luns, 26 de outubro de 2026

Memoria nos nosos corredores

 A exposición "Presas e mestras" que leva con nos dende primeiros de mes lévanos dado moi bos momentos e estanos a brindar grandes aprendizaxes:

- Os xoves pola tarde, visita guiada! Ollo, porque o vindeiro xoves día 29 será a última.

- O pasado martes 20 tivemos con nós a Paz Gómez del Valle, dando testemuño directo como descendente (neta) dunha das vítimas da prisión, que foi paseada en outono do 36. FP , 1º BACH e 4ºESO pasaron por alí a coñecer os feitos de primeira man.





- E o venres 23 tivemos a Domingo Teijeiro, que ademais de partillar con nós a súa sabedoría, pois é o historiador que mellor coñece as épocas máis escuras do noso Claustro do Poleiro, agasallounos con tres das súas últimas publicacións, que xa podedes consultar nos nosos andeis: Las cárceles de Franco, Presos e prisións na Galicia de guerra e posguerra 1936-1945 e Mujer, delicuencia, marginalidad: Cárcel, justicia ordinaria y violencia de género.

As redes do Comité de Memoria Histórica das Terras de Celanova explican a experiencia así de ben:

Rodríguez Teijeiro explicou como se dialoga coas fontes documentais e outros materiais para ir reconstruíndo anacos das condicións de vida dos presos que penaron no cárcere do Mosteiro (en realidade, “𝐯𝐚𝐫𝐢𝐨𝐬 𝐜𝐚́𝐫𝐜𝐞𝐫𝐞𝐬”, dado o proceso que experimentaron os distintos espazos) entre 1936 e 1943.
Os traballos de Rodríguez Teijeiro sobre o(s) cárcere(s) do Mosteiro conforman unha obra singular, cando menos no plano estatal, pola súa exhaustividade e profundidade como estudo de caso sobre un espazo de represión, que vén desenvolvendo desde hai tres décadas a través de ensaios como Longa Noite de Pedra no Mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova, 1936-1943 (Vía Láctea, 1998) e Presos e Prisións na Galicia de Guerra e Posguerra, 1936-1945 (Galaxia, 2010), e numerosos artigos académicos.
Este pasado venres, o profesor comezou desvelando as diferentes capas do espazo da conferencia: a biblioteca, un dos escasos lugares do conxunto que se conservan case como estaban naqueles anos da guerra e da ditadura. 𝐅𝐨𝐢 𝐦𝐨𝐬𝐭𝐫𝐚𝐧𝐝𝐨 𝐚𝐨 𝐚𝐥𝐮𝐦𝐧𝐚𝐝𝐨 𝐚𝐬 𝐟𝐞𝐫𝐫𝐚𝐦𝐞𝐧𝐭𝐚𝐬 𝐞 𝐩𝐫𝐨𝐜𝐞𝐬𝐨𝐬 𝐝𝐨 𝐭𝐚𝐥𝐥𝐞𝐫 𝐝𝐨 𝐡𝐢𝐬𝐭𝐨𝐫𝐢𝐚𝐝𝐨𝐫, como se traballa con rigor e precisión e como o material (a historia) vai cambiando ao longo do tempo grazas á incorporación de novas fontes e, tamén, de novas ferramentas.
Ensinounos como das fontes se poden inferir algo máis que datos, e mesmo chegar a elaborar un relato coherente e aproximado das condicións de vida naquelas terríbeis cadeas do franquismo onde os presos 𝐨 𝐪𝐮𝐞 𝐟𝐚𝐜𝛊́𝐚𝐧 𝐛𝐚𝐬𝐢𝐜𝐚𝐦𝐞𝐧𝐭𝐞 𝐞𝐫𝐚 “𝐞𝐬𝐩𝐞𝐫𝐚𝐫” (a que os seus procesos avanzasen cara á liberdade, eludindo a morte entre aqueles muros), mentres o réxime carcerario os castigaba e trataba de impoñerlles unha reeducación.
Rodríguez Teijeiro mostrou unha prisión “viva” (en funcionamento), en cambio constante de usos dos espazos, en ampliación pero tamén en proceso de abandono cara ao final, e como se ordenaba a circulación e se castigaba, como se organizaban as horas e como se vixiaba desde fóra (𝐜𝐚𝐭𝐨𝐫𝐜𝐞 𝐠𝐚𝐫𝐢𝐭𝐚𝐬 𝐚𝐫𝐫𝐞𝐝𝐨𝐫 𝐝𝐚 𝐩𝐫𝐢𝐬𝐢𝐨́𝐧, disparos, tres mortos documentados até hoxe), como os presos buscaban o contacto co exterior e como o enorme volume de poboación (1.500 presos de media nos anos centrais) da prisión condicionou toda a vida cotiá da vila.
“𝐀 𝐡𝐢𝐬𝐭𝐨𝐫𝐢𝐚 𝐬𝐞𝐫𝐯𝐞 𝐩𝐚𝐫𝐚 𝐜𝐨𝐧̃𝐞𝐜𝐞𝐫𝐧𝐨𝐬”, 𝐯𝐚𝐥𝐨𝐫𝐨𝐮 𝐓𝐞𝐢𝐣𝐞𝐢𝐫𝐨 𝐝𝐢𝐚𝐧𝐭𝐞 𝐝𝐞 𝐦𝐨𝐳𝐚𝐬 𝐞 𝐦𝐨𝐳𝐨𝐬 𝐝𝐞 𝐂𝐞𝐥𝐚𝐧𝐨𝐯𝐚, que empezan a ver que os lugares teñen capas, que o pasado deixou pegada, que para coñecernos cómpre exercitar o músculo da memoria, e que a historia tamén pode ser cousa de intrépidos detectives que seguen a pegada dun crime e acaban descubrindo que as vítimas foron os seus e que o silencio foi imposto durante xeracións a todo un pobo.
Grazas á dirección e ao claustro de profesoras do Instituto, 𝐞𝐧 𝐩𝐚𝐫𝐭𝐢𝐜𝐮𝐥𝐚𝐫 𝐚 𝐈𝐫𝐦𝐚 𝐞 𝐚 𝐒𝐢𝐥𝐯𝐢𝐚, con quen esperamos seguir colaborando. Grazas máis unha vez a Domingo Rodríguez Teijeiro, por axudar tanto ao Comité e ás institucións educativas de Celanova.


