Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta oca. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta oca. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

xoves, 5 de xuño de 2025

A nosa Oca xa está na Oficina de Turismo e na Casa dos Poetas

 A nosa oca comeza a viaxar polo mundo! Xa deixamos unhas copias na Oficina de Turismo e na Casa dos Poetas para agasallar a crianzas e grandes.


Que aínda non a coñeces????

Descarga e imprime aquí unha oca totalmente personalizada, que a través do clásico xogo de casas, ficha e dado, percorre o patrimonio da nosa vila e contorno... 

Coidado! Non caias no cárcere (a cela de Celso Emilio), no labirinto (o Petroglifo das Barranconadas) ou na Morte (a fosa común do cemiterio de San Breixo), pero podes pasar de ponte a ponte (da Ponte Freixo á Ponte Pedriña) ou ir de oca a oca (que percorre as festas e lugares senlleiros da nosa comarca)...






venres, 11 de abril de 2025

O XOGO DA OCA DE CELANOVA

Que mellor que ampliar os nosos coñecementos xogando? 

Con todas e todos vós, o Xogo da Oca de Celanova!!!  

Como material elaborado na campaña da biblioteca "O Fogar das Musas" , queremos poñelo a disposición de toda a comunidade educativa e da vila de Celanova, e pensamos que é unha boa maneira de poñer en valor o noso patrimonio. Aquí podedes acceder ao repositorio con todo o material elaborado e recompilado dentro da campaña, con cantidade de información sobre a nosa contorna e con elaboración e montaxe totalmente orixinal, froito da colaboración entre profesorado e alumnado.

Por suposto que as 63 casas do xogo non dan para percorrer todas as nosas fortalezas artísticas, literarias, históricas, paisaxísticas, inmateriais... pero é unha boa maneira de comezar a interesarse por elas e defendelas como merecen. Atoparedes arte (comezando polo noso propio edificio), paisaxe (dende o Monte da Neve ao río Arnoia), literatura (de Curros a Celso Emilio), memoria histórica (dende a Fosa Común do cemiterio de San Breixo -se caes nela terás que volver a comezar- ata a Poza das Rás -o pozo da oca clásica-, pasando pola Leona ou o Furriolo)... Toda unha aventura. Que o gocedes!

Pica na imaxe para ver o taboleiro en pdf imprimible por ambas caras...



Pica na imaxe para acceder á información de todas as localizacións.



FE DE ERRATAS!!!! EDITAMOS...

Comezamos unha lista de patrimonio variado que non aparece na oca... Mandádenos suxestións por mail (bibliotecapoleiro@gmail.com) ou redes...

Aparecerán nas nosas vindeiras producións... que as haberá.

O primeiro: o Camiño de San Rosendo e da Raínha Santa . Non deixedes de visitar a súa web... Tivemos a sorte de que o curso pasado estiveran con nós na biblio explicándonos as súas peculiariades e certamente é un traxecto cheo de tesouros. Tamén podedes consultar na biblioteca o libro El camino de Santiago por Tierras de San Rosendo, autoría de Laura Fernández e Mónica Vázquez Lopo.

Outros esquecidos...

Misal Auriense (1494), un incunable considerado o libro impreso máis antigo de Galicia.



martes, 17 de xuño de 2025

A nosa Oca, máis mediática que nunca!

 Aquí vos deixamos o recorte de prensa no que Laura Fernández, coma sempre con tan boa pluma, dá a coñecer ao público as nosas producións, neste caso a Oca de Celanova, da campaña O Fogar das Musas.

Lede o artigo, que é ben bonito... E se entras na edición dixital ata podes ver un vídeo!!!




E todo isto nunha semana na que non deixamos de estar na prensa... por cousas boas!!!