John Blow, unha obra na cal as mulleres desempeñan un papel único e fundamental na elaboración do texto musicado.
"

Non deixedes de pasarvos por aquí: 50 minutos de boa música nun entorno inigualable como é a nosa biblioteca... E, si: durante a construción do noso Claustro do Poleiro, esta era a música que se interpretaba en toda Europa (o trending topic do momento!)

Aquí podedes ver recesións na prensa desta presentación.

E aquí un pequeno exemplo musical do que foi a estrea no Conservatorio de Ourense.




venres, 10 de abril de 2026

Recollendo o Premio de Traballo por Proxectos

 Hoxe viaxamos a Compostela para asistir ao acto de entrega de premios do XI Concurso de Traballos por Proxectos na modalidade de proxectos interdisciplinares, que convoca a Asesoría de Bibliotecas Escolares (a quen agradecemos a iniciativa e o recoñecemento). En xaneiro démosvos a boa nova, pero este ano organízouse por primeira vez  un acto de entrega "físico" do premio. 

Foi un acto sinxelo, ben feito, no que se visibilizou o esforzo de tantos centros que traballan con rigor, ilusión e excelencia: sabemos que hai moitos máis, pero non sempre se dan a coñecer as súas experiencias.

O noso Centro de Interpretación Virtual da Memoria Histórica do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro foi merecente deste recoñecemento. Queremos salientar que é un proxecto con unha participación moi alta de profesorado e alumnado. Posto en marcha polo Departamento de Historia, o equipo de Biblioteca colaborou na súa difusión e coordinou a participación de máis departamentos: é un proxecto de todos que, agardamos, continúe moito tempo con nós. 

Non esquecemos a inestimable axuda do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, co que agardamos seguir traballando. 

Por razóns organizativas, unicamente puideron acudir á entrega a directora e a coordinadora da biblioteca, que subiu a recoller o premio. Pero hai moito traballo e moitas máis persoas detrás: grazas a todas elas.





martes, 7 de abril de 2026

Xogando co Órgano de Celanova

 Pois outra das actividades que temos preparadas para a Feira Educativa Expourense é este cartaz con tarxetas adhesivas no que poderás coñecer ao rei dos instrumentos (o órgano de tubos) da man do noso formidable instrumento que está situado no lado do evanxeo do templo do Mosteiro de San Salvador. 

Sendo o foco de moitos dos nosos traballos, aquí tendes a información e as actividades realizadas sobre el.

Ao remate da feira, poderedes manipular a montaxe e aprender máis sobre este instrumento senlleiro.

luns, 6 de abril de 2026

A escultura conmemorativa da Poza das Ras, xa con nós


 

O 30 de agosto deste ano o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova formalizou un acordo co Concello de Verea e coas familias das vítimas para instalar na Poza das Ras unha escultura memorial.

Esta escultura lembra que Julio González, Amadeo López, Silvio Torres e Eloy Romero foron sacados do cárcere de Celanova e paseados na Poza das Ras o 29 de agosto de 1936: eran dous mestres, un chófer e un farmacéutico.

Finánciase mediante micromecenazgos, que reciben unha miniatura da gran peza de ferro instalada na Poza das Ras (Verea), deseño do escultor Xoán Torres Cidre. Xa temos unha delas nos nosos andeis: será a nosa nova Peza do Mes.