martes, 1 de abril de 2025

Arquivo? Sala do tesouro? Cela para presos perigosos?

LA CONSTRUCCIÓN DEL TEMPLODE CELANOVA DESDE LOS CONTRATOSDE EJECUCIÓN| REVISIÓN ARQUITECTÓNICA DE LA OBRA A PARTIR DE SUS DOCUMENTOS ... este é o título da publicación de Silvia Parada González, un estudo rigoroso do templo do mosteiro de San Salvador que fixo esta antiga alumna do centro.

Nel amósase esta ilustración, onde vemos a situación arquivo, no número 8. Algunhas veces chamado sala do tesouro (Thesaurus), dá lugar a confusión: non se referían a un tesouro de xoias nin monedas, pero si algo moito máis valioso: os arquivos documentais dos mosteiros.



 

É un lugar doado de vixiar e defender: só ten unha entrada, a través dunha pasarela con aires de solaina elevada, pegada ao muro exterior do que sería o altar maior, ao longo da Horta do Cura onde se atopa a fermosa alfaia que é a Capela de San Miguel. O seu único acceso é dende o piso superior do claustro procesional.

Xa sen documentos, baleira, esta estancia albergou, nos peores momentos, a presos aos que había que vixiar ben. Aí estivo Celso Emilio na súa Longa Noite de Pedra. 

Como Paula Conde, encargada da Fundación Curros, explica sempre aos visitantes, a pedra dura, fría, inhóspita, é a paisaxe desta cela, outro dos lugares de memoria histórica do noso contorno.

Deixámosvos unha visita virtual, con imaxes gravadas por Carlos Alonso, o noso encargado de audiovisuais, acompañadas polo texto Longa Noite de Pedra, recitado polo alumnado de 1º FPB na materia Comunicación e Ciencias Sociais. A música, un imprescindible: Negra Sombra, a cargo da profe de música, por suposto, no piano da biblioteca.






Longa Noite de Pedra de Biblio Poleiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario