mércores, 8 de marzo de 2017

Casares na Bibliopoleiro!

Presentámosvos o grupo de traballo que temos en marcha este ano para celebrar a Casares como merece. Tras mercar para a biblio todo o que nos faltaba da súa obra, aquí estamos traballando os seus textos (o alumnado sábeo ben), para facer unha antoloxía propia, e, como guinda do pastel, ilustrándoos e encadernándoos.

Hoxe temos a nosa primeira sesión de formación, que corresponde á ilustración de textos, mais a finalidade desta docencia non é facérmonos todos uns pintores reputados, non, senón afondar nos aspectos didácticos e creativos da ilustración para lectores novos.

En resumo, trátase dun proxecto no que profesorado e alumnado seremos protagonistas durante toda a produción do material, incluíndo a súa encadernación (que xa a dominamos grazas aos grupos de traballo do proxecto Gutenberg de anos anteriores), como se a Biblio fora unha especie de empresa editorial.

Seguiremos informando, pero mentres deixámosvos co xenial Marcos Viso que será o noso profe de ilustración. É un ourensán, arquitecto técnico de profesión, que un bo día, nas súas propias palabras, "olvidé ponerme el casco blanco y empecé a dibujar lo que soñaba."

Podedes entrar na súa web para coñecer mellor a súa obra, e aquí tendes un taboleiro coas súas ilustracións magníficas. Que aproveite!







Ningún comentario:

Publicar un comentario