mércores, 8 de maio de 2024

EXCURSIÓN A ATAPUERCA

As nosas compañeiras do departamento de Historia organizaron unha viaxe ben bonita a Atapuerca e Burgos cidade do 1 ao 3 de maio e cóntannola así:

" O noso alumnado de 1º ESO, puido desfrutar duns días inesquecibles, visitando e coñecendo un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Europa, tamén recoñecidos a nivel mundial, sobre todo, pola gran cantidade de restos fósiles humanos de xénero homo e faunísticos que se atoparon e seguen a atoparse.

Falamos nada máis e nada menos que da Serra de Atapuercapreto da cidade de Burgos. Alí, un grupo de arqueólogos explicáronnos os restos atopados, onde foron atopados, que evidencian, a importancia de ditos achados para a Arqueoloxía e moi especialmente para a Paleontoloxía e a evolución humana.

Tivemos a gran sorte de ver en persoa a dous dos codirectores da fundación Atapuerca e encargados das investigación e escavacións arqueolóxicas, E.Carbonell e J.M Bermúdez de Castro. Un luxo!

Antes do xantar en Atapuerca, realizamos un obradoiro sobre a evolución humana con Iván e Álvaro, os nosos arquéologos. Explicáronnos como identificar e clasificar os restos óseos e a que especie e xénero Homo pertencían a través de cráneos e industria lítica e por medio da manipulación de réplicas exactas de calotas e ferramentas de pedra do pasado. Por equipos o noso alumnado convertiuse en paleodetective e a través de pistas tivo que descubrir quen era quen. Moi instrutivo e divertido.

Pola tarde, sen saír de Atapuerca, fomos ó CAREX, e o centro de arqueoloxía experimental, onde o bribón de Álvaro, outro arqueólogo marabilloso, mostrounos como facer lume, aprender a cazar, manexarse co arco e frecha, xabalinas e lanzalas con propulsores ,facer industria lítica, pinturas rupestres de mans …en definitiva aprendendo a sobrevivir nunha viaxe no tempo que nos transportou ao Paleolítico, Neolítico e a Idade dos Metais, a etapa anterior á invención da escritura.

Os nosos guías foron xeniais e o noso alumnado estivo de 10. Felicitáronnos!

Pola tarde deunos tempo de visitar a cidade de Burgos: fomos ao mirador a contemplar as vistas desta cidade e da impoñente catedral gótica, única na Península Ibérica, declarada Monumento Nacional e Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Paseamos polo Casco Histórico e rodeamos a catedral.

O segundo día , e para completar a experiencia didáctica de Atapuerca visitamos o Museo da Evolución Humana (MEH) alí o noso alumnado puido apreciar e observar os auténticos restos atopados en Atapuerca, como a industria lítica-Excalibur- cráneos –cráneo nº5 máis coñecido como Miguelón, a pelvis de Elvis…- vimos e admiramos as recreacións dos diferentes tramos evolutivos da humanidade , como o caso do Homo Antecessor, flora e fauna do Pleistoceno Medio como o mamut lanudo, embarcámonos na Beagle con Darwin e adentrámonos no noso cerebro …Unha pasada!

Pola tarde despois do xantar, visitamos o interior da catedral onde aproveitamos para falarlle e explicarlle o fundamental do estilo artístico chamado gótico que estudarán en 2º na materia de Historia. Aquí puideron abraiarse co seu cimborrio, as súas bóvedas, as vidreiras, a capela dos Condestables ou a soberbia Escaleira Dourada de Siloé, renacentista.

A viaxe foi todo un éxito. Obxectivo cumprido.

Silvia, profesora de Historia de 1º ESO

Accede ao album do testemuño gráfico da viaxe picando na imaxe!




Ningún comentario:

Publicar un comentario