Millóns de grazas tamén ao Comité por achegarnos estas fantásticas oportunidades.



sábado, 24 de outubro de 2026

Día das Bibliotecas: Presentámosvos o noso calendario de formación de usuarios


 Para aprender a orientarnos na biblio, aquí vos deixamos o calendario da primeira sesión de formación de usuarios: todos os grupos da ESO pasaredes por aquí cos vosos titores para participar nesta actividade na que aprenderedes a movervos pola nosa CDU, a clasificación decimal universal pola que conseguimos, en calquera biblioteca, saber por onde andan as diferentes referencias.

Tamén vos explicaremos as peculiaridades da nosa biblio: o noso espazo dedicado a creacións propias, o espazo dedicado a Celanova e ás súas autoras e autores,  o expositor dedicado á memoria histórica, a campañas temporais ou a libros de lectura recomendados. E por suposto, a nosa rica historia!

A vosa misión? Completar, atopando as referencias oportunas, un cartaz para a vosa aula no que aparecerán 20 fitos na historia do noso xa case tricentenario edificio. Levarédelo de recordo!

Velaquí volos deixamos en virtual, premendo na imaxe... na biblio agárdanvos en físico! 





luns, 19 de outubro de 2026

Día das Escritoras


Feliz día das Escritoras! A metade da humanidade ten moito que aportar. Premede na imaxe para acceder á escolma de textos que nos preparou a Asesoría da Biblioteca Escolares. 

 

venres, 16 de outubro de 2026

Visitas riquiñas: IES Agra de Leborís da Laracha

A entrada de hoxe correspondería á sección "Cousas riquiñas que pasan na nosa biblio"... suceden a miúdo, pero non damos feito a contalas todas.

Onte veu de visita unha representación do IES Agra de Leborís da Laracha, e fixemos unha colaboración ben xeitosa (para non termos ensaiado en xuntas) xuntando poesía e música como é costume.

Deixáronnos un agasallo ben bonito e queda tamén una foto de recordo. Un saúdo para o Agra!




martes, 13 de outubro de 2026

Atención! Comezan as visitas guiadas á exposición Presas e Mestras

 


Non o perdades: Comprenderemos todo moito mellor se os compañeiros e compañeiras do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova nolo explican. Velaquí os horarios: abertos a alumnado, profesorado, persoal do centro pero tamén á veciñanza, turistas e quen queira vir e aprender de quen máis sabe.

Xoves, 15 de outubro. De 15:45 a 17:00 horas
Xoves, 22 de outubro. De 15:45 a 17:00 horas
Xoves, 29 de outubro. De 15:45 a 17:00 horas
Duracción apróx. da visita: 20 minutos.
________
Contacto do comité para grupos: memoria.celanova@gmail.com


venres, 9 de outubro de 2026

Hoxe, libros e deporte en Celanova!

 Hoxe temos no IES a Juan Luis Fernández Pérez. Fará unhas sesións para o noso alumnado de futebol gaélico e pola tarde presentará o seu libro na Casa dos Poetas. Así que o luns xa teremos na nosa biblio un exemplar para que poidades aprender máis sobre este deporte.