mércores, 31 de maio de 2017

Actividade escolar ou vulneración dos dereitos de autor?

Como sabedes, clausuramos a nosa anterior campaña De Cine cunha sonorización en directo da película de cine mudo “Unha vida de can”. A música, se recordades, foi interpretada polo alumnado de música de 4º da ESO e foi unha escolma de grandes sonoras que estudamos e interpretamos, a modo de actividade formativa para nós e de homenaxe aos grandes compositores de música de cine. E así tamén a demos a coñecer ao noso público, que foi o resto do alumnado.

O acto foi o 21 de decembro de 2016, e os intérpretes, como dixemos, 7 alumnos da optativa de música de 4ºESO tocando frautas e percusión e a profesora tocando o piano. Evidentemente as partituras das grandes bandas sonoras estaban adaptadas ao instrumental escolar. Foi un espectáculo moi chulo: moitos dos alumnos non viran nunca unha película de Chaplin, e menos muda!

Á volta das vacacións aproveitamos para montar o vídeo enteiro co audio gravado en directo para poder compartir a nosa “obra mestra” no noso canal youtube Biblio Poleiro e que a visen alumnos, país e resto de comunidade educativa.

Aquí ven o problema: o noso vídeo foi retirado. A banda sonora da película dunha coñecida película sobre o holocausto tivo parte da culpa: a nosa versión escolar para frautas e piano vai contra os dereitos de autor da súa BSO. Efectivamente, e como podemos ver na captura de pantalla da notificación, en dúas ocasións interpretamos un fragmento do tema principal desta banda sonora. E debémolo de facer moi ben!




Así pois, a nosa peli non se puido ver no canal. Vaia por diante que a película enteira na súa versión orixinal está a disposición de calquera usuario de youtube. A causa da retirada do vídeo e o feito de que non se poida ver en 43 países, entre eles o noso, é a denuncia por ir en contra dos dereitos de autor da banda sonora.

Escribimos á plataforma coa nosa queixa, que en resumo era unha pregunta:

Por que as grandes empresas de audiovisual se meten nestas pequeneces cando o que se fai dende un centro educativo é formar ao alumnado integralmente, e neste caso na música e o cine de calidade, preparando un potencial público con criterio que valore a cultura? De verdade as grandes multinacionais están preocupadas de que tomemos prestadas sen lucro as súas imaxes ou a súa música? Imos acabar co seu gran negocio?

Por sorte, a ver se nos dura, atopamos a maneira de difundir a nosa peli con música a través doutra plataforma... así que encantados de compartila con vós!!!



Ningún comentario:

Publicar un comentario